154| Tina Escaja e a literatura hipertextual

Emisión DIARIO CULTURAL 06/10/2008

Volvo a ese couto mixto que é a literatura dixital, aos interrogantes e singularidades da lectura e da comercialización desas obras que só se abranguen por completo como texto verbal, visual e sonoro. Se cadra esculcar en hipertexto alleo serve para analizar mellor os indicios que atopamos nas textualidades propias, porque o couto mixto da literatura dixital ofrécese como un reto, para quen crea, pero tamén para quen le e para as industrias editoriais.

Tina Escaja é unha poeta de Zamora, guicha e ousada, profesora de literatura na Universidade de Vermont, nos Estados Unidos. Poida que haxa quen a lembre como autora, canda Helena Villar, dalgúns dos poemas dun disco para nenos de In Itinere, titulado A campá da lúa (2002). Ben, enxertada a nota galega, prosigamos. De sempre as dúas dimensións da páxina lle quedaron estreitas a Tina Escaja e por iso botou a andar un proxecto creativo que dá un chimpo por riba do verso, iso que a finais do século XX se definía como literatura experimental de vangarda. En 2007 presentou unha obra multimediática de creación complexa, Código de barras. Alí o texto poético, e político, ábrese á esculca resistente neses códigos comerciais e de control, mais tamén se abre á escrita colaborativa e multidisciplinar. Poñamos por caso un poema dese libro “Luna morada”, un texto tremendo sobre a violencia contra as mulleres e o feminicidio, que vén acompañado dunha imaxe da artista María José Tobal e dun poema visual de Julia Otxoa. As imaxes que acompañan o texto incorporan códigos de barras e ao premer co rato enriba deles escóitase a banda sonora do poema. Existe ademais a posibilidade de ampliar o proxecto nunha acción e mais nun vídeo. O resultado deste experimento multimediático é unha proposta poética suxestiva e combativa, que implica unha lectura activa porque mostra os moitos retos que se poden asumir na hiperpoesía: a escrita como un proxecto que sobarda as dúas dimensións da páxina. O texto de Código de barras publicouse en libro na Editorial Celya, de Salamanca, mais o prospecto recomenda que a lectura se acompañe coa banda sonora interactiva dispoñíbel na web da artista. Escaja xa viña desenvolvendo proxectos deste estilo en Badosa.com, unha editorial innovadora, interesada desde hai tempo polos libros electrónicos en español, catalán e inglés. No seu catálogo poden coñecer a obra experimental de Tina Escaja, ou Alma Pérez, como un hiperpoema que lles recomendo nestes tempos de omnipresentacia imperialista Una, grande, libre. Nel quen le decide a sucesión ou a simultaneidade dos versos.

En dasorixesdemarzo.wordpress.com teñen os enlaces á web de Tina Escaja, ao hiperpoema Una, grande, libre e mais á súa novela interactiva Pinzas de metal. Boa semana e boas hiperlecturas.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: