159| Lecturas co dedo no rato

Emisión DIARIO CULTURAL 17/11/2008

Volvo ao couto mixto da literatura dixital. Experimentar no soporte virtual non só significa levar a creación a un soporte contemporáneo, que favorece a interdisplinariedade e o acceso ao público, senón que favorece a autoría colaborativa, como demostra unha revista singular, Born Magazine. Hai unhas semanas Anxos Sumai reivindicaba en Barcelona a terceira dimensión da literatura en internet. Co seu falar mainiño ía debullando os retos inherentes á creación “dentro do acuario” e afirmaba que non hai abondo con trasladar o texto da páxina á pantalla senón que cómpre atinxir a terceira dimensión aproveitando os recursos que ofrece o entorno virtual. Un entorno que desenvolve moitas das técnicas da literatura experimental do século XX, como a poesía animada, os xogos tipográficos ou os elementos visuais e sonoros, e aínda permite ir un chisco máis alá, e incorporar a lectura interactiva, que require premer no rato para seguir unha ligazón, decidir unha opción de lectura, ou entrar nunha imaxe ou nun texto que se transforman. Moitas poetas retrúcanme, convencidas, e afirman que a poesía non precisa tantos trebellos, que a palabra escrita no libro segue vixente como reto e que mesmo se converteu nunha forma de creación resistente no medio do tsunami audiovisual e cibercreativo actual. Concordo, mais… non se trata de escoller senón de engadir, de desenvolver un proxecto creativo desde a experimentación nun soporte contemporáneo. Contemporáneo e afín a moitos dos retos que atopamos na poesía máis interesante escrita na dobre dimensión. Non se trata de xogar por xogar senón de explorar as posibilidades do dixital convertido nun laboratorio da linguaxe pronto a alimentar a innovación.

Na súa intervención Anxos Sumai alertaba tamén do principal atranco para levar a escrita a esa terceira dimensión: se cadra a escritora, o escritor, así, soíños, non tiñan recursos abondos. Daquela, só hai unha solución, a escrita colaborativa, ben como proceso de creación colectiva, ben como creación dirixida na que, igual que acontece no cinema, a persoa que goberna o proxecto precisa especialistas en fotografía, escenografía ou música. Na rede poden consultar unha revista de Seattle dedicada a este tipo de creacións que parten do texto: Born Magazine. Nos números recentes poden encontrar poemas tan diferentes como “Snowbound” (“Bloqueada pola neve”), de Elizabeth Tornes, ilustrado por Josh Spivey, e o curioso “Two trains” (“Dous trens”) de Victoria Chang, que desenvolve un problema-tipo de matemáticas de forma poética, con imaxes de Jonathan Yuen. Ou, finalmente, un xoguete poético, o “fathometer” de Brenda Shaugnessy e Carla Diana, que convida a pescar estrofas siderais. No blog dasorixesdemarzo.wordpress.com déixolles todas as ligazóns. Boa semana e boas lecturas co dedo no rato.

Advertisements

2 responses to “159| Lecturas co dedo no rato

  • xandra

    Vaia!
    O ano pasado na longa “cidade de pedra da meseta” tamén matinamos con Anxos sobre a literatura “co dedo no rato”, como di vostede. Creo q son interesantes as ligazóns que ti dás…

  • Helena González

    Ola, Xandra. Teño para min que Anxos Sumai é sempre unha ocasión de ouro cando vai falando por aí. Ando realmente interesada nestas cuestións nas que en Galicia levamos algo de dianteira e que ao meu ver cumpriría potenciar. Mentres outras culturas máis estábeis e hexemónicas seguen a afirmarse nas vías convencionais e paracanónicas a innovación acontece nas marxes. A grande oportunidade da cultura galega é que o comareiro entre marxes e centro está desdebuxado, e ao meu ver iso é unha grande sorte. Sifateiriña, que se coide moito vostede con eses aires mesetarios… Deica!

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: