175| A roupa que está fóra, no tendal. Pipilotti Rist

Emisión DIARIO CULTURAL 23/03/2009

Unha das evidencias de que unha cultura está no mundo é que sabe falar e escoitar, entre iguais, sen perder pé. Sabe falar, escribir ou facer porque empurra polas creadoras e os creadores de máis xenio cara a fóra, para que saian da casa e lles dea un pouco o aire. E sabe escoitar, ler ou ver porque se constitúe en lugar de recoñecemento da roupa que está fóra, no tendal.

Como fixo o Instituto Rosalía de Castro, que xuntou a Anxos Sumai e María Reimóndez canda Haruki Murakami ou Luis Landero. E refírome, sábeno ben, ao centro de secundaria que cadra á dereita da Alameda, conforme se sae da Porta Faxeira, e non a esa institución aínda inexistente, mais de necesidade urxente, que debe apoiar e potenciar a cultura galega polo mundo adiante.

Con esa saudable vontade de falar entre iguais e aínda máis, de non perder pé na vangarda, a Fundació Joan Miró premiou a videocreadora suíza Pipilotti Rist co II Premio Joan Miró, que recoñece a súa ousadía creativa, esa que lle gañou a etiqueta de “raíña das narracións visuais na arte contemporánea”. Pipilotti Rist sabe combinar vangarda con humor, innovación con narración, e por iso sempre me parecen tan interesantes as súas propostas. Esa creadora de nome estrambótico trocou o nome de pía, Elisabeth Charlotte, por unha combinación que fala moito de como quixo construír a súa identidade como artista a partir das emocións da infancia, iso si, trocando a transcendencia de Rilke polo feminismo liberador de Astrid Lindgren. Mesturou o nome daquela nena de longas trenzas, Pipi, co hipocorístico de andar pola casa, Lotti, e velaí nace a artista: Pipilotti Rist, á que nada se lle arrepón. Entou nas artes poñendo un pé nun grupo musical, Les Reines Prochaines, unha sorte de corrosivo cabaret cotián de mulleres. Con este grupo puxo música ás súas primeiras videoinstalacións. A primeira obra que lle coñecín a Pipilotti Rist foi a súa coñecidísima instalación Homo sapiens sapiens, que levou ao teito dunha igrexa na Bienal de Venecia de 2005. Coas mulleres-ninfas espidas, deitadas sobre follaxe carnosa, verde, ou azul, ou púrpura, e reivindicaba así, en certo xeito, o paraíso edénico en posición horizontal, porque o público tiña que deitarse nunhas colchonetas para ver a obra. No 2010 Pipilotti Rist vai expoñer na Fundació Joan Miró e seica algo hai dela nos fondos do Musac. Mentres poden ir abrindo ollo e orella co dedo no rato. Déixolles no blog algúns enlaces, a un dos primeiros traballos, I’m not the girl who misses much, vídeo feito a partir dunha canción dos Beatles e logo, se queren, poden ir á web de Pipilotti Rist con ánimo de xogar. Despois van ter que facer as súas mareas por outros caladoiros web porque, para lle seguir a obra, cómpre alancar pola rede. Boa semana e boas pipilotti-navegacións.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: