156| Ilustración doméstica e domesticada das mulleres

Emisión DIARIO CULTURAL 27/10/2008

Nas cavernas dos libros sempre se atopan coleccións concibidas para a ilustración doméstica e domesticada das mulleres, as populares bibiotecas de señoritas. Abundan nelas os manuais prácticos para o anxo do fogar, os compendios de saberes “propios deste sexo” e, sobre todo, un xénero fundamental na educación tutelada da muller burguesa dos séculos XIX e XX: as biografías de mulleres ilustres. Non é o morbo o que alimenta estas publicacións senón a necesidade de coutar o desexo das lectoras, que lían nestas biografías á procura de modelos, ansiosas de imitar aqueloutras mulleres que, por medio das artes, o relevo social ou un heroísmo imprevisto conseguiron superar o cativo horizonte que ofrecían o fogar e mais as convencións da sociedade moderna.

Hai algunhas semanas Xesús González Gómez apareceu cun deses tesouriños que só el atopa no remexer seguido entre os libros de vello. Refírome á Historia de la mujer contemporánea, escrita por Antonio García Llansó, Ramón Pomés, a viaxeira Emilia Serrano (Baronesa de Wilson), e mais Alfredo Opisso, publicada en Barcelona en 1899. A experiencia da viaxe en Emilia Serrano non se corresponde aínda coas aventuras afoutas de Isabelle Eberhardt, mais iso non lle resta interese ningún a unha muller de letras que coñece ben a América en triángulo do XIX e nos ofrece os retratos máis apaixonados do libro. Reparo, porén, noutra parte destas biografías: a que se refire ás mulleres ilustres de España asinada polo xornalista Ramón Pomés. Alí fala de Fernán Caballero, Josefa Massanès, e, por suposto, as tres inevitábeis galegas do XIX: Concepción Arenal, Rosalía de Castro e Emilia Pardo Bazán. Xa poden imaxinar que Pomés escribe os retallos biográficos co freo do prexuízo posto: gaba, si, a obra das autoras pero por riba de todo subliña a súa humildade, o seu sufrimento, a compaixón e a vocación familiar, aínda que a biografía da súa contemporánea Pardo Bazán se lle resiste á doma. Agora ben, con Concepción Arenal e Rosalía de Castro fai un pandeiro. A Rosalía preséntanola coma escritora en español, chea de dúbidas, dependente dos xuízos dos colegas literatos e autora dunha obra breve. E sobre Arenal conclúe que o máis salientábel da súa vida é que amou con “toda a efusión dunha alma tenrísima de muller”. En fin, esta Historia de la mujer contemporánea é unha reliquia das cavernas, mais as fábricas de domesticación seguen vixentes. Por exemplo, nesa colección de quiosco de Grandes Escritoras que trivializa a narrativa de mulleres e algúns dos seus grandes textos, converténdose nunha Biblioteca para mulleres de mediana idade, que, segundo a propia editorial, teñen como intereses afíns a novela romántica, o punto e mais as dietas. Interesa seguirmos as coleccións populares porque nelas espellan os prexuízos do noso presente. Boa semana e boas lecturas.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: