130| Diferenza sexual, vida cotiá e prehistoria

Emisión DIARIO CULTURAL 21/04/2008

Mentres en Cataluña dá comezo unha semana cheíña de libros co gallo do Sant Jordi, en Galicia temos un novo capítulo da misteriosa desaparición da colección de arte precolombina de Leonard Patterson que, sospeitosa de ser froito do saqueo de lugares arqueolóxicos americanos, andou a tumbos por Compostela e agora, seica, foise co vento. Non era este mal comezo para unha ficción de éxito, pero polo de agora só é crónica de sucesos nas páxinas dos xornais.

Sen saírmonos da arqueoloxía, prefiro un libro serio, rigoroso e poderosamente innovador. Trátase dun estudo da arqueóloga e feminista catalá Encarna Sanahuja Yll titulado La cotidianeidad en la prehistoria, publicado por Icaria. Sanahuja parte do cuestionamento dos lugares comúns que aferrollan o estudo científico da prehistoria e defende, pola contra, un novo enfoque. Ao seu ver aínda agora o grande problema de pasado é o presente, ou mellor dito, a teima por procurar na prehistoria a naturalización das formas de vida do noso presente, aplicando unha mirada que impide coñecelo tal como foi. E a seguir fai fincapé nas carencias. Subliña que os paradigmas de estudo dominantes lle prestaron moita atención á cultura material, ao estudo dos obxectos e dos alimentos, e ao desenvolvemento da capacidade de raciocinio (froito do noso paradigma cartesiano). Pero esquecéronse do estudo da vida. Esquecéronse os corpos, os corpos necesariamente sexuados que repararon os artefactos, procesaron os alimentos, coidaron do corpo propio e dos alleos, tiveron relacións afectivas, procrearon, e procuraron recoñecemento. Esquecéronse, logo, os labores asociados a dar e manter a vida.

Con datos empíricos Sanahuja explora as evidencias da diferenza sexual. Fala da importancia do parto naquelas sociedades. Demostra que nun xacemento no norte de Siria as pateoloxías óseas permite descubrir que naquel grupo os homes acostumaban a estar en posición de descanso mentres que as mulleres adoitaban estar de xeonllos para moer os cereais. Ou fala de como noutro xacemento no sudeste dos Balcáns aparecen evidencias da misoxinia na orde simbólica porque nun enterramento atopouse o cadáver do xefe co pene enfundado en ouro, pero, que se saiba, non apareceu aínda xefa ningunha con vulva enfundada no mesmo metal.

Con La cotidianeidad en la prehistoria Encarna Sanahuja propón un suxestivo cambio de perspectiva: converter a vida no eixe dos estudos científicos da prehistoria. E abre un reto que pode parecer utópico: estudar estas sociedades milenarias caso por caso a partir das evidencias e sen prexuízo ningún, e ver se nos fornecen modelos de relación alternativos aos actuais; modelos de organización social xa experimentados que sirvan para artellar novas maneiras de relacionarse no noso presente. Boa semana cheíña de libros e de vida, e boas lecturas.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: