160| Da Praza do Diamante ás fontes do Orinoco

Emisión DIARIO CULTURAL 24/11/2008

Este outono en Barcelona ten dous nomes propios que enchen salas de conferencias, algún que outro teatro e salas de exposicións, porque dúas das súas artistas máis sobranceiras habían cumprir neste 2008 cen anos. Coñeceron en carne propia a experiencia do exilio, viviron o amor como unha experiencia de liberdade, pero sobre todo legaron grandes obras: a escritora Mercè Rodoreda e mais a pintora Remedios Varo.

A Mercè Rodoreda non lle cómpre presentación, aínda que do catalán para fóra segue faltiña de lecturas alén da única novela que lle coñecemos e que unha fábrica de lectura sentimental, RBA, afogou en rosa na súa colección de quiosco. Mercè Rodoreda coseu naquela Natàlia, dita Colometa, coas roupaxes e xeitos da xente corrente e por iso algo ten en común A praza do Diamante con Adiós María de Xohana Torres. Nas dúas escóllese como protagonista unha muller “normal”, é dicir, de clase baixa, o que as sitúa nun lugar axeitado para mostrar as inconveniencias dun momento histórico en crise. Nas dúas as protagonistas son antes que nada mulleres e como tales poñen voz ao desexo silenciado delas, porque miran o mundo desde esa mirada inédita e sincera. Por iso a inexperta Colometa, por exemplo, fala do seu medo a morrer partida, que é o mal do que seica morrían as mulleres casadas, chegando a conclusións inverosímiles que a converten nun personaxe tenro e rexo. E nas dúas hai unha procura da linguaxe, porque as narradoras queren deixar falar as protagonistas coas súas palabras, coa súa sintaxe, en monólogos que permiten alancar alén da narrativa de tese.

Tamén Remedios Varo tería cumprido hogano cen anos. Amiga dos surrealistas e amante de Péret, e unha das que mellor soubo codificar o onírico en pintura. Un dos seus cadros máis coñecidos, Exploración das fontes do Orinoco (1959) é un prodixio da ensamblaxe anatómica con elementos fóra da súa orde natural. Verán: o grande peixe vermello do fociño alado que nada en vertical leva na boca a muller que se botou a navegar para descobrir a medida exacta das orixes do grande río. De Remedios Varo a Louise Bourgeois hai só un chimpo, aínda que o feminismo da francesa converte a súa obra en denuncia por veces agresiva, mais a capacidade de Varo para artellar seres inexistentes sitúaa como un referente desas hibridacións que atopamos logo nas artes visuais feministas do século XX que veu despois.

Mercè Rodoreda no texto e Remedios Varo no cadro reinventan as narrativas que lle deron corpo a feminidades afirmativas. Abonda con mirar cos ollos atentos para gozar destas obras poderosamente actuais. Boa semana e boas lecturas, da Praza do Diamante ás fontes do Orinoco, da realidade que fía na utopía ao soño que se fai sólido no cadro.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: