Entries categorized as ‘día das letras galegas’
Emisión DIARIO CULTURAL 18/05/2009
O tirapuxa transcorreu entre Láncara e Compostela. En Láncara a acción sitúase ao pé dun busto que seica figura ao Ramón Piñeiro (admitamos cabeza indefinida de señor con lentes, en granito, como representación do autor das Letras 2009). En Compostela a acción repítese dúas veces, e con abundancia: riada de xente con paraugas enchendo a Quintana. Ao tempo, nas Ramblas de Barcelona, diante do Centre d’Art Santa Mònica, e con sol, concentrámonos grandes e miúdos, lemos poemas, berramos, falamos e cantamos, e contamos coa concorrencia de asociacións catalás “en defensa del gallec, en defensa do galego”. Contra o que afirma o discurso oficial e o columnismo seareiro, a razón desa concurridísima manifestación de onte non responde a unha consigna de partido senón á lóxica máis elemental da soberanía popular: facer valer a opinión non só a través dos filtros dos partidos e os mecanismos electorais.
Se houber un índice de lecturas obrigatorias para quen andan en política, un dos primeiros textos que debía aparecer é un ben breve: Notas sobre a supresión xeral dos partidos políticos, escrito entre 1942 e 1943 por Simone Weil. Non se trata de ir ler en Weil como se adoita facer con O Príncipe de Maquiavelo, porque o da francesa é un texto que serve para recuperar a conciencia da actividade política como práctica nobre e coherente; nin gregaria, nin oportunista, nin carreirista. Simone Weil, sempre independente no seu pensamento, non escribiu un panfleto coxuntural senón unha revisión integral do funcionamento da democracia e xa no comezo do texto ofrece a chave que abre a lóxica do que aconteceu onte na Quintana e nas Ramblas. A pensadora defende que é condición irrenunciábel “que o pobo teña que expresar a súa vontade respecto dos problemas da vida pública e non só elixir as persoas. E menos unha elección de colectividades irresponsábeis”. A responsabilidade é a cuestión fundamental. A responsabilidade da cidadanía, de cada unha, de cada un de nós, nos asuntos da vida pública e no recoñecemento, poño por caso, dos valores pragmáticos e simbólicos do idioma. A responsabilidade é o único que nos permite non actuar só como clac dos xogos de poder e propaganda duns partidos políticos que están en cuestión. Uns partidos que Weil define nese artigo de maneira contundente (tradúzolles á brava):
Un partido político é unha máquina de fabricar paixón colectiva.
Un partido político é unha organización construída de tal xeito que exerce unha presión colectiva sobre o pensamento de cada un dos seres humanos que son membros del.
A primeira finalidade e, en última instancia, a única finalidade de todo partido político é o seu propio medre, e iso sen límite ningún.
Simone Weil e o seu pensamento coherente e consecuente incomoda o noso presente pero permite entendelo con máis claridade. Asuman a súa responsabilidade. Boa semana e boas lecturas.
Categorías: crítica da cultura · día das letras galegas · escritoras
Tagged: Nicolás Maquiavelo, Ramón Piñeiro, Simone Weil
Emisión DIARIO CULTURAL 11/05/2009
A traxectoria de Piñeiro é un convite a revisar desde a mirada masculina a traxectoria política e cultural da nación nunha parte importante do século XX. Mais, cal era o papel e a consideración das mulleres e das escritoras para o galeguismo nos longos anos do tardofranquismo?
Na correspondencia cruzada entre Piñeiro e Losada batemos cos estereotipos femininos operativos na época da dictadura. Dedúcese a muller de clase baixa, rural ou emigrante, que representaba a orixe e a esencia da nación, e que, segundo a tradición galeguista, xa na II República, estaría particularmente influída pola Igrexa, un prexuízo que cómpre ir matizando. Dedúcese tamén a reprodutora e anxo do fogar entregada á preservación da familia. E, finalmente, a muller ilustrada que participa na actividade galeguista, tratada esta con cordialidade en canto que asumía un compromiso coa causa. Non quero aquí abundar nesa misoxinia cordial de clube de señores que atravesa o galeguismo e o nacionalismo nos anos 60, senón sinalar aqueles datos que nestas cartas apuntan cara ao recoñecemento das mulleres. Verán, na crónica de Piñeiro e Losada seguimos a Pura Vázquez como autora da letra dunha canción en galego que concursaba no Festival da Canción Mediterránea, coñecemos os primeiros pasos da cantante Margariña ou o disco galego dunha catalá hoxe esquecida, Jacinta. Sabemos das mozas universitarias, como Teresa Otero Sande, a primeira con Ferrín en querer presentar a súa tese de doutoramento en galego na universidade de Compostela, aínda que realmente foi Camino Noia a primeira que chegou a defendela. E sabemos tamén de investigadoras estranxeiras interesadas nos estudos galegos, como Margot Sponer ou Maria Elvira Lacaci. E, por suposto, fálase das escritoras: Luz Pozo Garza, Pura Vázquez, María do Carme Kruckenberg, María Xosé Queizán, mesmo a controvertida Victoria Armesto e, en varias ocasións, Xohana Torres. En 1962 Piñeiro, ao valorar os máis firmes valores da nova narrativa galega (Mourullo, Ferrín, Camilo Gonsar), afirma:
E tamén teremos que lle prestar atención á poetisa Xohana Torres como prosista. Eu conózolle os primeiros capítulos dunha novela e parecéronme de grande fermosura literaria. Escribiu tamén unha obra de teatro, que eu aínda non conozo. [...] É muller de gran intelixencia e rexa persoalidade. (pp. 107-108)
Da novela nada sabemos, as obras de teatro logo levaron premio, e pouco despois había estrearse como autora e tradutora de literatura infantil. Así que o desexo de escrita de Xohana Torres, ambicioso, abundante e comprometido nuns anos fundamentais para a vertebración do galeguismo, foi un reto que Piñeiro e os colegas nacionalistas souberon recoñecer, case sempre.
Ventureiras Letras Galegas, boa manifestación e boas lecturas.
Categorías: crítica da cultura · día das letras galegas · escritoras · literatura · memorias · nación
Tagged: Basilio Losada Castro, Camilo González Suárez-Llanos (Camilo Gonsar), Gonzalo Rodríguez Mourullo, Jacinta, Luz Pozo Garza, María Camino Noia, María do Carme Kruckenberg, María Victoria Fernández-España (Victoria Armesto), María Xosé Queizán, Margariña Valderrama Currás, Margot Sponer, Maria Elvira Lacaci, Pura Vázquez, Ramón Piñeiro, Teresa Otero Sande, Xohana Torres, Xosé Luís Méndez Ferrín
Emisión DIARIO CULTURAL 04/05/2009
Quen nos ía dicir hai un ano que Feijoo ía dar cabo ao debate sobre como debía ser o 17 de maio. El soíño, sen precisar sequera persoa que se faga cargo da política lingüística do seu goberno, vén de facer o posible para que o vindeiro 17 de maio volva ser unha xornada reivindicativa, con manifestación pública e popular en defensa do idioma e da cultura galegas.
Hai agora un ano, cun puntiño de aborrecemento, participabamos no tirapuxa do Día das Letras Galegas. Que se día festivo ou non, que se Letras mortas ou Letras vivas, que se día de conmemoracións ou de vacacións, que se pasado ou presente… Mesmo houbo quen, ao saber que hogano as Letras ían ser para Ramón Piñeiro, pensou que a súa figura só había servir para vestir santóns e escribir haxiografías. Logo rematou a lexislatura do bipartito, houbo eleccións, gañou Feijoo, e seica el soíño, coa súa táboa de cabaleiros e damas da mesa redonda, consegue ter unha idea cabal do que pensa a sociedade civil en materia de lingua. Ben era que a coitada da lingua e a coitada da escola non foran tan maltratadiñas, facendo delas campo de batalla mentres as avaliacións do ensino no Estado español non viven precisamente os seus mellores días. Mais nesas andamos, convertendo a palabra liberdade nun farrapo nas bocas neoliberais e facendo da escola un pandeiro. O goberno da Comunidade de Madrid encheu as televisións cun spot das súas escolas en español-inglés e Esperanza Aguirre, no ton habitual, afirma que quere que os madrileños sexan bilingües, iso si, cun bilingüismo que non significa unha defensa do coñecemento de linguas senón apenas unha claudicación do monolingüismo imperante diante da presión globalizadora. Non sei de ninguén que defenda o coñecemento do galego como unha elección excluínte, senón como unha suma de linguas e, tal como evolúe Babel, unha boa educación trilingüe (galego, castelán e mais unha lingua estranxeira, polo menos) prepara cidadás e cidadáns para os tempos que veñen, porque aprender linguas non é unha mostra de discriminación senón unha maneira de abranguer e comprender o mundo no que vivimos. O inventario de razóns é longo. Cando rematan os argumentos sempre queda unha dúbida: por que será que algunhas nais e pais de Galicia Bilingüe desconfían tanto da capacidade de aprendizaxe e coñecemento crítico das súas fillas e fillos? Desculpen a dúbida, será que fun educada na consigna popular de que o “saber non ocupa lugar”.
Convirá reler de vagariño a Ramón Piñeiro e as súas reflexións sobre a lingua, e sobre todo saír á rúa, participar nos actos e manifestacións previstas para o 17 de maio, para que se oia o que pensa a sociedade civil contra a derrogación do decreto do galego, porque, como escribiu Xohana Torres, “se ardemos, sopra o vento”. E habemos arder, a prol do galego, en Compostela e nas Ramblas de Barcelona. Boa semana e boas lecturas.
Categorías: crítica da cultura · día das letras galegas
Tagged: Alberto Núñez Feijoo, Esperanza Aguirre, Ramón Piñeiro, Xohana Torres
Emisión DIARIO CULTURAL 07/07/2008
Se cadra é moito pedir mais nas Letras que nos veñen agradecíase que nos aforren tópicos mazados sobre unha das figuras centrais, e controvertidas, da longa noite de pedra. Como as Letras Galegas xa non son o santoral da nación, hai vagar para o matiz e a contradicción, por moi tentador e confortábel que resulte o Ramón Piñeiro de só dúas caras: teoloxía fronte demonoloxía, o santo laico fronte o anticomunista. As Letras 2009 convidan a revisar medio século de reconstitución cultural, na que os protagonistas son persoeiros que marcaron a nosa historia recente, e a algúns aínda non lles demos pagado a maquía polo traballo infatigábel de facelo todiño. Leremos estudos, epistolarios e biografías con apelidos que o din todo, e non sen controversias: Piñeiro (Ramón), Fernández del Riego (Francisco), Carballo Calero (Ricardo), Fernández de la Vega (Celestino), Otero Pedrayo (Ramón), Illa Couto (Xaime), García-Sabell (Domingo), e un longo etcétera.
Mais, cal vai ser o papel das galeguistas nesa memoria? Boto as contas das mulleres que estaban alí e seguen abrindo interrogantes. Xohana Torres, activa dinamizadora do galego nos anos 60, a primeira muller que o abrangue todo: poesía, literatura infantil, teatro, novela, tradución, gravación de discos de poesía galega, e eses programas radiofónicos dos que non sabemos nada, Teresa e Raíz e tempo, que se mantivo en antena entre 1965 e 1975, ou dito doutro xeito, entre as primeiras Letras Galegas e a morte da dictadura. Luz Pozo Garza, infatigábel editora e crítica literaria, que abriu pontes cara a cultura francesa e alemana desde as páxinas de Nordés. María Mariño, a escritora ceiba que se adianta á postmodernidade. María Xosé Queizán, que participa na fundación do nacionalismo independentista e logo se independiza inaugurando o feminismo nacionalista. Anisia Miranda, Dora e Pura Vazquez, que desde as marxes escriben literatura infantil cando esa necesidade non tiña recoñecemento. Elsa Fernández, a libreira de Follas Novas, que encheu desde Bos Aires os andeis do galeguismo, porque tamén quen levan as fontanerías da cultura queren recoñecemento. Teresa Barro, Antía Cal, María do Carme Kruckenberg, Micaela Misiego… e mesmo aquelas estranxeiras que se achegaron á cultura galega e tanto fascinaran ao stablishment: Anne Marie Morris, Nina Epton, Maria Elvira Lacaci, Luciana Stegagno Picchio… Estas son algunhas escritoras e intelectuais que saen nos índices onomásticos. Non sabemos case nada do papel que elas asumían, non do que eles lles recoñecían, porque no relato historiográfico quedan inmobilizadas en clixés ou relegadas ao papel de mulleres de. Por certo, en Xelmírez 15 tamén vivía Isabel, Isabel López García, e era enfermeira. Boa semana e boas lecturas, á procura das Letras delas.
Categorías: crítica da cultura · día das letras galegas · escritoras · feminismo · herstory · literatura · nación · patriarcado
Tagged: Anisia Miranda, Anne Marie Morris, Antía Cal, Celestino Fernández de la Vega, Domingo García-Sabell, Dora Vázquez, Elsa Fernández, Francisco Fernández del Riego, Isabel López García, Luciano Stegagno Picchio, Luz Pozo Garza, María do Carme Kruckenberg, María Xosé Queizán, Maria Elvira Lacaci, Micaela Misiego, Nina Epton, Pura Vázquez, Ramón Otero Pedrayo, Ramón Piñeiro, Ricardo Carballo Calero, Teresa Barro, Xaime Isla Couto, Xohana Torres