138| De blogs e escritoras

Emisión DIARIO CULTURAL 16/06/2008

Un blog non é un diario aínda que lle imite moito no que ten de escrita atomizada, de acompañar a experiencia, as emocións e os días, e de comunicación directa. O blog, ben aproveitadiño, abre o reto a unha escrita que lle tira rendemento ás tentacións semióticas da rede, que son moitas: a multiplicación do eu nunha procesión de alter-egos de ficción, a superación das dúas dimensións da lectura reenviando a outras páxinas, a intervención de quen le alterando o sentido da escrita ou a posibilidade da comunicación global. O blog potencia un eu de raíz romántica que quere escribir e ser lido, aínda que moitas veces quen le nin é tanta xente nin tan descoñecida. Atrinchéirase quen escribe no dereito individual a emitir opinión porque cre que esta é unha maneira de transformar o mundo, deixándose levar, se cadra, por unha interpretación enganosa do termo globalización. Mais non sempre demostra a mesma intensidade lectora, por iso o principal perigo da blogosfera radica en que a loulea do eu omnipotente derive en solipsismo.

Con todo a blogosfera élles do máis estimulante. E desde os estudos literarios feministas aínda máis. A falta de mediación e a democratización da autoría (“calquera pode escribir un blog”) produce as máximas desconfianzas da academia, mais, pregúntome: se nas décadas pasadas se aplaudiu e potenciou a narrativa popular como factor de normalización cultural e lingüística, como é que nos produce tanta desconfianza o fenómeno blog, que é unha forma aberta de escrita popular? Haberá quen diga que no blogomillo literario hai moito lixo virtual e que faltan mellores gps que eviten as reviravoltas en bucle de san google, convertido nunha adaptación mecánica de san Agapito, o de “fai que atope un sitio bonito”. E levan razón. Mais alén dos tirapuxas sobre os atrancos do blogomillo, o que resulta evidente é que o blog fai de caderno aberto de moitas escritoras. Así que a rede está a cumprir o papel que tiñan os xornais e revistas literarias no século pasado: acompañar o nacemento de novas escritoras e de novas escritas.

Pero ademais a escrita formalmente condicionada do blog está a modificar a narrativa autobiográfica e mais a experimentación poética publicada en libro. Poño un só caso, pero hai moitos máis. Luz e Lupe é unha biografía transformada pola escrita da experiencia e o texto atomizado do blog. Fronte á verdade obxectiva da biografía como xénero histórico, Lupe Gómez prefire a verdade esmagadora da biografía, da vida allea, proxectada na vida propia. E resulta máis eficaz e máis interesante.

Ando a voltas, como ven, cos blogs literarios escritos por mulleres así que queda o convite feito para ir ao meu blog: https://dasorixesdemarzo.wordpress.com. Alí pódense ler estes comentarios de opinión, e retrucar e opinar. Boa semana e boas lecturas.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: