Entries categorized as ‘identidade’
Emisión DIARIO CULTURAL 29/06/2009
Leo o discurso pronunciado polo Presidente Feijoo na entrega das Medallas Castelao 2009. Como o ton político nesta xeira é o da aberta cordialidade non se me terá a mal o comentario do discurso. Para empezar aconséllase ao gabinete presidencial un repasiño aos discursos institucionais para que se axusten ás normas oficiais do idioma, porque no das Medallas Castelao, publicado na web do goberno galego, hai unha boa presada de erros lingüísticos (emprego incorrecto de pronomes, verbos, acentos, castelanismos…) que cómpre evitar en calquera uso do idioma, sobre todo se é tan formal coma este. Agardo que a calidade de lingua do presidente ha mellorar no futuro porque a estas alturas aínda queda entre o persoal de San Caetano unha boa presada de funcionarias e funcionarios que pasaron a proba de lingua galega e, daquela, poden darlle un repasiño aos textos presidenciais. E de camiño que se revisa a morfoloxía e a sintaxe ben podían eliminar os restos de sexismo lingüístico; son poucos, pero algún quedou. Confío en que a calidade de lingua da primeira institución galega ha mellorar porque peor o tiña o Presidente da Generalitat, Montilla, que nin era catalán-falante nin tiña moi claro o do sexismo lingüístico e agora fala e publica os discursos cunha corrección á altura do cargo que desempeña.
No discurso cítase a Gandhi, a Luther King e a Mandela como modelos de superación de conflito, e non sei se acertou coa hipérbole, porque se lle hai que poñer cara a un hipotético ku klux clan do galego… Logo dáse unha reviravolta para evitar as espiñas de Castelao. Agora que se conseguira evitar pronunciar en público Premios Nacionais, resulta que vai e bate co de Sempre en Galiza. E como fai para non lle entrar ao rego ao de Rianxo?, pois citando a Fernández Flórez cando afirmou que Castelao era o Gandhi galego. Iso si, colleuse a cita con pinzas para zafar o resto do episodio, que remata coa defensa explícita por parte de Castelao da lingua galega.
Como ben saben, nese discurso o Presidente Feijoo defendeu o galeguismo cordial, explicado como sinónimo de galeguismo harmónico, e digo eu se non sería un lapsus, porque aténdose á descrición dos feitos, máis ben habería que falar de españolismo cordial. A verdade é que esta tempada ándolles tan perdida que me cómpre con urxencia un novo dicionario, porque xa non sei o que se quere dicir cando se di liberdade, bilingüismo amable, galeguismo cordial ou patriotismo (o de patriotismo empregouno Feijoo no seu discurso, e non lles sei dicir se o empregaba seguindo a Rosalía na “Estranxeira na súa patria” ou como eufemismo conservador do termo nación).
A fotógrafa portuguesa Joana Pimentel titulou un dos seus traballos O que se lê, ela não lê. Pois iso me debe pasar, que o que leo nos discursos e nas novas dos xornais eu non o leo, quero dicir, eu non o entendo. Boa semana e boas lecturas.
Categorías: crítica da cultura · identidade · lingua e sexismo
Tagged: Afonso Daniel Rodríguez Castelao, Alberto Núñez Feijoo, Joana Pimentel, José Montilla, Mahatma Gandhi, Martin Luther King, Nelson Mandela, Rosalía de Castro, Wenceslao Fernández Flórez
Emisión DIARIO CULTURAL 30/03/2009
Hibridar é sinónimo de presente. A maternidade segundo Thomas Beatie ou Rubén Noé, o atletismo flex foot, a amizade facebook…, todo hibrida, mais as artes, como territorio especulativo da teoría e a forma, case sempre o fixeron antes. Por iso lles hai que prestar atención aos centros que producen experimentación, como o Centre d’Art Santa Mònica, que reabre esta semana.
Fronte á urxencia taxonómica da modernidade, a postmodernidade permitiu pensar alén das razas puras, as categorías estábeis, o sexo nun corpo delimitadiño e o xénero pechado nos seus roles. Moitas das novas que enchen agora as páxinas de sociedade pasaron antes polas de cultura en forma de literatura, cinema ou arte experimental porque as artes fan de simulador de realidades inexistentes, van máis alá e abren debate antes de que os xornais escriban titulares charramangueiros e resesos con supostas monstruosidades que non son máis que o resultado da hibridación, do presente. Penso, claro, no caso Rubén Noé.
Neste aspecto moito nos interesa o novo Centre d’Art Santa Mònica, un interrogante artístico ao final das Ramblas, ou, como di o seu lema: “arte, ciencia, pensamento, comunicación”. Coherente coa súa política reaparece nun novo corpo virtual hibridado que combina web, youtube, myspace, facebook, flickr, etc., porque as entidades corporativas do noso presente mutaron en polbo identitario con múltiples patas dixitais. Para a inauguración anúnciase un músico singular, Carles Santos, que se vai deixar caer Ramblas abaixo tocando o piano, e mais unha instalación de Alfredo Jaar que estra preguntas sobre a arte e a cultura como: “é necesaria a arte?, a cultura é crítica social?, que responsabilidades ten a cultura?”. Agora ben, a proposta máis rechamante desta reinauguración titúlase From I to J, en referencia ao From A to X de John Berger. A directora de cine Isabel Coixet, sempre interesada na literatura, que hai unhas semanas conversaba en Barcelona con Murakami, pensou unha instalación con deseño da arquitecta Benedetta Tagliabue a partir dese libro de Berger. En grupos pequerrechos poderanse escoitar as cartas que unha muller lle escribe a un preso que ten prohibido responder. Esa escrita sen retorno, ese falar na absoluta soidade, vaise debullando en cartas lidas por actrices como Isabelle Huppert, Leonor Watling, Carme Elias, Juliette Binoche, Maria de Medeiros ou Penélope Cruz. A soidade escrita contrasta coa lectura colectiva. Os textos escóitanse en grupo mais intervense na comunicación por medio da instalación e en certo xeito asúmese que o texto fai camiño ao longo dun labirinto de mediacións lectoras. Ler de maneira híbrida, co texto literario batendo contra a instalación artística nun museo, é unha maneira de incomodar a lectura fóra da páxina. Boa semana e boas lecturas híbridas.
Categorías: artes visuais · corpo · crítica da cultura · identidade · literatura
Tagged: Alfredo Jaar, Benedetta Tagliabue, Carles Santos, Carme Elias, Haruki Murakami, Isabel Coixet, Isabelle Huppert, John Berger, Juliette Binoche, Leonor Watling, Maria de Medeiros, Penélope Cruz, Rubén Noé Coronado, Thomas Beatie
Emisión DIARIO CULTURAL 16/03/2009
Hoxe, unha de identidades. En concreto sobre a criatura mecánica, o corpo dramático e mais a homo sapiens que conflúen nese campo base que atende por Estíbaliz Espinosa e defende o blog como laboratorio de creación. No blog, e non só nel, a identidade constrúese, desdóbrase nunha outra siamesa da que non te podes desprender e, aínda que poida parecer contradictorio, sobreexponse de tal xeito que o eu se volatiliza.
Venres 13 de marzo. Estíbaliz Espinosa guía o seminario Hai unha criatura mecánica detrás de todo isto. O obxectivo non é só dar a coñecer a súa escrita, que non marca fronteira entre o papel e a pantalla, senón abrir un proceso de reflexión sobre o blog como laboratorio de creación pronto a usar e a innovar; unha práctica da que carece, por exemplo, a literatura catalá de autoría feminina. Claudia Herbst alertou nos seus traballos sobre as difíciles relacións entre a tecnoloxía e o xénero porque de sempre a programación de todos os aparellos que nos rodea está feita por homes. Todos? “Todos non”, retruca Estíbaliz Espinosa e reivindica a xinea que leva deica Ada Lovelace, a filla sabia de Lord Byron, a experta en matemáticas e astronomía que inventou a máquina analítica e se converteu así na primeira programadora da historia. Feita a precisión histórica, empeza a debullar as posibilidades que lle abre o blog. Nunha homenaxe imprevista a Monique Wittig, que esixira recoñecemento para a descoñecida muller do soldado descoñecido, Espinosa refírese a esa autora que sae nos listados bibliográficos mais non nas historias: Anónima. Reivindica a Anónima e sinala que constitúe todo un reto de seu porque a disolución da escritora suporía o recoñecemento da autonomía do texto e a desaparición dos prexuízos sobre quen escribe, aínda que alerte tamén contra esoutros eu insidiosos que van coma trolls pola agra dixital. Defendeu aínda outras formas para esa primeira persoa inestábel: un eu con subxectividades interpostas que se prolongan na outra siamesa, na monstrua ou na híbrida mecánica que, como defenden Donna Haraway e Marina Núñez, non distingue materia biolóxica de tecnolóxica.
Domingo 15; onte. Derradeira función en Barcelona de El club de la calceta, que xa vai cara a Madrid. Varias semanas dicindo o texto naquel teatro acolledor a un pasiño do Hospital de Sant Pau e a obra ten un ritmo e unha axilidade fantástica tamén en castelán. Á saída o público arremuíñase na porta para elixir personaxe e abundar nas virtudes da calceta comunal. Flor Maceiras, Laura Ponte, María Salgueiro, Elina Luaces, Luísa Merelas, Imma Antonio e Estíbaliz Espinosa, tantas funcións desdobrándose noutras mulleres que tamén elas saben desoutra siamesa que levan consigo cando encarnan unha personaxe.
En forma de criatura mecánica ou dramática, eu sempre son moitas outras. Boa semana e boas lecturas.
Categorías: escritoras · feminismo · identidade · literatura
Tagged: Ada Lovelace, Claudia Herbst, Donna Haraway, Elina Luaces, Estíbaliz Espinosa, Flor Maceiras, Imma Antonio, Laura Ponte, Lord Byron (George Gordon Byron), Luísa Merelas, María Salgueiro, Marina Núñez, Monique Wittig
Emisión DIARIO CULTURAL 15/12/2008
Judith Butler ocupa lugar nos andeis de novidades das librerías cos últimos readers publicados nos Estados Unidos e mais coas entrevistas que aparecen nas revistas de cultura e pensamento. Exit Book vén de publicar unha entrevista con ela, que se suma a outras anteriores nas revistas Metrópolis e Lectora, nas que Butler falou sen cancelas.
A entrevista é unha modalidade de eséxese que me resulta do máis interesante. A entrevista permite un achegamento dixerido aos discursos complexos, ou prolixamente elaborados, que se desenvolven en forma de artigo ou libro e engaden aínda a posibilidade de mostar as contradiccións e os puntos escuros que detecta quen entrevista. Por riba permiten, ademais, encarnar unha formulación intelectual nun corpo e nunha experiencia vital; a fin de contas toda teoría se sustenta tamén nunha biografía. Así se comproba nas últimas entrevistas que lle lin a Judith Butler nos dous últimos anos. Exit Book, especializada na arte e a cultura visuais, ofrece no seu número 9 (2008) un monográfico sobre feminismo e arte de xénero, consecuencia, sen dúbida daquelas grandes exposicións que tiveron lugar en Los Angeles, Bilbao e Compostela. Refírome, claro, a Wack!, Kiss kiss bang bang e mais A batalla dos xéneros. O monográfico ofrece unha posta ao día do debate feminista con artigos de Amelia Jones, Estrella de Diego ou Ana Martínez-Collado, unha interesante sección de libros, na que colaboran, entre outros Patricia Mayayo e Pedro de Llano, e, sobre todo, ofrece dúas entrevistas, unha con Rosi Braidotti e outra, máis gorentosa, con Judith Butler, feita por Juan Vicente Aliaga. Aliaga centra as súas preguntas nun aspecto central do pensamento de Butler, a categoría de xénero, e logo entra nun aspecto recorrente nas últimas entrevistas e intervencións da pensadora: a violencia bélica exercida polos Estados Unidos e Israel. Os temas non se afastan moito doutras entrevistas, interesantísimas, a Butler publicadas nos dous últimos anos. Refírome á que lle fixo Fina Birulés para o número 78 (2008) da revista barcelonesa Metrópolis, que lles recomendo vivamente porque son dúas filósofas interpelándose, fronte por fronte, e mais a publicada no número 13 (2007) de Lectora, feita por Patrícia Soley-Beltran e Beatriz Preciado.
Neste ano 2008 publicaronse varios readers como Judith Butler. Sexual politics, social change and the power of the performative (Routledge, 2008) editado por Jill Jagger, ou Judith Butler and political theory (Roudledge, 2008), editado por Terrell Carver e Samuel A. Chambers, así como unha conferencia pronunciada por Butler en Barcelona que se titulou Vulnerabilitat, supervivència (2008), que se glosou neste comentario de opinión. Hai moitos textos frescos de e sobre Butler mais eu nunca renunciaría a corporeizar o seu pensamento, que é o valor engadido que teñen as entrevistas. Boa semana e boas lecturas.
Categorías: artes visuais · corpo · crítica da cultura · estudos de feminismo e xénero · feminismo · identidade · violencia
Tagged: Amelia Jones, Ana Martínez-Collado, Beatriz Preciado, Estrella de Diego, Fina Birulés, Jill Jagger, Juan Vicente Aliaga, Judith Butler, Patrícia Soley-Beltran, Patricia Mayayo, Pedro de Llano, Rosi Braidotti, Samuel A. Chambers, Terrell Carver