Arquivos mensuais: Xaneiro 2008

117| Pensar a nación .2

Emisión DIARIO CULTURAL 21/01/2008

Hai un par de semanas empezabamos a pensar a nación a propósito dun acto que tivo lugar na Francesca Bonnemaison de Barcelona. A celebración mesma do coloquio puña en evidencia que estamos nunha coxuntura de cambio, de revisión e adecuación dos relatos nacionais aos tempos que corren. Os comezos de século sempre teñen un aquel de conciencia de tránsito entre tempos vellos e novos. O que se puña enriba da mesa é a vulnerabilidade do discurso histórico cando serve para escribir o relato nacional. Agora sabemos que a narración da nación non é unha verdade senón un relato que se reescribe coa finalidade de cohesionar aquilo que Anderson denominou comunidade imaxinada.

No coloquio participaba Idith Zertal, historiadora das universidades de Tel Aviv e Basilea. Zertal publicou non hai moito un libro interesantísimo, La nació i la mort, traducido ao catalán en Lleonard Muntaner. La nació i la mort (A nación e a morte) é unha disección crítica da utilización que fixo o sionismo, e singularmente, Ben Gurion, da morte e da diáspora. O libro ábrese cunhas frases tremendas pero esclarecedoras sobre a constitución histórica do sionismo. Leo: “Na encrucillada da memoria e a identidade nacional hai unha tumba, está a morte. […] Os mortos de onte son, ao tempo, a razón e o selo de aprobación dos mortos de hoxe ao servizo da nación” (p. 23). Documéntase no libro, polo miúdo, cómo se constrúe o relato sionista baseado na idea de nación-víctima, cun martiroloxio propio e unha procesión de santos e heroes que converten o relato nacional nun relato de fe. Un relato de fe no que se predica a afrenta do holocausto para a lexitimación do sionismo, usando os corpos da xoá pero silenciando as súas voces e utilizando os supervivintes, como aconteceu co famoso caso do barco Exodus, un episodio que Idith Zertal, por suposto, conta en versión ben diferente á de Leon Uris e Otto Preminger.

Zertal pon de manifesto as tensións do discurso sionista israelí coas voces críticas que viñan desde a diáspora. De feito, para o discurso sionista, masculino, bélico e expansionista, a diáspora enténdese como un discurso feble, feminino e mesmo antisemita, e así se entende o silenciamento que tivo desde Israel o discurso crítico de Hannah Arendt, que tamén se estuda no libro.

La nació i la mort disecciona un relato sen equivalente onda nós, por sorte, pero cómpre coñecelo para entender como xorde o conflicto de Oriente Medio e tamén para aprender no espello. Por exemplo, a capacidade crítica que pode ter aquela parte da comunidade que está noutros territorios.

Na semana do desmantelamento de feito dun proxecto que construíu comunidade imaxinada e que naceu cun pé na emigración, o noso apoio para Isaac Díaz Pardo e o seu equipo. Boa semana e boas lecturas.


116| O corpo e as malas lecturas

Emisión DIARIO CULTURAL 14/01/2008

Ía pensar na nación desde o xénero, e nestas o corpo e as súas malas lecturas enxurraron a actualidade.

Logo dos titulares desta semana teño para min que andamos con problemas de memoria, porque vemos os corpos torturados de Guantánamo, seis anos desposuídos de calquera condición humana, como se os campos de concentración do século XX en Europa e América fosen un invento da literatura fantástica. E vemos os corpos criminalizados das mulleres que, por abortaren, reciben citacións xudiciais provocadas pola kale-borroka das bandas neocon, que se cren autorizadas a invadir impunemente o corpo das mulleres, e resulta inevitábel pensar que as fotos das manifestacións feministas de hai tres décadas poderían ser de hoxe. E vemos a fotografía do corpo nu de Simone de Beauvoir publicada por Le Nouvel Observateur, unha foto na que o único escandaloso é o titular: “Simone de Beauvoir la Scandaleuse”. O asunto pide demora.

Os xornais encheron o papo con ese titular e a foto descoñecida da Beauvoir, especialmente aqueles que confunden a sección de cultura cun espazo publicitario de institucións, fundacións e frivolidades varias e entenden mellor o titular de Beauvoir núa có da tradución dun libro seu ao galego. Ou aqueloutras cabeceiras conservadoras que viron neste corpo a ocasión para desmotivar os feminismos. O verdadeiro cerne da cuestión nin é a foto nin o corpo de Beauvoir senón os datos novos da súa vida. É momento para revisar o seu pensamento e as súas contradiccións. A revisión é unha estratexia para non perdermos memoria cun pé no noso presente. E que haxa contradiccións entre vida e obra non é cousa do outro mundo. Sei de moitas boas obras ás que é mellor non coñecerlles nunca o autor. O problema témolo nós porque nos entran en contradicción os relatos biográficos, eses que tendemos a ler con orelleiras como catecismos, haxiografías ou anatemas.

Cos titulares antes citados fabricamos os corpos proscritos e monstruosos de hoxe e validamos a lóxica normativa: o monstruo terrorista, a monstrua que decide a súa reproducción e a monstrua bisexual e feminista. Igual que na modernidade co seu inventario longo de femmes-fatale e corpos monstruosos. Porque monstruosas eran aquelas mulleres fermosas e impracticábeis que representaban a República ou a Liberdade cun peito ao descuberto, e toda esa longa colección de iconas en corpo feminino que desde Marianne veñen representando a nación. Metáforas fermosas ou deleznables que producen mulleres con xustillo, divididas entre a voluptuosidade da desexada e o respecto á nai-orixe. Todo un aviso contra as malas lecturas, esas que trivializan os textos reducíndoos a catecismos e dilúen os corpos no amarelo sensacionalista.

Boa semana e boas lecturas, nos textos e nos corpos.


115| Pensar a nación .1

Emisión DIARIO CULTURAL 07/01/2008

Estamos de reformas. De reformas dos relatos nacionais e os seus ritos.

Desde Homi Babbha sabemos que a nación é unha narración. Con esa ferramenta teórica entendemos mellor porqué o celtismo, que xurdiu como evidencia histórica e arqueolóxica, é hoxe un elemento mítico recoñecible dese relato co que decidimos construirnos. E aínda hoxe o celtismo non perdeu capacidade como discurso de cohesión na nosa comunidade nacional. Nos últimos tempos obsérvanse algúns indicios da necesaria posta ao día dos símbolos e ritos que nos identifican, cos que nos indentificamos. Por exemplo, o himno. Despois de moitos debates e moitas parodias sobre o carácter épico ou non do poema de Pondal e a música de Pascual Veiga, viñemos concluír que hoxe a épica é outra cousa. A forza e a afouteza nacionais tal como se entendía no século XIX usa outra vara de medir. Porque nunha comunidade que renunciou á lóxica da supremacía bélica as novas representacións do heroe escríbense na sección de deportes, cos tantos das seleccións nacionais e outras victorias sobre herba, asfalto, auga ou terra batida. Mudan os tempos, e mudan as lecturas, e como puideron comprobar, no último ano demos cunha nova chave para ler o himno de Veiga e Pondal e superarmos aquel escepticismo posmoderno que con san humor nos levara a tomalo a broma. Porque o que se sentían como feblezas dos relatos nacionais da modernidade poden servir hoxe como base para a nosa adecuación aos tempos que corren. Así que a ninguén estrañou que tanto Manuel Rivas como Manuel Ferreiro viñeran cadrar na mesma: na vixencia que ten o himno galego lido desde o ecoloxismo.

Estamos en época de reorganización dos relatos nacionais, e iso non ocorre só onda nós. Hai algunhas semanas na Francesca Bonnemaison de Barcelona a escritora Josefa Contijoch organizou unha mesa para pensar algunhas nacións hoxe desde as mulleres e o feminismo. Falabamos a historiadora xudía Idith Zertal, moi crítica coa utilización que fixo o sionismo da realidade do holocausto e a diáspora, a ensaísta e tradutora eslovena Simona Škravec, a catalá Margarida Aritzeta e mais eu. A mesa deu para pensar moito logo do acto. Margarida Aritzeta, especialista en literatura e nación, e na actualidade vinculada a Esquerra Republicana e ao goberno da Generalitat de Catalunya, defendeu a necesidade de repensar as conmemoracións nacionais catalás, tendo en conta que ese relato debe axeitarse ao século no que estamos, cunha realidade multicultural, plurilingüe, non excluínte e antibelicista. Repensar a épica nacional alén dos relatos aprendidos, vaia, todo un reto que cómpre ir resolvendo ou se corre o risco de impedir a incorporación ao sentimento nacional de tantas persoas que non se recoñecen na épica herdada, tan masculina, por certo.

Seguimos pensando a nación a vindeira semana. Boa entrada de ano e boas lecturas.


Das orixes de marzo. Intencións

“Das orixes de marzo” é o blog dos comentarios de opinión de Helena González. Emítense os luns no Diario Cultural, dirixido por Ana Romaní. Pódese escoitar o comentario semanal, e o resto do programa, na web da Radio Galega.