120| Feminismo e xénero en boloñés

Emisión DIARIO CULTURAL 11/02/2008

Nas universidades fálase e fálase de Boloña, e non porque sexa a sede da grande feira do libro infantil e xuvenil, nin polas dúas torres (que impresionan de verdade cando te pos ao pé delas), nin pola procesión de creadores e científicos que por alí pasaron desde Dante e Copérnico. Nese barallete que na universidade chamamos boloñés, falar de Boloña é falar de obras de remuda das fontanerías e novos alicatados na docencia e na investigación, así que é momento acaído para pensar sobre o papel que deben ter os novos coñecementos nesa institución que se gaba de ser o templo do saber.

Na Universidade de Vigo vénse de publicar un libro, O reto da igualdade. Feminismo, xénero, universidade, editado por tres investigadoras que levan sachado tanto neste eido, María Jesús Fariña, Purificación Mayobre e Beatriz Suárez Briones, que comparten páxinas con Raquel Osborne, Aurora Marco ou Mercedes Bencoechea. O cerne do libro, interesante, ocúpase do debate aberto na universidade, especialmente, da necesidade de que os estudos feministas e de xénero atravesen as disciplinas tradicionais, teñan un espazo de seu na investigación e na docencia, e non se consideren saberes de segunda división que penalicen na carreira universitaria, porque agora aínda penalizan. Pero o libro tamén ten vontade de participar no debate público sobre a igualdade nas institucións, por iso se inclúen artigos sobre a linguaxe sexista, a perspectiva de xénero, a violencia ou a invisibilidade lesbiana.

Non hai case nada desde que nas universidades se veñen poñendo en marcha materias ou cursos de feminismo e xénero en relación coas artes, a teoría, o dereito, a filosofía, a sanidade ou a economía, pero desde que falamos boloñés, estes estudos van gañando en consideración pouquiño e pouco. Se cadra é en Cataluña onde hai máis grupos que pescudan nestes temas, desde logo moitos máis cós que cita no seu artigo M. Ángeles Larumbe. Con Boloña no horizonte, aquí optouse pola creación dun único posgrao no que participan case todos os grupos de investigación nesta área nas universidades catalás, desde a literatura ás ciencias empresariais. O camiño deu moitos traballiños pero pagou a pena. Primeiro creouse un espazo de diálogo, o Institut Interuniversitari d’Estudis de Dones i Gènere, e logo houbo que convencer, en boloñés, ás universidades, que entenden ben os coñecementos novos cando son experimentais e xeran patentes pero no resto non os acaban de ver.

O reto da igualdade nas universidades pasa por consolidar os estudos de xénero que, por certo, xa teñen saída profesionalizadora. A pregunta é: como deben estar estes estudos nas universidades galegas? Receitas non lles hai, nin sequera en boloñés.

En fin, fagan seu o reto da igualdade. Boa semana e boas lecturas.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: