Arquivos mensuais: Febreiro 2008

122| As fronteiras do corpo e a vulnerabilidade

Emisión DIARIO CULTURAL 25/02/2008

Judith Butler recuncou a semana pasada e como sempre encheu o CCCB, o Centre de Cultura Contemporània de Barcelona. Participaba nun ciclo sobre A condición humana no que xa falaran o especialista en estudos culturais Terry Eagleton, a poeta Chantal Maillard ou a filósofa Michela Marzano, autora de La mort spectacle. Enquête sur l’horreur-réalité (A morte espectáculo. Enquisa sobre a horror-realidade).

Judith Butler falaba sobre a vulnerabilidade e a supervivencia. A violencia está a ser unha constante neste ciclo, sen dúbida porque é un dos temas que nos ocupan, nos preocupan e consumimos a diario tanto nos relatos de ficción como nesas ficcionalizacións do real que son os xornais. Butler abriu a intervención no gume do conflicto: a diferenciación posicionada entre a violencia lexitimada na orde moral e a violencia que nos repugna porque atenta contra a nosa integridade. É dicir, dúas maneiras de contar os ferrados de violencia que subliñan un quiasmo: a distinción entre vidas virtuosas e vidas que virtuosamente se poden matar. Exemplificouno contrapoñendo a nosa mirada diverxente diante do terrorismo de estado, que en termos politicamente correctos denominamos guerra, e diante do terrorismo suicida, que ao seu ver abrangue tanto os atentados que xera o islamismo radical como os estudantes norteamericanos que causan mantanzas nos centros de ensino e logo se autoimolan.

O cerne da súa intervención partía do concepto do corpo. Puña en evidencia que na actualidade é imposible pensar o ser como unha entidade limitada que remata nas fronteiras da súa morfoloxía anatómica. O límite do eu é a relación co outro, daquela o corpo non é unha entidade autónoma senón que depende da rede social en que se sitúa; dependo dos demais para saber quen son eu. Con estas restras (alteridade, corpo, e socialización) falou da tortura. Na tortura a vulnerabilidade non reside só na violencia exercida contra os corpos, senón da deconstitución do suxeito regulando, limitando, a súa sociabilidade. E referiuse a Guantánamo, aos poemas clandestinos saídos dese espazo de non-humanidade onde se prohibiu a escrita, porque o Pentágono coida que a poesía testemuñal deses presos representa un risco especial para a seguridade nacional tanto polo seu contido como pola súa forma. Porque a palabra restitúe a sociabilidade dun preso aillado e torturado e mostra a súa vulnerabilidade, a súa humanidade, e, daquela, a lectura pública deses versos produciría unha reacción moral contra unha violencia non lexítima sobre uns terroristas que pasan a converterse en seres humanos.

Para unha lectura non só de xénero do pensamento recente de Butler, recoméndolles a entrevista que se publicou no número 13 da revista Lectora. Desde a conciencia da vulnerabilidade, boa semana e boas lecturas.

Advertisements

121| O defecto que sustenta o noso edificio

Emisión DIARIO CULTURAL 18/02/2008

Cada quen fala das feiras segundo o que lles vai nelas. A piques de inaugurarse Arco, con Brasil de país convidado e Portugal entre os países máis representados na feira, o JL, o Jornal de Letras, anunciábao cun titular salpementado de humorada colonial: “Portugal presente, Brasil convidado”. Logo algúns medios portugueses seguiron con atención as declaracións da directora da feira, Lourdes Fernández, que avogou polo iberismo na arte como un entendemento entre culturas que se estende até América. E en América está un dos focos de atención desde a semana pasada, na feira do libro da Habana. Polas crónicas que chegan da illa soubemos que á tormenta tropical lle seguiu un tsunami de lectoras e lectores á procura dos libros galegos. Mentres, entre os que quedaron na Península, oíronse críticas pola inoportunidade de ser país convidado nun estado dictatorial ou porque a representación galega era un exceso. Ambas as dúas son materias opinábeis: mal se imos fóra, mal se quedamos; mal se van moitos, mal se van poucos. Pero nas crónicas de Begoña Caamaño no Diario Cultural contóusenos algo que non é motivo de discusión, senón unha mostra de irresponsabilidade nos asuntos exteriores.

Seica nun acto na Cátedra de Galego da Universidade da Habana algúns escritores se laiaron, e moito, da situación da lingua e da literatura galegas. Non coñezo con máis detalle o que aconteceu, pero botando man da experiencia propia, soaba a coñecido. Voces de todos os tipos se teñen escoitado en Barcelona que se enganan de palestra, ás veces cunha visión idealizada e falsa da cultura catalá, e diante dun auditorio estranxeiro empezan a falar do ruín que é a literatura, a situación sociolingüística, a realidade económica, o sentimento nacional, ou botan pestes contra os dous ou tres nomes coñecidos. E algúns deles din o contrario cando falan para emigrantes galegos e entón eu xa me perdo. Pouco favor nos fan a quen temos por labor entusiasmar estranxeiros, sen breviarios e con esforzos. E pouco favor lle fan á cultura galega e a eles mesmos, porque nos asuntos exteriores calquera autora ou autor, aínda dos coñecidos, escriben coa etiqueta nacional a carón do seu nome. E hai quen sen esa etiqueta non interesaría nadiña.

O exercicio da crítica, lexítimo e necesario cando se fala para a parroquia, convértese en autoodio nos asuntos exteriores cando non se sabe termar del. Nunha carta á súa irmá, Clarice Lispector falaba sobre a imposibilidade da perfección humana que acae ben ao caso. Léolles traducido porque non dispoño do orixinal: “Aínda cortar os propios defectos pode ser perigoso, nunca se sabe cal é o defecto que sustenta o noso edificio”. Así que, se cadra, haberá que seguir vivindo co autoodio para sermos, pero iso si, ninguén perde o tempo nunha literatura ou nunha lingua que seica non interesa nin sequera aos propios.
Boa semana e boas lecturas.


120| Feminismo e xénero en boloñés

Emisión DIARIO CULTURAL 11/02/2008

Nas universidades fálase e fálase de Boloña, e non porque sexa a sede da grande feira do libro infantil e xuvenil, nin polas dúas torres (que impresionan de verdade cando te pos ao pé delas), nin pola procesión de creadores e científicos que por alí pasaron desde Dante e Copérnico. Nese barallete que na universidade chamamos boloñés, falar de Boloña é falar de obras de remuda das fontanerías e novos alicatados na docencia e na investigación, así que é momento acaído para pensar sobre o papel que deben ter os novos coñecementos nesa institución que se gaba de ser o templo do saber.

Na Universidade de Vigo vénse de publicar un libro, O reto da igualdade. Feminismo, xénero, universidade, editado por tres investigadoras que levan sachado tanto neste eido, María Jesús Fariña, Purificación Mayobre e Beatriz Suárez Briones, que comparten páxinas con Raquel Osborne, Aurora Marco ou Mercedes Bencoechea. O cerne do libro, interesante, ocúpase do debate aberto na universidade, especialmente, da necesidade de que os estudos feministas e de xénero atravesen as disciplinas tradicionais, teñan un espazo de seu na investigación e na docencia, e non se consideren saberes de segunda división que penalicen na carreira universitaria, porque agora aínda penalizan. Pero o libro tamén ten vontade de participar no debate público sobre a igualdade nas institucións, por iso se inclúen artigos sobre a linguaxe sexista, a perspectiva de xénero, a violencia ou a invisibilidade lesbiana.

Non hai case nada desde que nas universidades se veñen poñendo en marcha materias ou cursos de feminismo e xénero en relación coas artes, a teoría, o dereito, a filosofía, a sanidade ou a economía, pero desde que falamos boloñés, estes estudos van gañando en consideración pouquiño e pouco. Se cadra é en Cataluña onde hai máis grupos que pescudan nestes temas, desde logo moitos máis cós que cita no seu artigo M. Ángeles Larumbe. Con Boloña no horizonte, aquí optouse pola creación dun único posgrao no que participan case todos os grupos de investigación nesta área nas universidades catalás, desde a literatura ás ciencias empresariais. O camiño deu moitos traballiños pero pagou a pena. Primeiro creouse un espazo de diálogo, o Institut Interuniversitari d’Estudis de Dones i Gènere, e logo houbo que convencer, en boloñés, ás universidades, que entenden ben os coñecementos novos cando son experimentais e xeran patentes pero no resto non os acaban de ver.

O reto da igualdade nas universidades pasa por consolidar os estudos de xénero que, por certo, xa teñen saída profesionalizadora. A pregunta é: como deben estar estes estudos nas universidades galegas? Receitas non lles hai, nin sequera en boloñés.

En fin, fagan seu o reto da igualdade. Boa semana e boas lecturas.


119| Najat El Hachmi e a pornografía étnica

Emisión DIARIO CULTURAL 04/02/2008

Desde hai algúns anos o paraíso cultural simbólico dos Países Cataláns está nos Pirineos. O principado de Andorra serve de rompexeos na proxección internacional da cultura catalá pola súa consideración de Estado. Coa súa entrada en Eurovisión a lingua catalá estivo nese festival… reseso, si, pero estivo. En Andorra ten a sede o Institut Ramon Llull, a institución que se encarga da proxección internacional da cultura catalá, co apoio de Cataluña, Baleares e Andorra, porque a Valencia rexida polo PP mira para outro lado. E tamén alí, no País dos Pirineos, fállase desde hai dous anos o Premi de les Lletres Catalanes Ramon Llull, o mellor dotado nesta lingua. Como saben o premio Ramon Llull é medio irmán do Planeta, pero o que o converte nun galardón galdrumeiro non son os cartos nin o feito de formar parte dunha maquinaria comercial poderosa, senón algo máis interesante: a novela gañadora publícase simultaneamente en tres linguas, catalán, español e francés.

O xoves pasado, como saben, fallouse a edición de 2008, e a autora premiada converteuse nun fenómeno social (a que lles ten un saboriño a… receita Planeta?). Najat El Hachmi é filóloga e filla de inmigrantes de orixe amazigh, iso que, coa linguaxe colonizadora do Imperio Romano denominamos bereber (lembren que amazigh significa ‘pobo libre’ e bereber ‘pobo bárbaro’). Pois ben, xa en 2004 publicara un libro titulado Jo també sóc catalana (Eu tamén son catalá), que provocou aplausos pola dereita e pola esquerda porque servía de exemplo positivo para unha sociedade cada vez máis multicultural na que se sente en perigo a aínda tatexante cultura propia. A escritora contestou daquela a un carro de entrevistas, e unha vez e mais outra matizaba os prexuízos que a podían inmobilizar como representante dun gueto inmigrante. Alertou por igual contra o excluínte discurso racista, o da uniformización identitaria, e contra o discurso paternalista que defende a apariencia multiétnica, ese que admite a multiculturalidade inmobilizada como exotismo, e que alenta a festa multicultural seguindo a fórmula do pan e circo. Najat El Hachmi rebautizou este paternalismo como pornografía étnica, e explicaba: “Hai quen a exerce, mesmo con boa vontade, pero fan moito dano. Os pornógrafos da etnicidade subliñan os trazos que no teu país atoparías ridículos. Quédanse varados no folclore”. E engadía que os amazigh son como os cataláns porque en Marrocos os árabes representan o poder hexemónico e os amazigh son un pobo opimido.

Agora Najat El Hachmi acada o Ramon Llull con L’últim patriarca (O derradeiro patriarca). Ogallá que cando o leamos cos estes olliños nosos, tan europeos, non nos saia esa mirada morbosa da pornografía étnica que cacha clariño o patriarcado… en pobo alleo.

Ass yedeln, boa semana e boas lecturas.