139| Xohana Torres, Clarice Lispector e os peixes

Emisión DIARIO CULTURAL 23/06/2008

Cadrando co San Xoán, un neno da Galicia interior, que non coñecía o mar, recibe unha carta do seu tío, que é pescador. Na carta dicíalle que chegara o tempo da sardiña e que cando quixera podía ir de pesca canda el. Así comeza Polo mar van as sardiñas, un conto de 1968 co que Xohana Torres falaba da vida dos homes do mar como unha aventura. Unha aventura na que o neno era copartícipe dunha actividade cotiá e tamén épica: a daqueles afoutos mariñeiros que nos seus barcos desafiaban o mar e as súas tormentas para lle tirar un dos seus tesouros, o peixe. Esta épica do mar, non sen contrapunto humorístico, enténdese mellor no propio discurso de ingreso de Xohana Torres na Academia Galega, que segue sendo, ao meu ver, unha lectura altamente recomendábel. No mesmo ano en que se publica esta primeira incursión da autora do “Eu tamén navegar!” na literatura infantil, Clarice Lispector publica o seu segundo conto, A mulher que matou os peixes, un texto que paga a pena recuperar porque se presenta como a confesión dunha nai que pide desculpas públicas á rapazada lectora, porque si, ela matou os peixes que o fillo deixara ao seu coidado. En ton confesional, e someténdose sempre á opinión de quen le, Clarice tenta desculpar ese crime involuntario debullando a súa intensa relación cos animais. Fala dos moitos gatos que chegou a ter na casa, dunha bica chamada María Fátima que papou un gato nun pispás, dos moitos e variados cans da súa vida e desoutra fauna natural coa que partillou a casa: os mosquitos e, sobre todo, as cascudas, ese becho que ocupa un lugar simbólico na súa narrativa para adultos. Fuxindo da tentación da prédica, coñecemos os sufrimentos dos animais e sabemos que aquela nai escritora non é a muller perfecta. Así que, o conto ten un aquel triste e, en realidade, é leal e honesto, porque, a vida non leva asegurado o happy end. Polo mar van as sardiñas reeditouno non hai moito a Editorial Galaxia e entre as moitas novidades destas semanas, Sabina Editorial publica os primeiros contos para nenos de Clarice Lispector, El misterio del conejo que sabía pensar e, o máis interesante, La mujer que mató a los peces, verquidos ambos e dous por Elena Losada, responsábel das últimas traducións ao español da brasileira.

Sempre falamos da importancia da literatura infantil e xuvenil, delegando nela as nosas expectativas sobre a formación intelectual e ética da rapazada. Dicimos que a recoñecemos, mais logo, en realidade, nada sabemos deses textos. Eu sonlles das que leo literatura infantil de agasallo. Verán, varias veces ao ano Diandra e mais eu imos á libraría do Xaime, a Andel, á procura de novos títulos. Divertímonos moito decidindo e negociando qué novos contos vai levar Diandra como agasallo para a súa biblioteca. Só hai unha condición: eu tamén os quero ler. Bo solsticio cheo de fogueiras e sardiñas, e boas lecturas.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: