Entries categorized as ‘violencia’
Volvamos ao Fondo María Luz Morales do Ateneu Barcelonès. Boa parte das cartas conservadas son notas gabanciosas á procura dunha nota crítica favorable ou ben un sinal de recoñecemento, por iso se conservan libros autógrafos e notas de Ricard Salvat, Corredor Matheos ou Díaz-Plaja.

<\ Autógrafo do libro de Blanco Amor, Romances galegos (Buenos Aires: Céltiga, 1928) dedicado a Ángel Sojo, director do xornal bonaerense La Razón, con data 15/09/1928
Xavier Costa Clavell, por exemplo, dedícalle un poemario en castelán, El hombre y la muerte (1966) que, segundo a cuberta, se publicou na Editorial Cordillera de San Juan de Porto Rico aínda que o depósito legal é de Barcelona. Porén, desde a perspectiva galega o máis interesante dese fondo son as evidencias dunha amizade cordial co escritor Eduardo Blanco-Amor. Coñecéronse antes da guerra grazas ao estreito contacto de Morales co Partido Galeguista e o círculo nacionalista de Ourense, como se pode comprobar na ficha do Album de Mulleres do Consello da Cultura de Galega preparada por Carme Vidal, que debe ser, xunto con González Gómez, quen máis sabe das conexións galegas da escritora. No Ateneu Barcelonès consérvanse dous libros autógrafos de Blanco-Amor e mais unha carta (reprodúcese íntegro o orixinal):
1-III-1968
A Mari Luz Morales, en su gripe
Mi buena amiga: ¡Qué vergüenza, haberte dejado atrapar por la gripe! Yo estoy ya con los preparativos de marcha. Creo que será a fin de semana. Quisiera despedirme de ti y que hablásemos algo más de cosas catalanas. Mi hermana está ya bien, de manera que mis cuatro meses de Barcelona quedarán resumidos en lo que pueda hacer estos días. La verdad es que estuve muy asustado y preocupado por esta pobre criatura, que ya es lo único que me va quedando.
Te mando estas FARSAS para que te ayuden a rehacer la sonrisa. Ahora estoy en el Hotel Alicante, y el teléfono es 221-47-44. Estoy de mañana hasta las 10 ½ y de tarde desde las 4 ½ hasta las 8. Que te mejores y un abrazo de tu paisano y amigo
Eduardo
En 1968 Blanco-Amor está en Barcelona, publica algúns artigos en La Vanguardia e debeu ter varias ocasións para encontrarse coa amiga escritora. Esa complicidade xa se puxera en evidencia nos libros dedicados e, como se adiantou, no Ateneu Barcelonès consérvanse dous libros autógrafos seus: Cancionero (1956), que na actualidade está fóra de acceso, e mais a terceira edición de Chile a la vista (1957), que leva unha dedicatoria intensa. Este é o texto orixinal íntegro:
A María Luz Morales, mi “madrina” barcelonesa, con el viejo afecto de su paisano (porque no voy a consentir que nos la roben del todo los catalanes!), amigo y admirador
E. Blanco Amor
Barcelona, 8-Setiembre-1958
Morales e Blanco-Amor compartían o interese polo teatro, polos poetas do 27, mantiveron relación persoal ata o final da súa vida e mesmo partillaron mesa de debate sobre o teatro galego na Galería Sargadelos de Barcelona en 1975, no día do libro. Morales deixou escrita unha crónica daquel día [1].
[1] Vidal Lage, Carme. “María Luz Morales. Unha das primeiras mulleres que dirixe un medio de comunicación”. Álbum de mulleres. Culturagalega.org. Compostela: Consello da Cultura Galega, s/d. [ed. dixital] http://www.culturagalega.org/album
[2] Morales, María Luz. “¿Hacia un teatro gallego?”. Diario de Barcelona (23/04/1975): p. 26. In Costa, Xosé María e Carlos Posada [Xesús González Gómez]. Presenzas de Castelao en Barcelona. Dous momentos artístico-literarios. A Coruña: eDixital, 2005. http://www.bvg.udc.es/
Categorías: crítica da cultura · escritoras · relacións culturais Galicia-Cataluña
Tagged: Afonso Daniel Rodríguez Castelao, Ángel Sojo, Carlos Posada (Xesús González Gómez), Carme Vidal Lage, Eduardo Blanco-Amor, Guillermo Díaz-Plaja, José Corredor Matheos, María Luz Morales, Ricard Salvat, Xavier Costa Clavell, Xesús González Gómez, Xosé María Costa
No Fondo María Luz Morales do Ateneu Barcelonès atópanse notiñas e cartas inéditas que acompañaban libros dedicados á escritora. Entre elas hai dúas, unha de Concha de Marco e outra de Pere Quart, nas que, para gabar a excepcionalidade da amiga Morales, fan referencia á misoxinia establecida, mais de distinto xeito.

<\ María Luz Morales. La Moda, 3 vols. Barcelona: Salvat, 1947.
O 12 de decembro de 1972 unha escritora pouco coñecida, Concha de Marco, envíalle unha carta á daquela colaboradora no Diario de Barcelona, gabándolle a columna, o seu labor como adaptadora de literatura infantil e os dous libros polos que recibiu máis recoñecemento, La moda e El cine. Afirma Concha de Marco:
[...] Leo sus artículos en el Diario de Barcelona, amenísimos y acertados siempre (precisamente ayer leí el dedicado a Heine) pues mi marido, Gaya Nuño, es colaborador también. Tengo completa su Historia de la moda, me refiero a los tomos del siglo XX, como prolongación de la obra de Von Boehm y El cine. He leído muchas cosas de V., artículos y cuentos sobre todo. Amiga mía: es usted de las pioneras de antes de la guerra, esforzada escritora de toda la vida y de amplísima gama. La admiro de veras, no es para menos, en este país de enconada misoginia. El cine es obra preciosa, debiera V. continuarla, o acaso lo ha hecho ya y no me he enterado. [...]
En 1972 María Luz Morales tiña setenta e catro anos, estaba retirada da vida pública mais seguía colaborando nos xornais. Só quen gardaban memoria longa, como Concha de Marco, sabían que fora unha das pioneiras da crítica cinematográfica en España e partillara tarima con catedráticos e o seu amigo Díaz-Plaja no primeiro curso sobre cinema que se deu na universidade catalá, nos anos trinta, Una cultura de cine. Introducción a la estética del film. Iso foi posible antes de que a bota de Franco e os catecismos da Sección Femenina pecharan as mulleres no fogar e na igrexa, aínda que na Barcelona da ditadura se mantivo un círculo de mulleres intelectuais arredor da revista Garbo. A traxectoria singular de María Luz Morales naquel país misóxino xa lle fora recoñecido antes da guerra. Noutra das cartas conservadas no Ateneu Barcelonès, con data do 27 de xullo de 1937, o escritor catalán Pere Quart, que daquela era director das publicacións da Generalitat de Catalunya, agradécelle a versión duns poemas seus ao español. Non era primeira vez que a intensa tradutora Morales o facía. Nos anos vinte e trinta traducira relatos de Caterina Albert para o xornal El Sol de Madrid e mais un libro de Xavier Benguerel [1]. Na súa carta Pere Quart tamén salienta, de maneira encomiástica, a excepcionalidade de María Luz Morales fronte á consideración xeral da muller en tempos da República (reprodúcese íntegra):
Comissió de les Lletres Catalanes de la Generalitat de Catalunya
Rambla de Catalunya, 41 Pral.
Telèfon 20303
Amiga i companya: la vostra carta m’ha plagut molt. M’ha afalagat. Gràcies. La vostra traducció em sembla molt enginyosa i llevat de dues estrofes, altrament intraduïbles (més amb el peu forçat de l’íu) perfecta, fidelísima.
Ja sabia que ereu una dona intel·ligent i culta; ara he descobert, a més, la vostra exquisida finor, la vostra elegant amabilitat. I perdoneu-me aquesta expansió. Però, ja sabeu que al nostre país les dones solen ésser medalls d’una sola cara.
Que mai els deus no ens mirin amb rancúnia, sinó amb esguard amorós i benèvol!
Vostre
Pere Quart
27 Juliol 1937
Sen comentarios. No Ateneu Barcelonès gárdanse tamén algunhas notas de Eduardo Blanco-Amor á súa madriña María Luz Morales, mais iso queda para un vindeiro post.
[1] De Benguerel traduciu: Suburbio. Barcelona: Apolo, 1938.
Categorías: crítica da cultura · escritoras · relacións culturais Galicia-Cataluña
Tagged: Caterina Albert (Víctor Català), Concha de Marco, Guillermo Díaz-Plaja, Juan Antonio Gaya Nuño, María Luz Morales, Pere Quart (Joan Oliver), Xavier Benguerel
Emisión DIARIO CULTURAL 15/06/2009
O holocausto contado polas mulleres deixou textos ben coñecidos onda nós: o diario de Anne Frank, o relato de Liana Millu e mais o de Mercedes Núñez. En Polonia foi Zofia Nałkowska a muller que se fixo cargo de testemuñar a barbarie.
Zofia Nałkowska naceu en Varsovia en 1884 e finou alí mesmo en 1954. Foi a primeira escritora que ingresa na Academia Polaca de Literatura, empeñouse na emancipación da muller e descubriu a Gombrowicz e Bruno Schulz. En 1946 publicou unha presiña de relatos que quixo ser o libro de actas público do holocausto. Ela, que formou parte da Comisión de Investigación dos Crimes Alemáns en Polonia, ao tempo que descubría o horror decidiu escribilo con talento de narradora e honestidade de xornalista. Velaí a razón da súa escrita en cru. Este clásico da literatura polonesa, que en español se titula Medallones (Minúscula, 2009), atoparano nos andeis de novidades, moi ben traducido por Bożena Zaboklicka e Francesc Miravitlles. Cheguei a Nałkowska por unha estimulante exposición de Arantxa Calderón, da Universidade de Varsovia, que ousaba facer unha interpretación pouco ortodoxa. O libro, afirmou, denuncia as atrocidades do nazismo e mais o medo e o antisemitismo. Para a súa análise botou man dun relato tremendo, “Onda a vía do tren”, que estarrece e abre unha ferida tras outra, porque nel hai argumentos, si, para pensar o exterminio, e o antisemitismo e, se se dá zafado o contexto histórico, mesmo para concienciar sobre o dereito á morte digna. A escrita de Nałkowska ten vontade testemuñal, a mesma que move a esa narradora imprevista que é Mercedes Núñez, a quen, por certo, completa, cando trata a explotación das mulleres de Ravensbrück como escravas das fábricas de armamento.
O episodio que abre o libro sitúase nun instituto anatómico ateigado de corpos, coa cabeza no seu sitio se era dun maluco, e decapitado se era de dun purgado. Na parede hai unha receita para facer xabón. Diante de tanto horror alguén dá artellado unha explicación dentro da lóxica do exterminio e abafamos. O derradeiro episodio, moi breve, ten dous nenos por protagonistas. Non se trata de facer tenro o holocausto desde a mirada infantil, tan de moda agora polo pixama de John Boyne, nin tampouco de debullar a crúa constatación da morte que relata, e con moito acerto, Antón Fortes en Fume. No campo de Oświęcim (Auschwitz, en alemán) seica dous nenos se salvaran da cámara de gas. Andaban eles a remexer na area e pregúntalles un home:
―Nenos, que estades a facer aí?
A resposta foi:
―Xogamos a queimar xudeus.
A barbaridade incorporada a quen sobreviviron. Así pecha este libro necesario, que pide un tempiño cada canto para apañar aire. Boa semana e boas lecturas aínda que sexan tan crúas.
Categorías: campos de concentración · corpo · escritoras · memorias · violencia
Tagged: Anne Frank, Antón Fortes, Arantxa Calderón, Bożena Zaboklicka, Bruno Schulz, Francesc Miravitlles, Liana Millu, Mercedes/Mercè Núñez, Witold Gombrowicz, Zofia Nałkowska
Emisión DIARIO CULTURAL 15/12/2008
Judith Butler ocupa lugar nos andeis de novidades das librerías cos últimos readers publicados nos Estados Unidos e mais coas entrevistas que aparecen nas revistas de cultura e pensamento. Exit Book vén de publicar unha entrevista con ela, que se suma a outras anteriores nas revistas Metrópolis e Lectora, nas que Butler falou sen cancelas.
A entrevista é unha modalidade de eséxese que me resulta do máis interesante. A entrevista permite un achegamento dixerido aos discursos complexos, ou prolixamente elaborados, que se desenvolven en forma de artigo ou libro e engaden aínda a posibilidade de mostar as contradiccións e os puntos escuros que detecta quen entrevista. Por riba permiten, ademais, encarnar unha formulación intelectual nun corpo e nunha experiencia vital; a fin de contas toda teoría se sustenta tamén nunha biografía. Así se comproba nas últimas entrevistas que lle lin a Judith Butler nos dous últimos anos. Exit Book, especializada na arte e a cultura visuais, ofrece no seu número 9 (2008) un monográfico sobre feminismo e arte de xénero, consecuencia, sen dúbida daquelas grandes exposicións que tiveron lugar en Los Angeles, Bilbao e Compostela. Refírome, claro, a Wack!, Kiss kiss bang bang e mais A batalla dos xéneros. O monográfico ofrece unha posta ao día do debate feminista con artigos de Amelia Jones, Estrella de Diego ou Ana Martínez-Collado, unha interesante sección de libros, na que colaboran, entre outros Patricia Mayayo e Pedro de Llano, e, sobre todo, ofrece dúas entrevistas, unha con Rosi Braidotti e outra, máis gorentosa, con Judith Butler, feita por Juan Vicente Aliaga. Aliaga centra as súas preguntas nun aspecto central do pensamento de Butler, a categoría de xénero, e logo entra nun aspecto recorrente nas últimas entrevistas e intervencións da pensadora: a violencia bélica exercida polos Estados Unidos e Israel. Os temas non se afastan moito doutras entrevistas, interesantísimas, a Butler publicadas nos dous últimos anos. Refírome á que lle fixo Fina Birulés para o número 78 (2008) da revista barcelonesa Metrópolis, que lles recomendo vivamente porque son dúas filósofas interpelándose, fronte por fronte, e mais a publicada no número 13 (2007) de Lectora, feita por Patrícia Soley-Beltran e Beatriz Preciado.
Neste ano 2008 publicaronse varios readers como Judith Butler. Sexual politics, social change and the power of the performative (Routledge, 2008) editado por Jill Jagger, ou Judith Butler and political theory (Roudledge, 2008), editado por Terrell Carver e Samuel A. Chambers, así como unha conferencia pronunciada por Butler en Barcelona que se titulou Vulnerabilitat, supervivència (2008), que se glosou neste comentario de opinión. Hai moitos textos frescos de e sobre Butler mais eu nunca renunciaría a corporeizar o seu pensamento, que é o valor engadido que teñen as entrevistas. Boa semana e boas lecturas.
Categorías: artes visuais · corpo · crítica da cultura · estudos de feminismo e xénero · feminismo · identidade · violencia
Tagged: Amelia Jones, Ana Martínez-Collado, Beatriz Preciado, Estrella de Diego, Fina Birulés, Jill Jagger, Juan Vicente Aliaga, Judith Butler, Patrícia Soley-Beltran, Patricia Mayayo, Pedro de Llano, Rosi Braidotti, Samuel A. Chambers, Terrell Carver