174| Eu sempre son moitas outras. De Ada Lovelace a Estíbaliz Espinosa

Emisión DIARIO CULTURAL 16/03/2009

Hoxe, unha de identidades. En concreto sobre a criatura mecánica, o corpo dramático e mais a homo sapiens que conflúen nese campo base que atende por Estíbaliz Espinosa e defende o blog como laboratorio de creación. No blog, e non só nel, a identidade constrúese, desdóbrase nunha outra siamesa da que non te podes desprender e, aínda que poida parecer contradictorio, sobreexponse de tal xeito que o eu se volatiliza.

Venres 13 de marzo. Estíbaliz Espinosa guía o seminario Hai unha criatura mecánica detrás de todo isto. O obxectivo non é só dar a coñecer a súa escrita, que non marca fronteira entre o papel e a pantalla, senón abrir un proceso de reflexión sobre o blog como laboratorio de creación pronto a usar e a innovar; unha práctica da que carece, por exemplo, a literatura catalá de autoría feminina. Claudia Herbst alertou nos seus traballos sobre as difíciles relacións entre a tecnoloxía e o xénero porque de sempre a programación de todos os aparellos que nos rodea está feita por homes. Todos? “Todos non”, retruca Estíbaliz Espinosa e reivindica a xinea que leva deica Ada Lovelace, a filla sabia de Lord Byron, a experta en matemáticas e astronomía que inventou a máquina analítica e se converteu así na primeira programadora da historia. Feita a precisión histórica, empeza a debullar as posibilidades que lle abre o blog. Nunha homenaxe imprevista a Monique Wittig, que esixira recoñecemento para a descoñecida muller do soldado descoñecido, Espinosa refírese a esa autora que sae nos listados bibliográficos mais non nas historias: Anónima. Reivindica a Anónima e sinala que constitúe todo un reto de seu porque a disolución da escritora suporía o recoñecemento da autonomía do texto e a desaparición dos prexuízos sobre quen escribe, aínda que alerte tamén contra esoutros eu insidiosos que van coma trolls pola agra dixital. Defendeu aínda outras formas para esa primeira persoa inestábel: un eu con subxectividades interpostas que se prolongan na outra siamesa, na monstrua ou na híbrida mecánica que, como defenden Donna Haraway e Marina Núñez, non distingue materia biolóxica de tecnolóxica.

Domingo 15; onte. Derradeira función en Barcelona de El club de la calceta, que xa vai cara a Madrid. Varias semanas dicindo o texto naquel teatro acolledor a un pasiño do Hospital de Sant Pau e a obra ten un ritmo e unha axilidade fantástica tamén en castelán. Á saída o público arremuíñase na porta para elixir personaxe e abundar nas virtudes da calceta comunal. Flor Maceiras, Laura Ponte, María Salgueiro, Elina Luaces, Luísa Merelas, Imma Antonio e Estíbaliz Espinosa, tantas funcións desdobrándose noutras mulleres que tamén elas saben desoutra siamesa que levan consigo cando encarnan unha personaxe.

En forma de criatura mecánica ou dramática, eu sempre son moitas outras. Boa semana e boas lecturas.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: