144| “Fulles noves”

Emisión DIARIO CULTURAL 28/07/2008

En pleno verán Ibiza é sinónimo de praia, festa, camisas de algodón e discoteca, todo co mar á volta. Na nosa mirada desde fóra a imaxe turística esmaga toda aquela cultura indíxena que non estea previamente dixerida polo comercio turístico. Mais as illas sempre foron lugar de paso, lugar de tradución, e por aí vén o noso interese. Faleilles hai algún tempo das pegadas ralas de Rosalía de Castro na obra poética de Maria Antònia Salvà, escritora da terra cha de Mallorca. Tamén desa illa era Josep Maria Llompart, que para nós vai ser sempre o tradutor de Quinze poetes gallecs, publicado en 1976, onde escolmaba de Rosalía de Castro a Méndez Ferrín nuns anos nos que escritores e intelectuais eran sensíbeis á diversidade do Estado español, e aínda ao iberismo. Llompart compartía con outro poeta de Ibiza, Marià Villangómez, o interese pola poesía romántica galega e portuguesa, singularmente por Rosalía e Antero de Quental. De Villangómez dispoñemos agora dunha ampla antoloxía en galego Un voo de paxaros (2001), preparada por Isidor Marí e verquida por Xavier Rodríguez Baixeras. Mais o que non lle coñecemos tanto é a súa faceta como tradutor. Seica en 1963, logo de varios libros, Villangómez trocou a poesía pola tradución, que é, digamos, unha forma guiada de creación poética. Verqueu textos de Dante, Shakespeare, Apollinaire ou Thomas Hardy e mais unha serie de poemas ciscados de diversa procedencia que publicou por xunto en 1974 no seu Recull de versions poètiques editado polo Institut d’Estudis Eivissencs. De Rosalía de Castro elixiu un poema de Fulles noves, o “Padron, Padron”, aquel que comeza cunha descrición case costumista dun cemiterio e remata cunha escena pantasmal, co eu poético axexando a parroquia dos mortos polo buraco da pechadura. Como esta tradución ao catalán é pouco coñecida, léolles o final.

[…] Com en una tomba buida
el meu toc va ressonar.

Pel pany vaig mirar aleshores.
Quin silenci!… Quin espant!…
Sols vaig veure ombres que erraven
sense esma d’ací d’allà,
com volen els grans de pols,
lleus, en un fil de sol clar.

Els cabells se m’eriçaren
de dolor i de feredat.
Ai! Ni un tan sols!
A on són? Què els va passar?

El so trist d’una campana
vagarós em va arribar…
A morts tocava per ells!…

Padron!… Padron!…
Santa Maria… Lestrove
Adéu-siau!

Así, como a illas, grandeiriñas ou pequerrechas, imos indo coa Rosalía de Castro en catalán. Ogallá que nos vindeiros anos as Fulles noves, o libro enteiro, se poida ler de corrido nesta lingua, porque unha clásica éo tamén porque sobarda fronteiras e se dispón ás lecturas estrañadas. Bona setmana i bones lectures.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: