Entries categorized as ‘feminismo’
Emisión DIARIO CULTURAL 22/06/2009
A voltas co sexismo na linguaxe por unha conversa cunha colega, matinaba nas e nos especialistas de lingüística. Para a maioría soa a arroutada incontrolada de ministra. Se cadra a resistencia aos cambios leva a asumir certezas científicas sobre a falta de correspondencia entre a gramática e a representación do mundo. Eu, na última, zafei: “Mira, meu, sonche de literatura e de galego, e se algo sei é que as normativas non che son especies ventureiras”. Logo remitín ao artigo de Olga Castro na Festa da Palabra Silenciada, e se me encirran aínda lles había dar a url da tradución ao español que está en Mujeres en red. Olga Castro non é a primeira en enfrontarse á cuestión, mais a ela lle debemos as análises máis rigorosas onda nós. Do asunto ocupouse, con menos ciencia e máis retranca, Maria-Aurèlia Capmany. Quen non vivimos a intensa vida cultural dos 60 só sabemos dela os restos: os retratos desafiantes co cigarro, que foi escritora prolífica e, sobre todo, a súa actividade teatral poñendo en escena Espriu. Desa proveitosa relación queda unha nota crítica para La pell de brau recollida en Ediciós do Castro. E sabemos agora que foi unha das catalás que en 1966 se adheriu á homenaxe a Celso Emilio Ferreiro, respondendo a un pedimento de Ferrín no que mediaron Costa Clavell e Basilio Losada. Pouco máis. Para poñerse ao día dunha vida tan intensa paga a pena ler un libro moi recomendable e recente, porque Montserrat Palau, a súa editora, amiga e estudosa, vén de publicar Maria-Aurèlia Capmany. Escriure la vida en femení (Arola Editors, 2009). Capmany foi das primeiriñas en ler e importar as propostas de Simone de Beauvoir e Betty Friedan e por iso teimou en definir unha vez e mais outra o que era a muller dentro dos parámetros da segunda onda feminista en títulos como La dona catalana (1968), Feliçment, jo sóc una dona (1969) ou El feminisme a Catalunya (1973). Ogallá que as coleccións que viñan traducindo as clásicas do feminismo ao galego reparen nela. (Atención, administracións: velaquí unha oportunidade para demostrar diálogo co presente: xénero, lingua, tradución e… subvención). Porque, si, paga a pena recuperar esta escritora ceiba que nos 60 traduciu… ao catalán O barón rampante de Calvino!
Como lles dicía, en 1973, Maria-Aurèlia Capmany, sobrada de retranca, exemplificou o sexismo na linguaxe en Carta abierta al macho ibérico. Tradúzolles un anaco á brava:
Lembro o barullo que se armou na clase de filosofía cando, para demostrar as formas a priori da sensibilidade de Kant, eu dixen: “Nosoutras percibimos…”. O doutor Font i Puig, moi amable, interrompeu o meu discurso e díxome: “Señorita Capmany, por favor! Non volva dicir nosoutras. O feminino non ten carta de natureza no templo da sabedoría. Diga vostede nós, a súa magnífica intelixencia masculina dálle dereito a empregar o nós.”
Boa semana e boas lecturas.
Categorías: escritoras · estudos de feminismo e xénero · feminismo · lingua e sexismo
Tagged: Basilio Losada Castro, Betty Friedan, Celso Emilio Ferreiro, Italo Calvino, Maria-Aurèlia Capmany, Montserrat Palau i Vergés, Olga Castro, Pere Font i Puig, Salvador Espriu, Simone de Beauvoir, Xavier Costa Clavell, Xosé Luís Méndez Ferrín
Emisión DIARIO CULTURAL 16/03/2009
Hoxe, unha de identidades. En concreto sobre a criatura mecánica, o corpo dramático e mais a homo sapiens que conflúen nese campo base que atende por Estíbaliz Espinosa e defende o blog como laboratorio de creación. No blog, e non só nel, a identidade constrúese, desdóbrase nunha outra siamesa da que non te podes desprender e, aínda que poida parecer contradictorio, sobreexponse de tal xeito que o eu se volatiliza.
Venres 13 de marzo. Estíbaliz Espinosa guía o seminario Hai unha criatura mecánica detrás de todo isto. O obxectivo non é só dar a coñecer a súa escrita, que non marca fronteira entre o papel e a pantalla, senón abrir un proceso de reflexión sobre o blog como laboratorio de creación pronto a usar e a innovar; unha práctica da que carece, por exemplo, a literatura catalá de autoría feminina. Claudia Herbst alertou nos seus traballos sobre as difíciles relacións entre a tecnoloxía e o xénero porque de sempre a programación de todos os aparellos que nos rodea está feita por homes. Todos? “Todos non”, retruca Estíbaliz Espinosa e reivindica a xinea que leva deica Ada Lovelace, a filla sabia de Lord Byron, a experta en matemáticas e astronomía que inventou a máquina analítica e se converteu así na primeira programadora da historia. Feita a precisión histórica, empeza a debullar as posibilidades que lle abre o blog. Nunha homenaxe imprevista a Monique Wittig, que esixira recoñecemento para a descoñecida muller do soldado descoñecido, Espinosa refírese a esa autora que sae nos listados bibliográficos mais non nas historias: Anónima. Reivindica a Anónima e sinala que constitúe todo un reto de seu porque a disolución da escritora suporía o recoñecemento da autonomía do texto e a desaparición dos prexuízos sobre quen escribe, aínda que alerte tamén contra esoutros eu insidiosos que van coma trolls pola agra dixital. Defendeu aínda outras formas para esa primeira persoa inestábel: un eu con subxectividades interpostas que se prolongan na outra siamesa, na monstrua ou na híbrida mecánica que, como defenden Donna Haraway e Marina Núñez, non distingue materia biolóxica de tecnolóxica.
Domingo 15; onte. Derradeira función en Barcelona de El club de la calceta, que xa vai cara a Madrid. Varias semanas dicindo o texto naquel teatro acolledor a un pasiño do Hospital de Sant Pau e a obra ten un ritmo e unha axilidade fantástica tamén en castelán. Á saída o público arremuíñase na porta para elixir personaxe e abundar nas virtudes da calceta comunal. Flor Maceiras, Laura Ponte, María Salgueiro, Elina Luaces, Luísa Merelas, Imma Antonio e Estíbaliz Espinosa, tantas funcións desdobrándose noutras mulleres que tamén elas saben desoutra siamesa que levan consigo cando encarnan unha personaxe.
En forma de criatura mecánica ou dramática, eu sempre son moitas outras. Boa semana e boas lecturas.
Categorías: escritoras · feminismo · identidade · literatura
Tagged: Ada Lovelace, Claudia Herbst, Donna Haraway, Elina Luaces, Estíbaliz Espinosa, Flor Maceiras, Imma Antonio, Laura Ponte, Lord Byron (George Gordon Byron), Luísa Merelas, María Salgueiro, Marina Núñez, Monique Wittig
Emisión DIARIO CULTURAL 02/03/2009
Voulles aforrar catro palabras sobre o resultado das eleccións, mais teño para min que vai haber que botar man do humor para pensar, para pensármonos, doutra maneira nos tempos que veñen. Por iso hoxe abro coa receita dos soados sándwiches de cogombro que se ofrecían ás seareiras da Académie des Femmes, que ían á rue Saint Jacob para gozar das artes e do sexo. A receita orixinal reprodúcese na nova edición do Ladies Almanach de Djuna Barnes.
Cogombro, sal, aceite de oliva, zume de limón, azucre, pementa branca, manteiga, nata e unha chisquiña de mostaza de Dijon, todo mesturado con xeito e servido entre rebandas de pan inglés. Esta era unha das larpeiradas máis gabadas daquel coñecido salón do París dos anos vinte. A receita élles só unha das moitas curiosidades que se debullan na edición de El almanaque de las mujeres recuperado este inverno por Egales Editorial, con nova tradución ao español. Abre o libro un limiar imprescindible de Isabel Franc (ou se a prefiren pola súa outra literaria, Lola Van Guardia), que ofrece as chaves de lectura para rir coa retranca de Barnes. E péchase cunha entrevista á autora, xa velliña, traducida por Josefa Contijoch.
A autora deste singular almanaque, a americana Djuna Barnes, chegara a París como xornalista. Axiña deu en ser unha das mulleres máis destacadas da ribeira esquerda do Sena e seareira da Académie des Femmes. O seu estilo retranqueiro alimentábase do outing lésbico, un punto de frivolidade que alivia os rigores da escrita de pose transcendente e unha poderosa capacidade para alterar as cousas na súa viradeira satírica. Esa é a fórmula coa que escribe esta noveliña singular sobre o círculo sáfico do que ela mesma formou parte, revirando un formato clásico da cultura popular: o almanaque. O Ladies Almanach, publicado por primeira vez en 1928, reconstrúe, mes a mes, as personaxes e as historias daquel salon que gobernaba Natalie Barney, convertida na protagonista do libro co nome de Madame Muset, unha sorte de desenfreada heroína sáfica que procura salvar as mulleres do xugo dos homes. A estrutura alanca segundo a lóxica dos meses, desde a reivindicación feminista do dereito ao goce das mulleres no mes de xaneiro deica o pasamento da protagonista, xa vella, no decembro, logo de reivindicar e caricaturizar a vida disoluta daquel círculo. O libro ilustrábase cos coñecidos deseños feitos pola propia autora, calcadiños dos gravados antigos, e mais as fórmulas de propaganda habituais destas publicacións. Reparen: “O libro que todas as Señoras deberían levar consigo, como o Sacerdote o breviario, como o Cociñeiro as súas receitas, como o Doutor as súas mediciñas, como a Noiva os seus medos e o León os seus ruxidos”. Que boten unhas boas risas, necesarias, e que lles preste. Boa semana e boas lecturas.
Categorías: escritoras · feminismo · herstory
Tagged: Djuna Barnes, Isabel Franc (Lola Van Guardia), Josefa Contijoch, Madame Muset, Natalie Barney
Emisión DIARIO CULTURAL 23/02/2009
Unha das cuestións que está a interrogar seguido o noso presente é a do multiculturalismo, que en apariencia recoñece a pluralidade cultural mais, de feito, funciona como instrumento de marxinación “desoutras culturas”, e afecta de maneira singular ás mulleres.
Desculpen que non me ocupe das eleccións, a crise económica ou o resultado dos Oscars, mais hai unhas semaniñas tivo lugar en Barcelona un seminario que non deixou indiferente a ninguén xa desde o título, tirado dun traballo moi citado de Susan M. Okin: O multiculturalismo dana as mulleres? O caso da mutilación xenital feminina. Abriu a sesión un documental ben interesante de Pia Ranzato titulado Le tradizioni antiche non sono verità assolute (As tradicións antigas non son unha verdade absoluta). Nel explícanse as modalidades de mutilación xenital e recóllense as opinións de moitas mulleres africanas expostas durante o encontro de Bamako en 2005. O debate guiouno a filósofa Elena Laurenzi, a quen coñecen, se cadra, como especialista en María Zambrano, tamén desde as páxinas da revista Andaina. Abriu a súa intervención no seminario coa análise dun caso evidente de mala práctica multicultural, facendo fincapé nun feito: en Europa a mutilación xenital feminina só interesa cando acontece da porta para dentro e non cando acontece en Africa, aínda que afecte a tantas mulleres. Puxo como exemplo de política multicultural errada unha iniciativa que xurdiu en Florencia no ano 2003 cando o sistema público de sanidade aprobou unha fórmula “atenuada”, seica, de ablación, que contou co prace dalgúns homes en representación das comunidades implicadas. Ás mulleres, ás que sofren a mutilación, non se lles preguntou nadiña. Laurenzi debullaba unhas preguntas con outras que formularon Fina Birulés, Isabel Franc, Encarna Sanahuja, Marta Segarra ou Verena Stolke, entre outras. Insistiuse en que da circuncisión masculina á ablación feminina hai un bo cacho, tanto nas consecuencias físicas como simbólicas, por iso se defendeu a importancia de poñerlle o nome axeitado: mutilación xenital feminina. Denunciouse a medicalización do corpo das mulleres e alertouse contra visións moles que “toleran” a diversidade cultural e, daquela, denunciáronse esas prácticas multiculturais occidentais que, baixo unha tona de respecto, autorizan formas de maior marxinación para as mulleres “desoutras” comunidades enxertadas nas culturas occidentais.
Se teñen interese no tema no Centro de Documentación Alecrín de Vigo hai unha copia do documental de Pia Ranzato, e para ler sobre este caso recoméndolles os traballos de Elena Laurenzi, especialmente o que se inclúe no libro Violencia deliberada (2007), publicado por Icaria. E onda nós sempre están os traballos de María Xosé Agra. Boa semana e boas lecturas.
Categorías: feminismo · multiculturalismo · patriarcado
Tagged: Elena Laurenzi, Encarna Sanahuja, Fina Birulés, Isabel Franc (Lola Van Guardia), María Xosé Agra, María Zambrano, Marta Segarra, Pia Ranzato, Susan Moller Okin, Verena Stolke