118| Mahala e Mrs. Ceiling

Emisión DIARIO CULTURAL 28/01/2008

No Teatre Romea de Barcelona pódese ver Homebody/Kabul do dramaturgo británico Tony Kushner, dirixida por Mario Gas. Se cadra xa oíron falar desta obra porque Homebody/Kabul (Na casa/En Kabul) estreouse en Madrid hai algún tempo. Trátase dunha peza de teatro político sobre o noso presente: occidente fronte a oriente, o imperialismo fronte a represión, o integrismo do eixo angloamericano fronte o integrismo talibán. As visións contrapostas aséntanse nos retratos enfrontados de dúas mulleres maduras que cruzan os seus destinos. Con máis enxulla teatral xa lles falará da representación Avelino González no Máis berberechos da Radio Galega. A min o que me interesa da obra son precisamente esas dúas mulleres que emprenden camiños vitais opostos. Elas son as que sustentan o argumento e para iso Mario Gas contou con dúas actrices espléndidas que ofrecen as mellores pasaxes da representación.

Vicky Peña, nun longo monólogo introdutorio, representa a Mrs. Ceiling, unha muller inglesa, de mediana idade, incomprendida polo home e a filla, que vai lendo nunha guía de viaxe a historia de Afganistán, absolutamente interesada por un país hoxe arrasado pero cun pasado rico. Mentres fala e fala, decatámonos de que non é só unha muller locuaz, senón que ten unha extraordinaria capacidade para a linguaxe, para xogar e matizar as palabras, para falar fóra do discurso aprendido. Mrs. Ceiling fala das barbaries de Occidente, da incomprensión, do conflicto xeracional e da incapacidade para falar na familia. Pola súa banda, Gloria Muñoz dálle corpo e voz a Mahala. Unha muller de mediana idade, que traballou nunha biblioteca até a chegada dos talibáns. Nun monólogo no que demostra o seu coñecemento de linguas, incluído o francés, Mahala fala da violencia explícita baixo o réxime talibán, desa opresión esmagadora, pero tamén da guerra provocada pola invasión, e das moitas cousas que a cultura árabe lle aprendeu a Europa, desde a medicina ás matemáticas. Dúas protagonistas de mediana idade que len e falan e así conseguen romper coa familia propia e afastarse do seu país para botar a andar un camiño de seu, que tampouco vai ser liberador, se cadra porque o conflicto de civilizacións non se resolve adoptando o modelo alleo.

Isto acontecía dentro do Romea, que está no medio do Raval. Fóra aínda había unha tensa actividade como consecuencia da redada da outra semana: policías armados, pequenas manifestacións, e homes da comunidade paquistanesa, todos a medirse cos ollos e cos corpos.

Homebody/Kabul fala do medo como ferramenta do poder, das moitas formas de violencia e medo que gobernan as nosas vidas. O mellor da obra, o traballo maxistral das dúas actrices, Gloria Muñoz e Vicky Peña.

Que lles preste o teatro! Boa semana e boas lecturas.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: