Arquivos mensuais: Agosto 2008

148| As palabras, garantía dun encontro

Emisión DIARIO CULTURAL 25/08/2008

Nada novo lles conto se lles digo que no Tortoni hai tertulia literaria galega, que para iso Débora Campos vai debullando cada canto o decorrer deses encontros nas súas crónicas para este Diario Cultural. E se cadra leron a de Andrea Cobas nun dos números de Grial de 2007. No Tortoni xa cadraramos no novembro con Manuel Rivas, pero desta vez iamos poder asistir a unha tertulia normal na Sala Alfonsina Storni, desas nas que, sen medo, se remexe o café coas impresións de lectura, as risas e a camaradería que vai creando compartir conversa unha vez ao mes. Aquelas e aqueles que viñamos de fóra, e eramos unha presadiña, abriamos ollos e orellas diante de tanta intensa e estimulante actividade lectora. Viñamos de A Fonsagrada, Pontevedra, Barcelona e Montevideo para participar nese pequeno milagre que alenta a emoción de galeguidade, alén das barrigas fartas de empanada e os actos grandielocuentes de tal Presidente ou tal outro cando aló van á procura da foto e do voto, que vén a ser case o mesmo. Este ano os títulos programados son de novela negra galega e estoutro día tocáballe a Á de mosca de Aníbal Malvar. Guiaba a sesión Andrea Cobas, investigadora na Universidade de Bos Aires e especialista no narrador Roberto Bolaño. Ben se lle ve que prepara as sesións co rigor da especialista e a cordialidade de quen sabe que a literatura é sobre todo pracer intelixente. Xogando a Maigret cos trinta lectores da tertulia, aló ían seguindo o xogo de pistas da novela que, seica, compraceu moito a toda a parroquia. Dúas horas falando e falando cos cafés que nos serve, cómplice, un camareiro brasileiro, que se comunica cos clientes en español, portugués e mesmo en linguaxe de signos. Despois, xa en privado, tertulia e mate con Débora Campos e co seu home, Ángel Berlanga. Partillar actualidade e libros con estes dous amigos xornalistas é como dispor de palco de honra sobre a actualidade da Arxentina. Como a xente da tertulia galega do Tortoni, saímos da casa de Débora e Ángel con novos libros para ler: Osvaldo Soriano, Fontanarrosa e unha novela de Silvia Bleichmar, No me hubiera gustado morir en los 90. Tratar, trata da sociedade arxentina, pero Débora dixo que nos ía axudar a entender o que pasara aquí. Cun arreguizo saímos ao inverno antártico de Bos Aires con ganas de empezar a ler o libro, que empeza confiando no poder das palabras. Tradúzolles: “Se as palabras se gastasen, se a función que cumpren como garantía dun encontro entre os homes que non sexa só un bater dos corpos se agotase, quedariamos orfos de ideas. Elas dirixen as nosas accións”.

Para a tribo irreductíbel da Sala Alfonsina Storni do Café Tortoni, apertas ao lonxe… E para o resto, boa semana e boas lecturas.

Advertisements

147| As cancións do desexo

Emisión DIARIO CULTURAL 18/08/2008

Onde hai un libro sempre medra outro, así que pola parte de abaixo do rimeiro de pendentes quedáronmelles por comentar tres antoloxías dos últimos meses. Desculpas se o comentario non é fresco do día, pero tampouco estes son libros-iogur nin cómpre conservalos no frigorífico. De feito, son libros para ler neles coma quen toma unhas tapas, sen ánimo de fartarse nun día, agora aquí e logo acolá, porque niso consiste a lectura de escolmas.

A primeira delas titúlase Vanakkam. Benvidas (2007), unha antoloxía proxectada por Implicadas no Desenvolvemento que tanto se pode ler como escoitar, depende se elixen libro ou cd. Obviando distancias e fronteiras puxéronse unhas fronte as outras, as poetas en galego fronte as poetas en tamil nadu. O libro ábrese con Andal, a primeira escritora clásica nesa lingua india, do século X. Na tradución soa, claro, a cantiga de amigo. E a seguir Chus Pato, María do Carme Kruckenberg ou Marta Dacosta mestúranse con Salma, Sulkirtharani ou Malthi Maithri, autora dun poema de final arrebatador. Di así, na tradución de María Reimóndez:

Algunhas rapazas que foron recoller
leña ao monte
volveron dicindo que viran
a miña vaxina como unha bolboreta
voando entre os outeiros.

En Vanakkam o corpo e o desexo das mulleres sitúanse en primeiro plano, como nesoutra escolma, Te seguirá mi canción del alma… (2008), sobre os boleros cubanos interpretados por mulleres. Yolanda Novo e María do Cebreiro Rábade no seu estudo abundan na importancia da actuación das cantantes e, como fixera antes Iris Zavala, defenden que no bolero as intérpretes (que interpretan nos dous sentidos do termo, ‘representan’ e ‘fan unha lectura’, escriben non con tinta senón coa súa voz). Coa súa voz e co seu corpo, como fai la Lupe cando canta “lo tuyo es puro teatro”, de Tite Cure, porque as cancións do desexo sempre se escoitan encarnadas nas cantantes e mesmo confundidas coas súas biografías.

A terceira escolma saíu polo maio maiolo. Na Universitat Autònoma de Barcelona hai xa un tempo que funciona un grupo de creación poética, Quark, que decidiu apoiar voces inéditas coa publicación de Quàntiques! 10 poetes joves en diferencial femení (2008). Alí están os poemas de Iria Fernández Crespo, unha catalá dos Ancares que empezou escribindo en galego e agora tamén o fai en español. Segue aumentado, logo, ese feixe de novas poetas galegas que escriben en Barcelona. Con un moitiño de paciencia e unha miguiña de boa sorte poden atopar os textos de Iria Fernández en Frores da Gavana, en myspace, os de Eva Méndez en Doroxo , en blogspot, ou os de Raida Rodríguez en Punto de fuga, en blogaliza. Boa semana e boas bloglecturas.


146| Margot Sponer

Emisión DIARIO CULTURAL 11/08/2008

Mentres a olimpiada de Beixín parece convidar ao lecer da épica deportiva, os xornais veñen cheos coa traxedia da represión e a guerra. Por un trae para acó ese territorio de interese estratéxico Rusia bombardea Xeorxia, que vén a ser algo así como unha Euskadi no Cáucaso, e o resultado son as imaxes de mortos e feridos da poboación civil xeorxiana. De sempre, mentres as corporacións e os Estados lidan polos seus intereses, os tempos de guerra están cheos de vidas fanadas.

Estoutro día, traballando coa miña colega María Xesús Lama, batemos cun nome: Margot Sponer. Interesábanos arrepañar máis datos sobre as súas investigacións relacionadas cos textos medievais e, mentres andabamos de Holmes polas bibliotecas adiante, batemos coa súa biografía, escrita por Annette Vogt, e cortounos o aire. Margot Sponer nacera en Silesia en 1898, cursou estudos en filoloxía e especializouse en textos medievais peninsulares en galego e catalán. Conseguiu un posto como profesora de español na Universidade de Berlín e alí defende en 1931 a súa tese de doutoramento sobre documentos galegos medievais. Iso era, precisamente, o que andabamos a procurar. Puxémonos a tirar do fío. Primeiro, os datos sobre esa tese, que polo seu interese recibiu financiamento para a súa publicación en Alemaña. Iso levounos aos seus contactos anteriores con Vicente Risco, durante a estadía do ourensán en Mitteleuropa, quen a convida a que publique na revista Nós un artiguiño sobre as súas investigacións. E logo, a publicación en 1934 da primeira parte dos seus resultados en español, un longo artigo titulado “Documentos antiguos de Galicia”, que apareceu nunha revista de investigación catalá, o Anuari de l’Oficina Romànica de Lingüística i Literatura. E nestas batemos na súa biografía coas botas dos fascismos e as atrocidades das guerras. A segunda parte deste artigo que ía saír en Cataluña non chegou a saír do prelo porque o alzamento de Franco supuxo a interrupción da publicación. Mais iso, só afecta aos textos. O realmente grave foi que poucos anos despois o réxime nazi obriga a deixar o seu posto na universidade a aquela filóloga políglota que publicara os seus traballos canda os máis reputados romanistas. Margot Sponer foi unha activista máis da resistencia deica o seu confinamento nun campo de concentración, acusada de axudar a xudeus. E en 1945 morre, asasinada pola Gestapo.

O seu vén a ser un nome máis nesa lista infinita de científicas que viron a súa vida e o seu labor fanado polas botas dos totalitarismos e da guerra, onte e hoxe. Nada vale a vida, nada vale o coñecemento, seica, diante da forza dos tanques e os canóns. Pero, non, algo ten que valer, tamén nestes tempos nosos, de invasións e negocios da guerra. Boa semana e boas lecturas para conxurar tantas mortes innecesarias.


145| Astronautas femininos

Emisión DIARIO CULTURAL 04/08/2008

Repasar xornais de hai anos leva sorpresa asegurada. A crónica diaria obriga a enfrontarse co pasado desde un presente saudoso, porque os desexos e os prognósticos de antano non contan xa coa vantaxe do futuro incerto. Lemos nesas páxinas sucumbindo á sedución do tempo abolido. Velaquí un retallo de xornal. É domingo 28 de decembro de 1975, o ano do pasamento de Josephine Baker, Pier Paolo Pasolini e Hannah Arendt. É tamén o Ano Internacional da Muller. Ese día en La Voz de Galicia, nunha sección titulada “A muller galega”, publícase un artigo a plana completa de Luz Pozo Garza titulado “Año Internacional de la Mujer y enseñantes femeninas en Galicia”, que se acompaña cun retrato da escritora e mais unha ficha do seu labor profesional, intelectual e literario.
Luz Pozo comeza cun percorrido pola vindicación. Cita a Felicité Keralio, unha daquelas revolucionarias francesas hoxe case esquecida nos manuais de historia do feminismo, prolífica escritora e fundadora do Journal d’État et du Citoyen. Tamén cita a Olympe de Gouges, Simone de Beauvoir e María de los Reyes Laffite, Condesa de Campo Alange, que baixo a bota de Franco e os xustillos da Sección Femenina publicou en 1948 La secreta guerra de los sexos. E logo, claro, dúas imprescindíbeis daquel momento, Lidia Falcón e Victoria Sau, a quen aínda se pode oír cada canto en Barcelona. A análise de Luz Pozo comeza no mesmo punto que o feminismo sufraxista: a defensa das mulleres e a súa equiparación aos varóns partillando os dereitos humanos. E a seguir debullaba o daquela espiñento problema das incompatibilidades profesionais recorrendo a un argumento clásico no feminismo: a sexuación das profesións como masculinas ou femininas en relación á súa capacidade para producir diñeiro e recoñecemento. Tradúzolles, do español:

“O exemplo das nacións supercivilizadas ou sen prexuízos de sexos, como a URSS vénnos demostrar que existen poucas profesións incompatíbeis coa muller. Hai astronautas femeninos, Capitáns de Barco, Xefes de Estación, Rectores de Universidade, Médicos, mulleres piloto…

Nas nosas latitudes o varón fuxe dos traballos domésticos, pero non ten inconveniente en desempeñar funcións consideradas coma femininas cando están ben retribuídas e son cómodas: cociñeiro, barman, camareiro, peluqueiro, alta costura, sastre, maîte de hotel…

O ensino vaise deixando en mans femininas, pero sobre todo nas súas primeiras etapas —parvulistas, mestras de EXB— pola súa incomodidade e baixa retribución”.

O artigo, un bo espello das esperanzas que abría a Transición, fala da desigualdade de xénero a nivel social e político e con ese “astronautas femininos”, que non era unha afirmación queer, pon en evidencia os muros de xénero cos que aínda batemos na linguaxe. Boa semana e boas lecturas.