146| Margot Sponer

Emisión DIARIO CULTURAL 11/08/2008

Mentres a olimpiada de Beixín parece convidar ao lecer da épica deportiva, os xornais veñen cheos coa traxedia da represión e a guerra. Por un trae para acó ese territorio de interese estratéxico Rusia bombardea Xeorxia, que vén a ser algo así como unha Euskadi no Cáucaso, e o resultado son as imaxes de mortos e feridos da poboación civil xeorxiana. De sempre, mentres as corporacións e os Estados lidan polos seus intereses, os tempos de guerra están cheos de vidas fanadas.

Estoutro día, traballando coa miña colega María Xesús Lama, batemos cun nome: Margot Sponer. Interesábanos arrepañar máis datos sobre as súas investigacións relacionadas cos textos medievais e, mentres andabamos de Holmes polas bibliotecas adiante, batemos coa súa biografía, escrita por Annette Vogt, e cortounos o aire. Margot Sponer nacera en Silesia en 1898, cursou estudos en filoloxía e especializouse en textos medievais peninsulares en galego e catalán. Conseguiu un posto como profesora de español na Universidade de Berlín e alí defende en 1931 a súa tese de doutoramento sobre documentos galegos medievais. Iso era, precisamente, o que andabamos a procurar. Puxémonos a tirar do fío. Primeiro, os datos sobre esa tese, que polo seu interese recibiu financiamento para a súa publicación en Alemaña. Iso levounos aos seus contactos anteriores con Vicente Risco, durante a estadía do ourensán en Mitteleuropa, quen a convida a que publique na revista Nós un artiguiño sobre as súas investigacións. E logo, a publicación en 1934 da primeira parte dos seus resultados en español, un longo artigo titulado “Documentos antiguos de Galicia”, que apareceu nunha revista de investigación catalá, o Anuari de l’Oficina Romànica de Lingüística i Literatura. E nestas batemos na súa biografía coas botas dos fascismos e as atrocidades das guerras. A segunda parte deste artigo que ía saír en Cataluña non chegou a saír do prelo porque o alzamento de Franco supuxo a interrupción da publicación. Mais iso, só afecta aos textos. O realmente grave foi que poucos anos despois o réxime nazi obriga a deixar o seu posto na universidade a aquela filóloga políglota que publicara os seus traballos canda os máis reputados romanistas. Margot Sponer foi unha activista máis da resistencia deica o seu confinamento nun campo de concentración, acusada de axudar a xudeus. E en 1945 morre, asasinada pola Gestapo.

O seu vén a ser un nome máis nesa lista infinita de científicas que viron a súa vida e o seu labor fanado polas botas dos totalitarismos e da guerra, onte e hoxe. Nada vale a vida, nada vale o coñecemento, seica, diante da forza dos tanques e os canóns. Pero, non, algo ten que valer, tamén nestes tempos nosos, de invasións e negocios da guerra. Boa semana e boas lecturas para conxurar tantas mortes innecesarias.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: