165| Wikipedia, Galipedia

Emisión DIARIO CULTURAL 12/01/2009

O vindeiro 15 de xaneiro a Wikipedia está de aniversario. Hai nove aniños lanzábase ao ciberespazo a idea en inglés e no maio de 2001 xurdían edicións en trece idiomas máis, entre outros, en catalán, chinés, español, portugués ou ruso. A edición galega demorou até o 8 de marzo de 2003.

A Wikipedia converteuse de seguida nunha ferramenta socorrida e popular, e a iso contribuíron, sen dúbida, os motores de procura de información, unha tecnoloxía ergonómica e unha concepción nova do coñecemento. Porque a posibilidade de xerar coñecemento libre e a libre dispor semellaba cumprir un dos desexos do individuo postmoderno: participar realmente nos saberes, doutrinas monopolistas á parte. Mais de seguida o paradigma ilustrado que nos forma detectou as pexas: dunha banda, a súa parcialidade, con importantes lagoas no que fai ao número de entradas e contidos; por outra, a falta de rigor na información. Agora ben, a diferenza dos proxectos enciclopédicos clásicos, a autoría é anónima, aberta e colaborativa e, xa que logo, a posibilidade de mellora está sempre aberta, e aí radica o interese fundamental deste proxecto. A Encyclopédie francesa de Diderot e D’Alembert, subtitulada Dictionnaire raisonné des sciences, des arts et des métiers, era o produto dunha emerxente sociedade moderna que teimaba por catalogar e arrumbar racionalmente o coñecemento global, por iso gañou numerosos detractores na súa contemporaneidade. Agora a postmoderna Wikipedia dá un paso adiante na concepción enciclopédica: a socialización do coñecemento, asumindo os riscos que iso comporta. Con nove aniños cumpridos, ninguén dubida da súa popularidade, xa que logo ese soporte recorrente de coñecemento debería preocuparnos desde os templos do saber. Mentar nas universidades as wikipedias vén a ser como bater con Belcebú. Non nego os moitos problemas que se derivan da redacción colaborativa e aberta, que permiten a incursión da ignorancia, o erro e o vandalismo; vandalismo do que é víctima, por exemplo, a entrada “Rosalía de Castro” en catalán, en español e en neerlandés (vexan o apartado de obras en prosa). Porén, unha das obrigas dos centros que xeran saber é a socialización do coñecemento. E, por exemplo, unha das consecuencias dos bos exercicios do alumnado debía ser a redacción de boas entradas nas wikipedias. O reto non é doado porque para acadar unha entrada correcta cómpre aprender as ferramentas e metodoloxía tradicionais da investigación e mais a tecnoloxía wiki e a comunicación en internet, mais paga a pena.

Segundo as cifras que ofrece a propia Wikipedia, a edición galega, coñecida na parroquia como Galipedia, xoga na segunda división, canda as edicións asturiana, euskara, latina, noruega, vietnamita ou thai, con 43.283 entradas a día de hoxe, así que o reto queda aberto, para todo o mundo. Boa semana e boas wikilecturas.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: