162| A creación non é comprensión

Emisión DIARIO CULTURAL 08/12/2008

Clarice Lispector afirmou que Brasília era unha cidade construída na liña do horizonte, e na liña do horizonte, nese guión longo ao final dunha explanada que aparenta o Pavillón Mies van der Rohe, Kazuyo Sejima (ela) e mais Ryue Nishizawa (el) veñen de inaugurar unha instalación para investigar como altera a transparencia o espazo. Mais, comecemos por Luís Seoane.

Nos 70 Seoane publicaba no dominical de La Voz de Galicia unha galería de retratos escritos e debuxados que logo chamou “Figuracións”. Unha delas dedicoulla a Clarice Lispector e, aínda que no debuxo non se recoñece o seu rostro anguloso, alí está aquela mirada súa, indómita, que cortaba como gume de coitelo. Lispector fora a Bos Aires para presentar o seu último libro, Visão do esplendor. Impressões leves (1975), que se abría cun texto dedicado á polémica Brasília, a urbe chantada no medio da selva por Oscar Niemeyer e Lúcio Costa, e na súa figuración Seoane reproduce, en galego, unha parte das declaracións de Lispector. Dicía: “Fai moito profeticei sobor desa cidade e dixen que sería un Estado totalitario denantes de se construír e que sería invadida polas ratas. Hoxe páganse dous cruceiros por cada rata morta. Os árbores alí parecen feitos con materia plástica e non hai esqueitas, polo tanto non existen os namorados que sempre se atopan nas esquinas. Brasília foi habitada por homes loiros, outos e cegos, unha especie de xentes da Atlántida, mais despois xorde unha nova xeneración que adequire unha razón de vivir, producto de aquela outra que non tiña ningunha, e, estes derradeiros son pequenos e mouros”. Xa que logo, no seu relato a cidade pasa de apocalíptica a xenesíaca conforme se vai habitando e mestizando.

Noutra pasaxe sobre a cidade Lispector bota man das ferramentas da abstracción para explicala (cito): “Brasília é construída na linha do horizonte. Brasília é artificial. Tão artificial como devia ter sido o mundo quando foi criado. […] A criação não é uma compreensão, é um novo mistério” (Jornal do Brasil, 20/06/1970). Neste concepto da creación sitúanse precisamente os dous arquitectos da coñecida firma xaponesa SANAA cando explican a súa agardada instalación arquitectónica en Barcelona. Trátase dunhas cortinas transparentes en espiral instaladas na caixa de vidro do Pavillón Mies Van der Rohe, un edificio que recuperou protagonismo nun recanto de Montjuïch, ao fondo da explanada, como un guión longo de mármore, vidro e auga. Cadrando coa súa inauguración Kazuyo Sejima e mais Ryue Nishizawa limpaban con teimosía na cortina en espiral á procura da transparencia absoluta que permite o reflexo e afirmaron: “Quen veña ver a nosa instalación, non o verá claro, pero o ha notar”. Ou, seguindo Lispector, a transparencia non é comprensión, é un novo misterio. Boa semana e boas lecturas.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: