142| Moitos deberiños por facer

Emisión DIARIO CULTURAL 14/07/2008

Hai unha semana un columnista habitual da prensa galega, Marcelino Agís Villaverde, recuncaba nunha polémica que fixo correr ríos de tinta o ano pasado, cadrando máis ou menos por esta época. Refírome á famosa cuestión da misa a Rosalía que se celebra o 25 de xullo en San Domingos de Bonaval. Na súa opinión segue sen xustificarse que a Fundación Rosalía de Castro deixase de organizar esa misa e apelando á tradición defende esa liturxia como un acto de afirmación galeguista. Un acto que, de certo, nos anos 60 estivo cheo de anécdotas que foron seguindo o decorrer do momento, como a asistencia de numerosos nacionalistas ateos a esa celebración, a ausencia dunha parte da mocidade galeguista, que preferiu reunirse nun bar e falar da articulación dun partido independentista, ou mesmo a famosa detención de Xaime Isla, en 1969, cando ao remate desa misa se puxo a cantar con ánimo reivindicativo o Venceremos nós, convertido en himno da revolta antifranquista para universitarios e galeguistas. Pois ben, xustamente cun pé na tradición, ou mellor dito, no feito de que as tradicións están sempre a mudar, e co outro no meu laicismo confeso, non me parece que esa misa, sen dúbida con moitos anos ás costas, teña que ser un acto obrigado dunha fundación que non se declara expresamente católica, da mesma maneira que non dou entendido os obrigados funerais de Estado e outras liturxias católicas que aínda ocupan boa parte da nosa vida civil.

Certamente esa misa serviu en tempos da dictatura como un acto de afirmación galeguista que cadrou, axiña, coas expectativas lingüísticas que abriu o Concilio Vaticano II. Naquela altura unha parte da igrexa católica foi cómplice da resistencia antifranquista, e, sobre todo, considerouse que era precisa a súa colaboración como medio para acadar o prestixio e a popularización do idioma e da cultura galegas. Moitos católicos se sumaron daquela a aquel reto e algunhas cousas se conseguiron, pero a presenza normal do galego na igrexa católica aínda está lonxe, lonxe, lonxe, que nisto aínda lle quedan moitos deberiños por facer. Pero vaia, non me fagan moito caso, que eu non lles son nin da Santa Rosalía, nin da Santa Misa nin da Misa do Apóstolo, esa cerimonia anual sobre fondo barroco na que o Arcebispo detenta palabra e púlpito e mentres permanecen sentados nos primeiros bancos os representantes políticos. En calquera caso, a cuestión radica de feito nun prexuízo totalizador: o de considerar que a nosa sociedade, as nosas celebracións e calquera de nós vén sendo católico por defecto, mentres non demostremos o contrario, mentres non apostatemos. Pois ben, desde o maior respecto á liberdade relixiosa deféndese soíño o dereito das institucións cívicas a non organizar os seus ritos seguindo os cerimoniais católicos. Boa semana e boas lecturas, sen santiñas nin santóns.

Advertisements

2 responses to “142| Moitos deberiños por facer

  • elcolordelessabates

    Olá Helena!
    Tens toda a razão. A igreja passeou-se de mãos dadas com a política durante séculos! Felizmente as estruturas sociais vão-se transformando a pouco e pouco e a igreja vai ficando relegada à esfera da opção moral individual. A questão é que tantos séculos de imposição ideológica não passam desapercebidos… A religião é o cimento dos nossos pilares como sociedade e como indivíduos: é como uma força gravitacional da qual somos conscientes mas não conseguimos escapar. Entretanto e durante os próximos séculos, muito me temo que todos vamos continuar a ser católicos por defeito e tradição e, por muito ateus que nos auto-proclamemos, os nossos marcos morais, conceptuais, identitários, linguísticos, etc, serão sempre os que nos dita uma sociedade inconscientemente impregnada de religião. (eu ainda tenho uma neurona –só uma– que ainda sente culpa por dizer uma palavra feia, por pedir uma sobremesa por gulodice, por ter pensamentos… carnais –vês?? Nem consigo dizer “sexuais”!–, não vá o Senhor estar a ver e me castigue…) :-S

  • Helena González

    Ola, David.
    A cor dos teus zapatos non combina coas casulas sacerdotais. Ben se ve. A ver se conseguimos que esa neurona ocupada pola conciencia católica do pecado, e que non é só túa, consiga apostatar. Deica!

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: