Emisión DIARIO CULTURAL 17/03/2008
Preguntábame unha estudante de dereito se podía explicar a función social da poeta hoxe en relación ao movemento feminista. A pregunta semella obvia pero tiña o seu aquel porque xurdía nunha polémica inevitábel: a aparente contradición entre movemento e pensamento feminista. Máis que pregunta era un desafío e a resposta pedía seis cabazos de sedución. Podería ter contestado á galega por María do Cebreiro, “as poetas escribimos para non ter explicarnos”, pero por máis acertada que sexa, non sei se era abondo para a convencer. Cumpría pensar noutros termos e optei pola poesía asertiva e política que practicaron moitas escritoras levando á práctica aquilo que escribiu Chus Pato: “máis que un poema / libération pour femme”. Daquela empecei a debullar versos que funcionan como lemas do movemento feminista galego e catalán. Estar están escritos no papel pero poderían encher unha pancarta. “Eu tamén navegar”, de Xohana Torres; “non son perfume, son carne perfumada”, de María Xosé Queizán; “por min mesma, señores, por min mesma”, de Ana Romaní; ou, a repetida “Divisa” de Maria-Mercè Marçal: “a l’atzar agraeixo tres dons: haver nascut dona, / de classe baixa i nació oprimida. // I el tèrbor atzur de ser tres voltes rebel” (tradúzolles: “ao azar agradezo tres dons: nacer muller, / de clase baixa e nación oprimida. // E o turbio azur de ser tres veces rebelde”).
Pero ademais está toda aquela poesía que, falando desde a experiencia propia, nos ilumina, e ilumina o mundo. Así o puidemos comprobar a semana pasada na intervención de Luz Pozo Garza na Universidade de Barcelona. Ofrecía un percorrido pola súa vida-poesía, acompañada por Olivia Rodríguez. De mestre de cerimonias actuaba Basilio Losada, amigo persoal seu, que falou dun dos seus libros que tamén a min máis me prestan, Prometo a flor de loto. A seguir a autora empezou a falar e falar, e converteu o acto nun salonciño privado onde lía nos versos como quen partilla nunha tertulia. O público sucumbiu ao engado das confidencias e a esa capacidade que ten Luz Pozo para resolver a fenda entre o privado e o público, entre o eu e o mundo, entre a experiencia e a escrita. Por esta razón a intervención titulouse “Esta son eu agora e vexo o mundo”, un verso extraído de As arpas de Iwerddon, que nos sitúa no reconto dos anos de quen fusionou vida e poesía, pero tamén nos pode levar a pensar en calquera muller xa entrada en idade que bota ao lombo a saqueta de experiencia logo de medir o mundo con pasos propios.
Non sei se con esta procesión de versos aquela estudante entendeu que non hai abismo entre escrita e acción sociopolítica. Teño abondo con que saiba en carne propia que a poesía move e conmove porque verbaliza o noso estar: “Esta son eu agora e vexo o mundo”. Boa semana e boas lecturas.


2 responses so far ↓
deboracampos // Martes, 25 Marzo 2008 at 11:20 pm
Poesía que intervén? Poesía é esta resposta, benquerida Helena!
helena // Mércores, 26 Marzo 2008 at 3:22 pm
Ola, Débora! A cuestión era como tirar a poesía da gaiola de ouro e daquela a poesía precisa adxectivos, explicacións e demora. Como quen asenta lei, pero con moito tento, que hai moitas maneiras lectoras de instalarse nos poemas. Deica!
Leave a Comment