132| Cartografías identitarias

Emisión DIARIO CULTURAL 05/05/2008

A fascinación polas cartografías non se alimenta só da ansia de posuír cabalmente o mundo, medido con pé propio e ao servizo dos intereses dos imperios. As cartografías falan sobre todo da nosa mirada, dese proceso de abstracción que nos leva a reducir a liñas e iconas os territorios e as xentes. Na arte as cartografías identitarias teñen sido ben proveitosas. Penso en tres artistas que, desde a América e a África en triángulo, conxugan corpo e cartografía e alancan, como se fosen Livingston, supoño, polos territorios selváticos nos que a identidade carecía de representación cabal.

Á arxentina Tamara Kostianovsky a profunda crise que abalou o seu país levouna a tomar conciencia das diferenzas políticas e púxose a traballar teimudamente as formas do continente americano. Empezou coa silueta da Arxentina en foles de coiro, logo coseu en tea unhas singulares bólas do mundo e finalmente empezou a debuxar mapas de América feitos con pelo ciscado que proxectan sombras de mellor definición cartográfica cá forma orixinal. A súa intención é incorporar os territorios debuxados á identidade propia. E coa mesma técnica do pelo e a sombra fixo retratos de Julio Cortázar, Frida Khalo ou Carmen Miranda.

Pola súa banda a fotógrafa mexicana Tatiana Parcero botou a andar na década dos 90 un proxecto de autoexploración titulado, claro, Cartografías, que continuou até os máis recentes Acto de fe e Re-Invento. Proxectando no corpo propio mapas e códices precolombinos demostra aquilo que xa afirmara a poeta Lupe Gómez, que “a muller é un cristal atravesado por unha patria”. Por unha patria e por unha memoria, porque o corpo viría a ser o resultado dos mapas e dos códices: o ser de hoxe participa no proceso de construcción histórica. Pero a artista sobarda os territorios e esculca na cartografías corporais cunha serie na que proxecta sobre o corpo representacións anatómicas, producindo unha sensación inquedante, en tránsito entre o corpo vivo e o inanimado corpo das representación médicas.

Tamén Ingrid Mwangi, unha artista nada en Nairobi (Kenia), acode aos mapas para á pescuda na negritude. Das súas moitas series sobre o continente negro interésame unha que titula Static Drift (2001), se cadra unha parodia da deriva de continentes. Trátase de dúas fotos dun abdome feminino branco no que se debuxan na cor da pel negra a pegada colonizadora como aquela que impuxo a cartografía de África, e na outra, un país imaxinado, negro, de forma indefinida: a África imposta polos brancos, fronte a África orixinal, negra.

Estas son tres esculcas nas cartografías identitarias nas que a pel ou o pelo deron en ser a vitela dos mapas actuais, cuestionando a representación aprendida do mundo para desordenalo. Boas cartografías, boa semana e boas lecturas.

Advertisements

2 responses to “132| Cartografías identitarias

  • torredebabel

    Coma sempre, fermosas descubertas as que fago neste fogar. É por iso que sempre volvo… Bicazos!

  • Helena González

    Torredebabel, grazas polos bicos, que chegan en triángulo. Non deixes de ver todo o tránsito cartográfico desde as vacas aos foles de Tamara Kostianovsky, un xogo interesante, sobre todo para quen lemos cun pé na “pell de brau” (pel de touro) de Salvador Espriu.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: