148| As palabras, garantía dun encontro

Emisión DIARIO CULTURAL 25/08/2008

Nada novo lles conto se lles digo que no Tortoni hai tertulia literaria galega, que para iso Débora Campos vai debullando cada canto o decorrer deses encontros nas súas crónicas para este Diario Cultural. E se cadra leron a de Andrea Cobas nun dos números de Grial de 2007. No Tortoni xa cadraramos no novembro con Manuel Rivas, pero desta vez iamos poder asistir a unha tertulia normal na Sala Alfonsina Storni, desas nas que, sen medo, se remexe o café coas impresións de lectura, as risas e a camaradería que vai creando compartir conversa unha vez ao mes. Aquelas e aqueles que viñamos de fóra, e eramos unha presadiña, abriamos ollos e orellas diante de tanta intensa e estimulante actividade lectora. Viñamos de A Fonsagrada, Pontevedra, Barcelona e Montevideo para participar nese pequeno milagre que alenta a emoción de galeguidade, alén das barrigas fartas de empanada e os actos grandielocuentes de tal Presidente ou tal outro cando aló van á procura da foto e do voto, que vén a ser case o mesmo. Este ano os títulos programados son de novela negra galega e estoutro día tocáballe a Á de mosca de Aníbal Malvar. Guiaba a sesión Andrea Cobas, investigadora na Universidade de Bos Aires e especialista no narrador Roberto Bolaño. Ben se lle ve que prepara as sesións co rigor da especialista e a cordialidade de quen sabe que a literatura é sobre todo pracer intelixente. Xogando a Maigret cos trinta lectores da tertulia, aló ían seguindo o xogo de pistas da novela que, seica, compraceu moito a toda a parroquia. Dúas horas falando e falando cos cafés que nos serve, cómplice, un camareiro brasileiro, que se comunica cos clientes en español, portugués e mesmo en linguaxe de signos. Despois, xa en privado, tertulia e mate con Débora Campos e co seu home, Ángel Berlanga. Partillar actualidade e libros con estes dous amigos xornalistas é como dispor de palco de honra sobre a actualidade da Arxentina. Como a xente da tertulia galega do Tortoni, saímos da casa de Débora e Ángel con novos libros para ler: Osvaldo Soriano, Fontanarrosa e unha novela de Silvia Bleichmar, No me hubiera gustado morir en los 90. Tratar, trata da sociedade arxentina, pero Débora dixo que nos ía axudar a entender o que pasara aquí. Cun arreguizo saímos ao inverno antártico de Bos Aires con ganas de empezar a ler o libro, que empeza confiando no poder das palabras. Tradúzolles: “Se as palabras se gastasen, se a función que cumpren como garantía dun encontro entre os homes que non sexa só un bater dos corpos se agotase, quedariamos orfos de ideas. Elas dirixen as nosas accións”.

Para a tribo irreductíbel da Sala Alfonsina Storni do Café Tortoni, apertas ao lonxe… E para o resto, boa semana e boas lecturas.

Advertisements

2 responses to “148| As palabras, garantía dun encontro

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: