171| O multiculturalismo dana as mulleres?

Emisión DIARIO CULTURAL 23/02/2009

Unha das cuestións que está a interrogar seguido o noso presente é a do multiculturalismo, que en apariencia recoñece a pluralidade cultural mais, de feito, funciona como instrumento de marxinación “desoutras culturas”, e afecta de maneira singular ás mulleres.

Desculpen que non me ocupe das eleccións, a crise económica ou o resultado dos Oscars, mais hai unhas semaniñas tivo lugar en Barcelona un seminario que non deixou indiferente a ninguén xa desde o título, tirado dun traballo moi citado de Susan M. Okin: O multiculturalismo dana as mulleres? O caso da mutilación xenital feminina. Abriu a sesión un documental ben interesante de Pia Ranzato titulado Le tradizioni antiche non sono verità assolute (As tradicións antigas non son unha verdade absoluta). Nel explícanse as modalidades de mutilación xenital e recóllense as opinións de moitas mulleres africanas expostas durante o encontro de Bamako en 2005. O debate guiouno a filósofa Elena Laurenzi, a quen coñecen, se cadra, como especialista en María Zambrano, tamén desde as páxinas da revista Andaina. Abriu a súa intervención no seminario coa análise dun caso evidente de mala práctica multicultural, facendo fincapé nun feito: en Europa a mutilación xenital feminina só interesa cando acontece da porta para dentro e non cando acontece en Africa, aínda que afecte a tantas mulleres. Puxo como exemplo de política multicultural errada unha iniciativa que xurdiu en Florencia no ano 2003 cando o sistema público de sanidade aprobou unha fórmula “atenuada”, seica, de ablación, que contou co prace dalgúns homes en representación das comunidades implicadas. Ás mulleres, ás que sofren a mutilación, non se lles preguntou nadiña. Laurenzi debullaba unhas preguntas con outras que formularon Fina Birulés, Isabel Franc, Encarna Sanahuja, Marta Segarra ou Verena Stolke, entre outras. Insistiuse en que da circuncisión masculina á ablación feminina hai un bo cacho, tanto nas consecuencias físicas como simbólicas, por iso se defendeu a importancia de poñerlle o nome axeitado: mutilación xenital feminina. Denunciouse a medicalización do corpo das mulleres e alertouse contra visións moles que “toleran” a diversidade cultural e, daquela, denunciáronse esas prácticas multiculturais occidentais que, baixo unha tona de respecto, autorizan formas de maior marxinación para as mulleres “desoutras” comunidades enxertadas nas culturas occidentais.

Se teñen interese no tema no Centro de Documentación Alecrín de Vigo hai unha copia do documental de Pia Ranzato, e para ler sobre este caso recoméndolles os traballos de Elena Laurenzi, especialmente o que se inclúe no libro Violencia deliberada (2007), publicado por Icaria. E onda nós sempre están os traballos de María Xosé Agra. Boa semana e boas lecturas.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: