149| Angélica Gorodischer, entre o Paraná e Islandia

Emisión DIARIO CULTURAL 01/09/2008

Rosario é unha cidade ateigadiña de librerías que convidan a mollar a lectura cun café ou un mate, como a librería Ross, a Homo Sapiens ou a Ateneo. Alí vive a narradora Angélica Gorodischer, que vén de cumprir 80 anos. Angélica Gorodischer ten cabeza de misto, como Chus Pato, e para Nora Domínguez, directora da revista Mora, pasa por ser unha das máis destacadas narradoras feministas vivas na Arxentina. Escribiu moita ciencia ficción e fíxose moi coñecida con Kalpa imperial (1984), pero tamén se animou a ir máis aló da escrita popular e publicou, por exemplo, libros de contos como Trafalgar (1979) e Técnicas de supervivencia (1994). O ano pasado arrepañou discursos e conferencias diversos nun libro interesante publicado por Emecé, A la tarde, cuando llueve. O primeiro que se bota de ver é a súa combativa e expresa conciencia xenealóxica. Sitúase como escritora no ronsel doutras escritoras: Alejandra Pizarnik, Armonía Somers, Clarice Lispector, Victoria Ocampo, e mais Murasaki Xikibu, George Sand ou Virginia Woolf. E non cito máis ca sete para ir abreviando, porque Gorodischer gusta tanto do decorrer da narración como das coleccións de onomástica, e vai prendendo un nome de escritora noutro para conformar a carta de navegación que nos permite armar a súa xeografía intelectual. Por certo, nestas restas non cita a Rosalía de Castro, e de novo esa ausencia fala do mal que vimos facendo os deberiños na proxección exterior. Préstalle, iso si, Álvaro Cunqueiro; dío na páxina 148. O segundo que se bota de ver é a importancia da lectura, e se iso é cuestión que ocupe páxinas na Arxentina, a verdade é que dá para preocuparse, porque alí os libros actúan de certo como “animal de compañía”.

A la tarde, cuando llueve é sobre todo un testemuño da escritora sobre o seu oficio. E se cadra algo do que ela di sobre escrita e cociña poderiamos aplicalo ás nosas narradoras, tan agardadas, e ás que tanto lles pedimos. Tradúzolles: “Para cociñar hai que aprender. Para escribir unha novela tamén. E a aprendizaxe faise amodiño. […] E o que unha quere é escribir unha novela xenial, unha o que quere é preparar unha comida que deixe a xente sen alento, abraiada. Para iso, cómpre paciencia”.

A cidade de Rosario, aos nosos ollos europeos, semella un marco para contemplar, como obra de arte, un anaco do inmenso río Paraná, que alí parece detido coma nunha pintura, pero en realidade flúe como só o saben facer os inmensos ríos americanos. Así é a escrita de Angélica Gorodischer, unha autora fascinada por Islandia, non só polo branco e azul do xeo e o mar, senón porque o país se defendeu das invasións noruegas coa lembranza constante e reconfortante das sagas. Boa semana e boas lecturas contra as invasións neocon.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: