169| As escritoras catalás no espello

Emisión DIARIO CULTURAL 09/02/2009

En Galicia algo se sabe da cultura catalá actual e aínda así hai un grande descoñecemento das escritoras recentes. Para lle poñer remedio, a revista Literatures vén de publicar un magnífico monográfico que serve de guía para coñecer a literatura catalá de autoría feminina desde a posguerra deica as máis recentes promocións.

A cultura galega mírase, teimudamente, no espello da cultura catalá, malia as moitas diferenzas. Axuda a proximidade lingüística, aínda que teño para min que hai corenta anos, nos tempos da nova cançó, da nova canción, ler en galego ou catalán formaba parte dos costumes de quen tiñan por evidente unha realidade plurinacional e plurilingüe, esa realidade que non lles presta a quen fan do bilingüismo felo para agochar intransixencias monolingües e manifestacións sen sentido en Barcelona e Compostela. Sonlles estes tempos de intolerante simplismo ideolóxico.

Dicía que a cultura catalá funciona como espello para a galega e niso inflúe a importancia das industrias culturais, o efecto modelo dunha sociedade que vén destinando máis esforzos e recursos a desenvolver e dar a coñecer a cultura propia e, por suposto, o fluxo de galegas e galegos que entran en contacto con esta cultura. Mais, que sabemos da literatura catalá actual escrita por mulleres? Soan algúns nomes ao lonxe; ao lonxe, porque seguen sen traducir as narradoras Montserrat Roig ou Carme Riera, a poeta Montserrat Abelló ou a dramaturga Lluïsa Cunillé. Para poñer remedio a este descoñecemento lean en internet o número 6 da revista Literatures publicada pola Associació d’Escriptors en Llengua Catalana. O monográfico ábrese cunha panorámica completa de Lluïsa Julià, a especialista de referencia neste tema, que abrangue desde a segunda metade de século XX deica agora e ofrece un reconto ordenadiño das sucesivas promocións de escritoras, a súa obra e as súas singulares condicións de escrita no marco discursivo da nación. Julià, coñecedora da literatura galega, refírese ao papel de Rosalía como espello para Maria-Mercè Marçal. Pola súa banda Gemma Pasqual analiza o papel das mulleres como autoras e protagonistas na literatura infantil e xuvenil; Anne Chartlon, que publicou unha monografía clásica sobre as narradoras en catalán, debulla agora o tema das relacións nai-filla; e Meri Torras analiza a concepción do corpo-texto en dúas das novas poetas. A revista inclúe tamén un artigo sobre Hélène Cixous asinado por Marta Segarra e mais outro sobre a literatura galega recente. Literatures sérvenos de guía para remediar o noso descoñecemento e ir amecendo novos nomes á saqueta de escritoras catalás: Laia Noguera, Gemma Gorga, Mireia Calafell ou Inma Monsó, por exemplo. Bona setmana i bones lectures.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: