123| Violencia deliberada

Emisión DIARIO CULTURAL 03/03/2008

Debullaba a semana pasada o concepto de vulnerabilidade de Judith Butler e esquecín dicirlles que esas ideas as desenvolveu no libro titulado Precarious life, traducido como Vida precaria na edición de Paidós. Sen saír dese rego voulles falar dunha das novidades de Icaria, Violencia deliberada. Las raíces de la violencia patriarcal, editado pola historiadora Dolors Molas e no que colaboran entre outras Alessandra Bocchetti, Rosa Rius, María Jesús Izquierdo ou Encarna Sanahuja. O libro aborda a violencia exercida contra as mulleres en sentido amplo, desde a prehistoria deica a actualidade, reunindo filósofas, historiadoras, arqueólogas, sociólogas e especialistas en mitoloxía e historia da arte, porque o que pretende é analizar a violencia que se pon de manifesto nos ámbitos social, político e simbólico. A transversalidade de saberes permítenos pensar a xénese desa forma de violencia e, polo tanto, ofrece ferramentas para desmontala. Négase a inevitabilidade da violencia como recurso para exercer poder e insístese en que non é un fenómeno homoxéneo, senón que cómpre historizalo e analizalo nunha sociedade e nun momento determinados.

Abre o volume a filósofa Fina Birulés. Seguindo a Hannah Arendt defende a especificidade da violencia nos seres humanos, diferente da dos animais, e a seguir tira do fío da concepción social do corpo e a vulnerabilidade desenvolvida por Butler para concluír que a violencia nin é un feito natural nin é inevitable, senón que cómpre repensar de qué maneira nos relacionamos coas diferenzas. Pola súa banda, Elena Laurenzi desmonta as ideas tópicas sobre a África inmobilizada no tópico primitivista e reduccionista que rodea a mutilación xenital. Coida que a nosa mirada occidental se instalou no confort dun concepto brando do multiculturalismo que fixo da alteridade unha trincheira, por iso fai fincapé no labor desenvolvido polas mulleres africanas no cambio de costumes. Contra os tópicos afirma: “Os medios de comunicación afixéronnos a unha imaxe miserábel de África, onde o obxectivo sempre enfoca os seus numerosos males […]. Pero en África non hai só guerra, fame e sequía. Hai tamén xente que traballa e loita, que produce saber, cultura e cambio. As ministras, as avogadas, as militantes que coñecemos en Bamako son un exemplo desa África […] que avanza” (p. 215). O libro péchase con varios comentarios de obras artísticas canónicas que poñen en evidencia que o concepto da beleza na arte occidental inclúe importantes doses de violencia contra as mulleres como rapto, escravitude, prostitución e violación.

Alén dos tópicos da alteridade, da crónica negra, da beleza instituída, sabemos que a violencia contra as mulleres é deliberada e cómpre saber cómo se produce para desmontala. Boa semana e boas lecturas.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: