140| A evidencia do mel e o orientalismo

Emisión DIARIO CULTURAL 30/06/2008

Se cadra xa saben que entre as novidades literarias en Francia salienta unha novela de autoría feminina, La preuve par le miel (algo así como: A evidencia do mel), que trata das experiencias eróticas dunha muller árabe. Con ela Salwa El Neimi, unha xornalista cultural nada en Damasco que vive en París, súmase a esa variopinta lista de escritoras árabes que se sitúan na fronteira entre a desexada expresión ceiba do pracer das mulleres e os cerrollos do tabú corporal e sexual con que o integrismo islámico as amordaza. De novo o desexo feminino contado por elas serve como escrita da transgresión no contexto árabe. Esta rodeira, entre a necesidade e subversión, ten unha intensa traxectoria. Abriuse coa controvertida L’amande (A améndoa), dunha marroquina que asinou co pseudónimo Nedjma. Seguiulle Os outros, asinada tamén con nome interposto, como Siba El Harez, no que unha exipcia conta a descoberta dunha adolescente do universo oculto das mulleres lesbianas. E recentemente J’ai mal en moi (algo así como Dóeme), de Souad El Alaoui Ben Hachem, narradora marroquina en francés, que nos seus once contos denuncia os abusos sexuais a mulleres, nenos e fillas, sen refugar o vocabulario sexual explícito.

Na tradución francesa de La preuve par le miel, publicada por Robert Laffont, o libro preséntase como “a confesión impertinente e sensual dunha Xerezade moderna”. A contraportada materializa a nosa mirada estrañada. O orientalismo segue funcionando como estratexia de distanciamento e exotización. Esta nosa civilización de raíz cristiá, creada a forza de represión corporal e sexual, procura na alteridade os valores da barbarie que nos confirmen na nosa superioridade (moral, intelectual ou democrática). Deste xeito o tópico orientalista formúlase agora como unha moeda de dúas caras que reduce á simplicidade máis extrema a complexidade do mundo árabe e as variadas culturas do islam que van desde o Maghreb deica Arabia. Por unha cara, a barbarie extrema, o inimigo letal corporeizado no musulmán integrista e terrorista. Por outra, a muller desexada, depositaria dos saberes milenarios da sexualidade oriental que tan ben coñecemos no anterior período de entreséculos, cando, por exemplo, Carolina Otero triunfaba representando a odalisca en París. Outra volta, morte e erotismo, e con eses fíos cosemos en gordas puntadas os costuróns da nosa mirada orientalista. Mais o que Salwa El Neimi reivindica co seu libro é outra cousa: a necesidade dunha educación das mulleres nos praceres —por iso empeza referíndose á ausencia de conversas sobre sexo coas nais e coas irmás—, e tamén a reivindicación da tradición erótica árabe —por iso a narración vai salpementada con citas eróticas desde os textos relixiosos até os clásicos. Como os nomes das escritoras teñen o seu aquel, vaian a: dasorixesdemarzo.wordpress.com. Boa semana e boas lecturas.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: