158| Rebeldes agora non tan periféricas

Emisión DIARIO CULTURAL 10/11/2008

Poñamos que a loita polas liberdades se puidera resumir en 350 nomes de mulleres rebeldes e afoutas. Pois ben, ese é o total de nomes propios que inzan unha guía ilustrada da historia do feminismo publicada hai pouco por Ana Muiña: Rebeldes periféricas del siglo XIX.

O libro publícao unha editorial pequerrechiña chamada La Linterna Sorda, que coida atentamente todo o que fai, desde os libros á web corporativa. Nel ofrécese un percorrido histórico interesante cheo de datos e textos que abrangue deica comezos do s. XX, porque xa se sabe que os procesos non atenden ás fronteiras dos números. E alí as están, desde Concepción Arenal á librepensadora masona Amalia Domingo Soler, as dúas preocupadas polas condicións da muller traballadora e o pauperismo; ou desde a lituana Emma Goldman á ferrolá Amalia Fraguela, dúas libertarias de diferente condición. O texto, que se maquetou ao xeito dunha enciclopedia hipertextual, concede moita importancia á información suplementaria, por iso as marxes se inzan de retratos desas mulleres a contracorrente do seu tempo, dos seus libros e panfletos, e mesmo de retallos sorprendentes de publicacións da época que nos descobren aspectos pouco divulgados da vida cotiá desas mulleres. Entre as curiosidades que nos tocan en eido propio, unha fotografía de finais do XIX de mulleres lavandeiras en Sarria, que, como adoita acontecer en boa parte da bibliografía española, se transcribe erradamente como Sarriá, por influencia do topónimo barcelonés (p. 110). E se entran na web da editorial, La Linterna Sorda, poderán ver outra peza para a historia da fotografía: un daqueles retratos con caras embutidas en paisaxes de cartón, neste caso, cunha torre de Hércules ao fondo. Rebeldes periféricas del siglo XIX vén ateigado de datos e imaxes, e entre as que agora nos fan matinar, e rir, están os debuxos dos diversos modelos de consoladores terapéuticos empregados para curar a histeria, como os que se anunciaban en 1910 nun folleto comercial norteamericano baixo un reclamo prometedor: “Vibration is life”.

Neste repaso interesante á loita das mulleres a prol da liberdade, a igualdade e a xustiza, constátase esa transversalidade que caracteriza o feminismo. Porque as mulleres se comprometeron desde diversas estremas ideolóxicas co antimilitarismo, a folga de ventres, os dereitos das obreiras, a emancipación, a sexualidade libre, o dereito á instrucción e ao saber, ou a reacción contra o matrimonio. Esta mirada retrospectiva interesa moito en tempos tan transformados pola loita a prol dunha cidadanía máis xusta e o acceso real aos dereitos (reparen que aínda está pendente de resolver, por exemplo, o estatuto da muller rural). Ana Muiña percorre as reivindicacións nas que moitas mulleres teimaron antes ca nós, así que vaian a esas rebeldes agora non tan periféricas, e non esquezan que, para encher baleiros no que toca a Galicia, sempre poden ir ao Álbum de Mulleres do Consello da Cultura Galega e mais ao Dicionario de mulleres galegas de Aurora Marco. Boa semana e boas lecturas, rebeldes.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: