164| Compras previsíbeis para perfís lectores estereotipados

Emisión DIARIO CULTURAL 05/01/2009

O 5 de xaneiro fai as veces de segundo día do libro. As librarías énchense de público insospeitado á procura do agasallo de última hora. Best-sellers para aquela tía que gosta da lectura pero non se sabe ben que é o que le. Un libro de fotografías da bisbarra ou calquera outra receita cociñada con talladas de memoria local para o papá, que seguro que recoñece no libro os lugares da infancia. Biografías e memorias para adultos en xeral. Literatura práctica para calquera a quen se lle coñecen moitas afeccións, e se cadra unha delas non é a de ler, como guías de cogumelos, de viaxes, de faros, de arquitectura rural… ou unha monografía moi ilustrada de pintor canónico que sempre serve para un roto e un descosido, na liña dos “clásicos populares” da música.  Compras previsíbeis para perfís lectores estereotipados que, segundo as miñas librarías de cabeceira, segue a funcionar.

Como seguen a funcionar os estereotipos na oferta máis vendida para público adolescente. Nestas datas o papel adoita quedar por detrás dos trebellos electrónicos e os adobíos de moda, por iso máis dunha testa amoblada de intelectual bota man do best-seller, que conta con máis público seareiro que rabudos detractores, xustificándose cun consolador pero desacougante: “que lean, aínda que só sexa isto”. Lectura, entón, sen intelixencia?

Superada a febre de Harry Potter tocoulle a vez a Twilight (traducido como Crepúsculo en portugués e español). Ou dito doutro xeito, pasamos de J.K. Rolling a Stephenie Meyer. Crepúsculo súmase á parroquia de vampiros que abunda na literatura e nas series de televisión. O atractivo do home-vampiro está fóra de toda dúbida: desexo erótico, fermosura lánguida, rebeldía individual e mesmo riqueza. Mais esta nova onda vamp para adolescentes aséntase na reiteración dos roles de xénero. El, o desexado, é o gardián, o cazador, o monstro parcialmente humanizado que suma intelixencia e forza e ten por principio non beber sangue humano pero si de animais. Mágoa que de novo o lugar do heroe segue reservado para el e a Bella pouco máis é ca unha versión actualizada da muller virxinal. De novo o relato popular resulta perfectamente estereotipado, heteronormativo e patriarcal e cumpriría analizalo, poñamos por caso, coa lámpada dos últimos ensaios de Teresa Moure e María Xosé Queizán, O natural é político e Anti natura, dúas liñas no pensamento feminista que non deixan indiferentes e arrepañan as ferramentas para desmontar a cultura actual e verlle as ganas de domear de novo o desexo das adolescentes, pechándoas en roles previsíbeis.

Supoño que as republicanas e nada patriarcais raíñas magas non precisan consellos para elixir os libros máis axeitados en cada caso. Así que aproveiten, que aínda hai unhas horiñas. Remexan nos libros e non escollan só pola cuberta; fágano máis ben pola letra. Que lles preste. Bos agasallos, boa semana e boas lecturas.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: