Arquivos mensuais: Maio 2008

135| Unha vez era eu unha árbore e estaba suxeita

Emisión DIARIO CULTURAL 26/05/2008

A semana pasada rematou Barcelona Poesia, que volveu encher con poemas escenarios, salas, bibliotecas, universidades, librarías e rúas, e, por suposto, o lugar no que se pecha esta semana intensa, o xa centenario Palau de la Música. O Palau recibe estes días co Retablo de Francisco Leiro: esculturas antropomorfas en azul, branco ou vermello a gabear polas fachadas, e dentro, unha impactante peza en madeira, o Centaurrato, un singular home-cabalo con orellas de rato que troca velocidade e luxuria polo atento escoitar dun home corrente.

Unha ruela máis abaixo, na Francesca Bonnemaison, tivo lugar a xa tradicional mesa das poetas que organizamos desde o Centre Dona i Literatura. E con esta levamos cinco. Para abrir o debate e a lectura das escritoras elixiuse un verso de Ingeborn Bachmann: “Unha vez era eu unha árbore e estaba suxeita”. A partir deste verso falaron sobre o tempo, a memoria, a vida e o compromiso as catro poetas convidadas este ano: a menorquina Margarita Ballester, a barcelonesa Gemma Gorga, a moi soada poeta vasca Itxaro Borda e mais unha desas poetas galegas que cómpre seguir con atención, Xiana Arias; si, si, a mesmiña que lles fala neste Diario Cultural, quen nos leu un texto intenso e suxestivo sobre o castiñeiro de Ana Frank e a escrita como acto político. A conversa posterior transcorreu entre recomendacións de libros, escritoras e poemas e un tema obrigado cando hai unha escritora en euskera: a necesidade da tradución. Superado xa o vello prexuízo de que só se pode ler a poesía na lingua orixinal, ou case todos os poemas nos serían impracticábeis, falouse da inexistencia de canles habituais para a tradución e o papel que desempeña internet nesa apertura, aínda que sempre haxa linguas acolledoras que con pouco esforzo resultan intelixíbeis e mesmo poden proporcionar pracer lector. Porque, non se esqueza, en literatura non se trata só de superar as fronteiras da comprensión senón de dar con aquela clave formal que sustenta o material literario: o pracer lector.

Barcelona Poesia encheu de palabra intelixente a cidade. Na longa lista de participantes había poetas coñecidos como Bernard Noël, Durs Grünbein (traducido hai anos ao galego por Frank Meyer para a colección Ablativo Absoluto), Juri Talvet (que onda nós, se cadra, soa máis como especialista en literatura comparada), Miguel Anxo Fernán-Vello, Koldo Izaguirre ou esa lexión de poetas novas catalás, ás que cómpre seguirlles a pista: Laia Noguera, Susanna Rafart ou Maria Josep Escrivà. Mentres escoitabamos a Xiana Arias coas súas reflexións e os seus poemas de cobertura naïf pero cargados de intención, nunha libraría lía os seus textos unha poeta galega inédita, Iria Fernández. Mais ese é asunto para outro comentario. Boa semana e boas lecturas polos versos adiante.


134| Letras galegas .1

Emisión DIARIO CULTURAL 19/05/2008

Se cadra é que levaba moito tempo sen pasar o Día das Letras en Galicia, pero este 17 de maio, que me cadrou en Vigo, foi unha experiencia un tantiño estraña. E iso que toda a concepción do Día das Letras, celebrándolle o cumpreanos a un libro en troques de rememorar fusilamentos, colonizacións ou exterminios, sitúa a Galicia como modelo para ese novo tipo de conmemoracións que se están a estudar desde outros gobernos co fin de que as celebracións colectivas recollan valores como o dereito á diferenza, as identidades nacionais multiculturais e os principios de non discriminación. O primeiro abraio veu coa axenda bipolar do goberno galego, que vén sendo a institución que decide que o 17 de maio é festivo. Non se sabe moi ben a razón, pero o caso é que uns foron a Vigo para asistir aos actos institucionais da Academia Galega, sumándose á celebración dun día grande para Galicia, mentres que o Presidente Touriño marchou á Arxentina para lembrar a longa tradición galega existente naquela banda do Atlántico. Que Bos Aires é lugar fundamental da nosa historia e da nosa cultura está fóra de toda dúbida, e por iso houbo Letras Galegas antes que lembraron a Castelao, Seoane, Dieste ou Lorenzo Varela. Mais o que non está tan claro é se o Presidente, que ratifica coa súa sinatura o calendario de feriados de Galicia, debe ausentarse neste día no que os políticos ceden o protagonismo á Academia Galega e sentan nunha discreta primeira fila para escoitar á corporación que entende de asuntos da lingua e da cultura galega. Daquela, pregúntome, teñen pensado facer o mesmo o vindeiro 25 de xullo cando o goberno galego cede palestra e púlpito á Igrexa e senta nunha discreta primeira fila escoitando a unha corporación que –mágoa!– non entende nin de lingua nin de cultura galega, nin se axusta no seu funcionamento a moitos dos principios que rexen para o resto de institucións? A cousa resulta perturbadora, porque se a máxima representación de Galicia non cre nas celebracións que ratifica a súa institución, quen vai crer nelas?

Claro que, para ser xusta, non é o único que descre do día, e volvo a un argumento reseso pero aínda certo: o Día das Letras Galegas foise valeirando de contido porque os festivos se converteron en tempo de lecer cada vez menos aptos para a actividade cultural e conmemorativa. Non sei se hai que retomar o debate que quedou sen resolver sobre a despenalización do 17 de maio para que volva ser día de celebración e autoafirmación. En todo caso, e concordo co que escribía Manuel Bragado no seu blog, o sábado pasado en Vigo as Letras Galegas non estiveron á altura dun día grande e os actos de homenaxe falan máis do noso desleixo institucional e popular. Vémonos no espello e non nos recoñecemos, logo algún problema temos.

Boa semana e boas lecturas.


133| Nin as mulleres nin a lingua galega son o problema

Emisión DIARIO CULTURAL 12/05/2008

Vaia unha se montou na rede coa restra de artigos sobre sexismo na lingua publicados en Vieiros nas últimas semanas. O caso é que Olga Castro, profesional da tradución, activista recoñecida a prol da igualdade e, o que é máis interesante para o caso, investigadora especializada na cuestión da linguaxe e o sexismo, asumiu o reto de abrir debate público. Meteuse no papel de Pandora e púxose a argumentar un deses temas que se foron incorporando ao politicamente correcto abrindo, iso si, acedos debates. Porque un dos temas abertos na opinión pública de hoxe radica nos cambios que producen as políticas de igualdade promovidas por un influínte feminismo institucional que apostou por tirar a cuestión das mulleres do gueto do asistencial para convertelo en cuestión trasversal. Rescatouno do privado para convertelo en asunto público.

Olga Castro, nos seus tres longos artigos titulados “O sexismo na lingua”, explica a importancia da linguaxe, sinala as diversas posicións sobre a cuestión, exemplifica a desigualdade, debulla as posíbeis estratexias para resolver esas prácticas e remata poñendo o dedo na encrucillada: na necesidade de que a planificación lingüística desenvolvida en Galicia incorpore entre os seus obxectivos a superación do sexismo. Por iso a súa derradeira entrega remata así: “a planificación lingüística pode ir perfectamente acompañada da planificación de xénero. Na encrucillada xénero e nación, eu escollo AS DÚAS!” (Vieiros, 09/05/2008). Non é a primeira vez que se establece onda nós un paralelismo entre a discriminación do idioma galego e a discriminación das mulleres (penso nos ensaios fundacionais do feminismo galego de María Xosé Queizán, por exemplo). A diferenza é que agora contamos coa posibilidade de desenvolver políticas correctoras desde as institucións a través de gabinetes especializados.

A socióloga Soledad Murillo, que foi unha das feministas de maior peso no anterior goberno do Estado español e unha das que contribuíu á feminización da axenda política, defendía nas súas intervencións públicas: “as mulleres non son o problema, sofren os problemas xerados pola sociedade”. Pois ben, aplicando o conto, as mulleres son as que sofren os problemas xerados por unha linguaxe sexista que, se ben é froito dunha tradición, tamén é certo que é un produto social que se pode e que se debe transformar. A resistencia a eses cambios radica nos límites. De maneira interesada confúndese visibilidade con igualdade, e parece que por usar dous femininos protocolarios ou por ter a rotulación dun local en galego as desigualdades estean superadas. Nin as mulleres nin a lingua galega son o problema, sofren os problemas dunha sociedade que non é quen de recoñecerse no espello.

En fin, ventureiras Letras Galegas con aquelas lecturas que máis lles presten.


132| Cartografías identitarias

Emisión DIARIO CULTURAL 05/05/2008

A fascinación polas cartografías non se alimenta só da ansia de posuír cabalmente o mundo, medido con pé propio e ao servizo dos intereses dos imperios. As cartografías falan sobre todo da nosa mirada, dese proceso de abstracción que nos leva a reducir a liñas e iconas os territorios e as xentes. Na arte as cartografías identitarias teñen sido ben proveitosas. Penso en tres artistas que, desde a América e a África en triángulo, conxugan corpo e cartografía e alancan, como se fosen Livingston, supoño, polos territorios selváticos nos que a identidade carecía de representación cabal.

Á arxentina Tamara Kostianovsky a profunda crise que abalou o seu país levouna a tomar conciencia das diferenzas políticas e púxose a traballar teimudamente as formas do continente americano. Empezou coa silueta da Arxentina en foles de coiro, logo coseu en tea unhas singulares bólas do mundo e finalmente empezou a debuxar mapas de América feitos con pelo ciscado que proxectan sombras de mellor definición cartográfica cá forma orixinal. A súa intención é incorporar os territorios debuxados á identidade propia. E coa mesma técnica do pelo e a sombra fixo retratos de Julio Cortázar, Frida Khalo ou Carmen Miranda.

Pola súa banda a fotógrafa mexicana Tatiana Parcero botou a andar na década dos 90 un proxecto de autoexploración titulado, claro, Cartografías, que continuou até os máis recentes Acto de fe e Re-Invento. Proxectando no corpo propio mapas e códices precolombinos demostra aquilo que xa afirmara a poeta Lupe Gómez, que “a muller é un cristal atravesado por unha patria”. Por unha patria e por unha memoria, porque o corpo viría a ser o resultado dos mapas e dos códices: o ser de hoxe participa no proceso de construcción histórica. Pero a artista sobarda os territorios e esculca na cartografías corporais cunha serie na que proxecta sobre o corpo representacións anatómicas, producindo unha sensación inquedante, en tránsito entre o corpo vivo e o inanimado corpo das representación médicas.

Tamén Ingrid Mwangi, unha artista nada en Nairobi (Kenia), acode aos mapas para á pescuda na negritude. Das súas moitas series sobre o continente negro interésame unha que titula Static Drift (2001), se cadra unha parodia da deriva de continentes. Trátase de dúas fotos dun abdome feminino branco no que se debuxan na cor da pel negra a pegada colonizadora como aquela que impuxo a cartografía de África, e na outra, un país imaxinado, negro, de forma indefinida: a África imposta polos brancos, fronte a África orixinal, negra.

Estas son tres esculcas nas cartografías identitarias nas que a pel ou o pelo deron en ser a vitela dos mapas actuais, cuestionando a representación aprendida do mundo para desordenalo. Boas cartografías, boa semana e boas lecturas.