126| Niki de Saint Phalle

Emisión DIARIO CULTURAL 24/03/2008

Vai en gustos pero ao chegar ao aeroporto John Lennon de Liverpool o mellor é esquecer os Beatles, aínda que a cidade envolva a súa capitalidade cultural cun merchandising pegañento baseado na beatlemanía. Liverpool é unha cidade con poucas librerías, moitas obras, moita vida e moitas artes visuais. Nada máis saír da estación de Moorfiels a xente queda abraiada mirando para un edificio. Alí está unha das intervencións máis rechamantes da Bienal 2008, Turning the Place Over (Dándolle voltas ao lugar) de Richard Wilson. Na fachada retallouse unha semiesfera de 8 metros de diámetro que vai rotando en tres dimensións. Así que non só se move a parte plana da fachada, senón que se rompe coa delimitación de espazos, a división entre dentro e fóra, en andares ou en cuartos. É como verlle as interioridades ás casas a medio derrubar pero sen o carácter ruinoso e estático. En internet hai vídeos da intervención.
Contra o río, na Tate de Liverpool había desta vez unha retrospectiva dunha das artistas clásicas da arte feminista, Niki de Saint Phalle, que empezou como modelo de Life e acabou como artista do nouveau réalisme francés. Se cadra viron algunha vez a súa obra máis coñecida, unha peza escultórica titulada en sueco Hon (Ela), que propuña unha metafórica volta ás orixes porque, para visitala, había que entrar pola vulva daquela muller enorme. Ou se cadra coñecen o seu Il Giardino dei Taiocchi (O xardín do Tarot) en Garavicchio, Italia, a semellanza do Parque Güell de Barcelona. Pois ben, ademais das moitas Nanas un punto pop con que reconstruíu a súa idea de feminidade e de maternidade, Niki de Saint Phalle ten unha serie anterior coa que denuncia a violencia da guerra fría, do patriarcado, da igrexa e dos estereotipos de feminidade. Trátase dos seus tir, ou cadros disparados: formas de xeso recheas de bólas de pintura e xoguetes de plástico (pistolas, soldadiños, bonecas ou animais), que remataban na performance. O público, ou a artista, participaban da violencia disparándolles aos cadros para rebentar as cores, que cubrían, por exemplo, o corpo bicéfalo de Kennedy-Khruschev, cheo de armas e mortos inocentes.
Cando saímos de Liverpool aínda non claudicaramos á sobredose de Beatles, pero logo de pasar os controis do aeroporto, que degradan a quen viaxa á categoría de gando, batemos coa pantalla de información de voos. O noso non tiña porta asignada e en troques dun texto informativo puña: “Beba, coma, merque e reláxese”. Os imperativos consumistas cadraban enfronte dunha fotografía xigante dos Beatles durante a súa estadía no ashram do Maharishi Mahesh Yogui. Alí os estaban, cos colares de flores porque seica o diñeiro non lles daba nin paz nin amor. Se Niki de Saint Phalle mirase iso, seguro que había disparar contra as imaxes de xeso dos Beatles deste Liverpool capital cultural.
Boa semana e boas lecturas.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: