143| Veciñas autorizadas

Emisión DIARIO CULTURAL 21/07/2008

O 30 de abril de 1968 o Correo de Galicia de Bos Aires publicaba unha categórica Carta dos artistas e escritores galegos ao rector da Universidade de Galicia. A universidade estaba a ferver, corrían as consignas en papeis de caderno, sucedíanse os peches e os desaloxos e a rapazada universitaria protestaba mentres falaba, fumaba e cantaba. Nesa carta pedíaselle ao rector (traduzo do español): o cese “da presión policial sobre a normal actividade docente dos nosos universitarios”, “das represións violentas desproporcionadas”, “das detencións domiciliadas, indiscriminatorias” e das “sancións sobre estudantes polo mero feito de seren delegados ou membros de xuntas”. Remataba a carta pedindo o diálogo e afirmando: “A Universidade de Galicia, polas nosas características raciais, foi sempre claro exemplo de tranquilidade, paz e humanística formación”. Asinaban o manifesto, en primeiro lugar Xosé María Castroviejo, exprofesor da universidade e escritor, logo Francisco Fernández del Riego, e en terceiro lugar Xohana Torres. A lista de 58 sinaturas incluía intelectuais e artistas de variada procedencia ideolóxica: Álvaro Cunqueiro, Urbano Lugrís, Isaac Díaz Pardo, Celestino Fernández de la Vega, Arcadio López Casanova, Ramón Piñeiro ou Valentín Paz Andrade. Mais, cos lentes violetas, interésanos saber quen foron as artistas que o apoiaron.

Xohana Torres estaba, como xa dixemos, das primeiriñas e tamén asinaron a pintora Mercedes Ruibal e mais María do Carme Kruckenberg. De Mercedes Ruibal, a “incríbel e insensata galega”, como dixo dela Rafael Alberti (El País, 01/09/1991), esquecémolo case todo. Esquecemos os seus cadros de tona naíf pero cheíños de intención, como aquel de 1968 co que se sumaba á arte política do momento: Desastre Vietnam; ou aqueloutro titulado Veciñas autorizadas. Esquecemos a súa pintura e case nin chegamos a saber que foi escritora en español, autora dunha novela de título rechamante e prometedor: Confesiones de volatinera con bragas de repuesto al fondo. A novela publicouna Akal en 1978, cun poema do seu amigo Alberti na contracuberta e debuxos do seu home, o arquitecto Agustín Pérez Bellas. E para el escribiu aínda un poemario elexíaco, Y mi voz es tu nombre, publicado por Ediciós do Castro.

Estoutro día debullaba Ricardo Gurriarán aspectos interesantes do 68 en Galicia a propósito da súa exposición Do “Gaudeamus igitur” ao “Venceremos nós”. Fíxome notar o papel destacado das universitarias nas mobilizacións, como evidencian as fotografías e a documentación da época. Tanto mirarmos para as loitas polos dereitos civís nos Estados Unidos e para as rúas de París que se nos esquece a historia propia, que non escribiron só un clube de señores senón que incorporou rostros, voces, cadros e sinaturas das mulleres. Boa semana e boas lecturas, volatineiras.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: