173| Un libro de rexistro da vida cotiá, a experiencia e os desexos

Emisión DIARIO CULTURAL 09/03/2009

Levamos unha semaniña con todo tipo de análises sobre as eleccións: empíricas, autocríticas, entusiastas, intereseiras e algunhas outras con moita enxulla. E sempre poden acudir á sabedoría cotiá, tan científica, fundamentada e subxectiva como boa parte dos xornais que lemos cada día. Sempre me abraiou o comportamento dos medios coa opinión popular. Antes das eleccións fanse consultas, enquisas, prospeccións de voto. No día do escrutinio, por exemplo, falaron unhas esforzadas cidadás dos problemas para iren votar. Logo, os resultados: cara de desgusto nuns, cara de susto noutros. E a partir de aquí a política élles cousa dos xornais nosos de cada día, aos que xa non lles interesa nin chisca a opinión popular.

A vida cotiá non senta lei mais interese si que lles ten. Estoutro día a dialectóloga catalá Pilar Perea veume cun texto insólito que ela e mais Jordi Curbet veñen de editar en dvd, Esplais de la meva llarga vida (1861-1947) (2009), o diario que escribiu Mercè Rocas i Romaguera, que foi informante de Alcover para o seu grande dicionario da lingua catalá e que mantiña ademais un libro de rexistro da súa vida cotiá, da experiencia, das relacións e dos desexos. Nel seguimos con precisión a vida dunha muller da burguesía comercial da Barcelona de entreséculos: misas, amizades, fillos que nacen, fillos que morren, vida doméstica, a actualidade a través dos seus ollos, a Semana Tráxica de Barcelona, a guerra civil, a II República… Nas súas páxinas dá tres ou catro datos que fan memoria da colectividade galega en Cataluña. Por ela sabemos que as galegas tiñan sona como criadas e lavandeiras (tradúzolles): “Collemos unha lavandeira que se chama Xulia. É unha galega moi rara pero moi simpática. Vaia unha fala estravagante ela e mailos seus pullitus” (10/10/1936). Cadrando cun entroido lémbranos a importancia que tiña a roupa como indicador de clase ou procedencia. Seica unha meniña ía disfrazada de señora, cunha saia longa, e apunta: “En Barcelona diriamos que ía vestida como unha dida (ama de cría) galega” (23/02/1941). Mais non todo era mulleres de clase baixa. En 1935 escribe, desde Bos Aires: “En Cataluña xa teñen gobernador. O señor Portela Valladares. Xa o fora outras veces cando novo e coido que sen moito diñeiro no peto. Daquela saíu ben recomendado. Coido que logo fixo un bo casamento e quedou a vivir en Barcelona. É galego. Seica Cataluña o recibiu ben. Prometeu moito, que faga o que poida, el que coñece ben a xente que trata. Deus lle dea sentidiño e paciencia” (15/01/1935).

A vida cotiá recollida nun diario, como as opinións das cidadás antes das eleccións, non enche os manuais de historia mais dá información do invisible, dos prexuízos e dos desexos. Anímense a escribir un, sen reviravoltas académicas, no seu galego, en cadernos privados ou no couto mixto dixital. Boa semana e boa escrita.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: