172| O libro que todas as señoras deberían levar consigo

Emisión DIARIO CULTURAL 02/03/2009

Voulles aforrar catro palabras sobre o resultado das eleccións, mais teño para min que vai haber que botar man do humor para pensar, para pensármonos, doutra maneira nos tempos que veñen. Por iso hoxe abro coa receita dos soados sándwiches de cogombro que se ofrecían ás seareiras da Académie des Femmes, que ían á rue Saint Jacob para gozar das artes e do sexo. A receita orixinal reprodúcese na nova edición do Ladies Almanach de Djuna Barnes.

Cogombro, sal, aceite de oliva, zume de limón, azucre, pementa branca, manteiga, nata e unha chisquiña de mostaza de Dijon, todo mesturado con xeito e servido entre rebandas de pan inglés. Esta era unha das larpeiradas máis gabadas daquel coñecido salón do París dos anos vinte. A receita élles só unha das moitas curiosidades que se debullan na edición de El almanaque de las mujeres recuperado este inverno por Egales Editorial, con nova tradución ao español. Abre o libro un limiar imprescindible de Isabel Franc (ou se a prefiren pola súa outra literaria, Lola Van Guardia), que ofrece as chaves de lectura para rir coa retranca de Barnes. E péchase cunha entrevista á autora, xa velliña, traducida por Josefa Contijoch.

A autora deste singular almanaque, a americana Djuna Barnes, chegara a París como xornalista. Axiña deu en ser unha das mulleres máis destacadas da ribeira esquerda do Sena e seareira da Académie des Femmes. O seu estilo retranqueiro alimentábase do outing lésbico, un punto de frivolidade que alivia os rigores da escrita de pose transcendente e unha poderosa capacidade para alterar as cousas na súa viradeira satírica. Esa é a fórmula coa que escribe esta noveliña singular sobre o círculo sáfico do que ela mesma formou parte, revirando un formato clásico da cultura popular: o almanaque. O Ladies Almanach, publicado por primeira vez en 1928, reconstrúe, mes a mes, as personaxes e as historias daquel salon que gobernaba Natalie Barney, convertida na protagonista do libro co nome de Madame Muset, unha sorte de desenfreada heroína sáfica que procura salvar as mulleres do xugo dos homes. A estrutura alanca segundo a lóxica dos meses, desde a reivindicación feminista do dereito ao goce das mulleres no mes de xaneiro deica o pasamento da protagonista, xa vella, no decembro, logo de reivindicar e caricaturizar a vida disoluta daquel círculo. O libro ilustrábase cos coñecidos deseños feitos pola propia autora, calcadiños dos gravados antigos, e mais as fórmulas de propaganda habituais destas publicacións. Reparen: “O libro que todas as Señoras deberían levar consigo, como o Sacerdote o breviario, como o Cociñeiro as súas receitas, como o Doutor as súas mediciñas, como a Noiva os seus medos e o León os seus ruxidos”. Que boten unhas boas risas, necesarias, e que lles preste. Boa semana e boas lecturas.

Advertisements

5 responses to “172| O libro que todas as señoras deberían levar consigo

  • initiatio

    Que pena! Justamente o que queria era o teu comentário sobre as eleições… Acabo de ouvir na televisão que o PP está para ficar na Galiza durante muitos anos… A perspectiva não é propriamente alentadora… Malditos votantes — ou melhor, maldita democracia que põe toda a gente ao mesmo nível independentemente do seu grau de sentido comum!!

  • Helena González

    Ola, vexo que mudaches de rostro… Respondo con demora porque estiven desconectada. O resultado das eleccións non permite análises que se resolvan nun titular: medios de comunicación entregados á facer máis campaña có propio PP con titulares de prensa amarela, un electorado máis disposto a seguir a campaña nesa versión amarela, un bipartito que se confiou e non soubo vender os gaños (tamén criticados desde a esquerda) e algunhas análises insostibles desde o cantón nacionalista: “operaron cambios profundos que precisan tempo e o electorado non o soubo entender (?!)”. E logo, aquel primeiro discurso de Feijoo, abraiado, cun discurso reiterativo que parecía máis un eloxio do leixaprén que unha arenga aos seus para celebraren a maioría absoluta. En calquera caso, no que fai á cultura e a lingua todo apunta non só a unha conxelación senón a unha involución nas políticas que se van botar adiante, á procura dunha “rexionalización folclórica” e co apoio duns panorama desalentador nos medios de comunicación escritos. Ben era que a coitada da lingua non entrara na batalla política, pero ese foi precisamente armamento pesado na campaña. Toca rearmar a rede en internet, e pensarmos tamén porqué se rexuveneceu tanto o voto neocon. Como ti dis: A perspectiva não é propriamente alentadora…

  • Pepe de Monfore

    Sempre atinada.

  • Fe de erratas: Pepe de Monforte

    😉

  • Helena González

    Ola, Pepe de Monforte, e etc. Sería interesante coñecer a túa análise desde o interior. Logo da configuración do novo goberno e de que se coñezan as liñas mestras da súa política, supoño que moitas cousas poderían mudar tamén nos concellos… Só coas intencións declaradas por Feijoo sobre a política que vai seguir en materia de vivenda, xa se bota de ver que no skyline da costa, os rumorosos van seguir en dura competencia con eucaliptos e grúas por manter o seu protagonismo, cada vez máis cativo, diante do raio transparente do prácido luar 😉

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: