168| Libros electrónicos e clubes de señores

Emisión DIARIO CULTURAL 02/02/2009

Hoxe naceu a primeira plataforma comercial do libro electrónico catalán. Chámase Edi.cat e as nais da criatura son tres editoriais independentes e comprometidas coa cultura catalá. Para marcaren diferenzas coa plataforma española os títulos de saída inclúen moitas novidades. Iso si, a criatura saíu inequivocamente sexuada: ningún dos libros de partida vai asinado por unha escritora.

As nais da criatura teñen ben gañado un espazo de seu. A editorial Bromera, a de catálogo máis avultado, é a xeneralista que conta con máis títulos traducidos do galego. Angle Editorial, máis pequeneiriña pero interesante, xa hai tempo que anda á procura do grande público con textos breves de calidade cunha colección moi fetiña, “El Far”. Pola súa banda Cossetània é unha desas editoriais que decidiu crear comunidade no Facebook, unha fórmula de interacción coa parroquia lectora máis participativa có blog.

Cómpre agardar ás medras antes de tirar conclusións sobre Edi.cat que, co permiso de Gago e Bragado, pode servir de espello para os proxectos galegos que han vir. Mais algunhas cousiñas xa se poden anotar. Enumero: que é recomendábel a alianza de varias editoriais para crear este tipo de plataformas comerciais; que estas non teñen que ser, nin moito menos, as maiores; que cómpre experiencia previa na distribución electrónica; que é importante apostar por títulos de actualidade; que a curto prazo o soporte dixital convive co papel, a distinto prezo; e que hoxe Edi.cat estra menos cookies que Leer-e. Na súa declaración de intencións Edi.cat afirma: “Cataluña ten que estar na dianteira da transformación do sector editorial e sobre todo velar para que no novo entorno dixital se poidan atopar contidos en catalán. A lingua catalá non pode quedar arrinconada no escaparate mundial”. Se cadra por iso a oferta inicial inclúe moitas das novidades en papel de cada unha das editoriais fundadoras: ensaio de actualidade de Arcadi Oliveras e Octavi Fullat sobre a fame, a guerra, a utopía e a liberdade, e novelas inéditas, e premiadas, de Francesc Bodí e Josep Ballester, entre outros. Agora ben, cos lentes violeta a oferta inicial de Edi.cat fai lembrar aquela conferencia de Alonso Montero sobre as citas fundamentais do Renacemento ás que non acudiu a literatura galega, lémbrana? O libro electrónico vén a ser unha das citas renacentistas da cultura actual e o galego vai un pasiño por detrás, mais se cadra iso serve para aprender dos erros en corpus electrónico alleo. Pagaba a penar aplicarmos esa revolución tecnolóxica cos valores do século XXI e iso implica contar co pensamento e a creación das mulleres, unha evidencia de aggiornamento que nos diferenciaría desa visión estreita de clube de señores que goberna as innovadoras plataformas dixitais. Boa semana e boas e-lecturas.

Advertisements

3 responses to “168| Libros electrónicos e clubes de señores

  • xabre

    Canta razón. Que aburrimento, un clube de señores.

    Eu ando informándome do tema dos libros electrónicos para saber cal será o momento axeitado para ser dos primeiros en comprar un trebello lector sen que me miren como un becho raro.

  • Helena González

    Ola. Pois coido que hai un indicador do máis fiable para tomar esa decisión: o prezo, o do trebello e o dos libros. Polo de agora é excesivo. M. Gago e M. Bragado algo teñen falado sobre todo iso nos seus blogs. Pola súa banda, nunha das súas opinións no Diario Cultural, Murado contou que el o empregaba xa como acompañante de viaxe, para de libros grosos e clásicos. Eu agardo un chisco, con moitas ganas, iso si.

  • Helena González

    Por certo, Xabre, non che dou posto cara de “máis maior”. Se cadramos de corpo presente, saúda, vale?

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: