136| Contra as estrañas glorias da guerra

Emisión DIARIO CULTURAL 02/06/2008

En Europa o século XVIII remata cos escritos fundacionais do feminismo occidental: os de Olympe de Gouges, revolucionaria e autora de textos de teatro político a prol da abolición da escravitude e da necesidade do divorcio, ademais da contradeclaración dos dereitos da cidadá que lle custou a vida; e, por suposto, a coñecida vindicación de Mary Wollstonecraft. A vindicación feminista na España ilustrada avanzou polo carreiro aberto por Benito Feijoo e o seu famoso Discurso en defensa de las mujeres, que tanta influencia tivo no seu século e mais no seguinte, e que serviu para autorizar escritos apoloxéticos de ilustradas posteriores. Mais, nin todas as escritoras interviron nese debate, nin polo de agora sabemos abondo daquel período. De feito os manuais mostran máis o papel das ilustradas como editoras e tradutoras que como autoras de textos orixinais.

Nun dos anexos dos Cuadernos de Estudios Gallegos Carlos García Cortés vén de publicar unha monografía sobre María Francisca de Isla e Losada, a única escritora galega que coñecemos do XVIII. Ela asumiu o papel de editora do seu medio-irmán, o xesuíta Padre Isla, quen, exiliado en Boloña, lle encarga a edición da súa obra. E coñecíase ben aquel único poema en galego conservado entre os papeis do Cura de Fruíme. Pois ben, no estudo de García Cortés, pormenorizado e por veces confuso, rescátase unha longa peza inédita de 1770 escrita en octavas reais e titulada Despedida de Lidia y Armindo. Trátase dunha actualización da alegoría dos amores de Venus e Marte, é dicir, o amor, representado pola muller fermosa, fronte a guerra, representada polo guerreiro, que contaba cunha longa tradición literaria e, sobre todo, pictórica, desde os frescos de Pompeia deica os cadros dos mestres italianos do Renacemento, como Boticelli ou o Veronés. Baixo a tona dunha historia tópica da morte pola ausencia do amado, o máis interesante do texto radica en que a amada ten voz propia e ao longo de moitos versos tenta convencer racionalmente ao home das vantaxes do amor fronte o recoñecemento acadado co sangue da guerra. Finalmente Armindo decide marchar e Lidia morre de amor, mais non sen antes lle facer algunhas consideracións, aínda vixentes, para tentar convencelo de que desista. Dille Lidia na estrofa 32:

¿Qué triunfos tú procuras, qué victorias
que no pueda mi pecho asegurarte?
Vas a la guerra buscando extrañas glorias,
dejas las glorias, que pudiera darte,
solicitas en sangre altas memorias
dejando a Venus por seguir a Marte
.

Aínda que a retórica ilustrada se cadra cae un chisco lonxe, os argumentos que debulla Lidia ao longo de varias estrofas veñen a ser os mesmiños que fundamentan a lóxica contestataria do 68: “Fai o amor e non a guerra”. Boa semana e boas lecturas.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: