124| Herstory

Emisión DIARIO CULTURAL 10/03/2008

A xornada de reflexión foi cadrar, vaia ho!, no Día Internacional das Mulleres. A min aprendéranme que pensar e celebrar non é mala combinación pero seica no día de reflexión dunhas eleccións xerais as mulleres non deberían pensar nin celebrar publicamente. Fora en forma de manifestación organizada polo movemento feminista ou ben en forma de celebración institucional, seica este ano o Día Internacional das Mulleres constituía un acto político que podería vulnerar a normativa electoral, aínda que ao final seica non foi para tanto. Que o 8 de marzo é un día para a reivindicación política, está fóra de toda dúbida, era o que che nos faltaba!, pero… é que hai algo no ámbito público que non sexa política? Posta a fabular, pregúntome se non podería cadrar unha xornada de reflexión dunhas xerais nun 12 de outubro, con ese concentrado de celebracións paradoxais en contexto democrático como a exaltación da colonización de América, a exhibición do exército, a reafirmación da Igrexa e a confirmación da monarquía. Eu agradecía, e moito, que me aforrasen ese espectáculo retro tan maliño de aturar.

Como este ano o Día Internacional das Mulleres se prolonga de feito ao longo de toda a semana, non estaría nada mal reler os moitos manifestos e declaracións que se publicaron co gallo deste 8 de marzo e, sobre todo, algúns deses textos recuperados da historia feminista que están a saír nestes meses. A miña colega Kristal Veiga recomendoume os manifestos e esconxuros dun dos movementos guerrilleiros feministas americanos de finais da década dos 60: WITCH, Women’s International Terrorist Conspirancy from Hell, que foi un movemento de vida breve e acción subversiva. WITCH redactou manifestos, organizou boicots e, sobre todo, reivindicou os espazos do maldito para quebrar coa imaxe normativa das mulleres e poder escribir a herstory. Herstory é un neoloxismo que retoma a reescrita como estratexia. O obxectivo, como xa supoñen, é rebater a aparente neutralidade dos relatos herdados. Fronte á history, a historia contada polo patriarcado, a herstory viría ter en conta as accións das mulleres. Pois ben, unha editorial alternativa, La Felguera, vén de publicar unha recompilación dos textos WITCH titulado Comunicados, textos y hechizos (1968-1969), que constitúen aínda hoxe un interesante breviario da reivindicación feminista en Norteamérica, basicamente contra a institución matrimonial, contra a reprodución obrigatoria e contra os estereotipos de beleza e comportamento. Por outra banda, esta semana publícase por fin en Edicións Xerais O segundo sexo de Simone de Beauvoir. Todo un clásico en galego que cómpre reler “por ti mesma, señora, por ti mesma”.

Así que boa semana violeta, e boas lecturas.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: