178| O exilio enriba do mapa. As topobiografías

Emisión DIARIO CULTURAL 13/04/2009

O exilio é unha viaxe non querida por xeografías que, a forza de repetirse en testemuños e relatos, perderon as dimensións exactas da itinerancia. Por iso vén de crearse TopobioGrafies de l’exili català, un proxecto colaborativo para o coñecemento e difusión das biografías do exilio baseado na mestura de Google Maps e Youtube.

O proxecto permite ler as experiencias individuais do exilio en fichas biográficas ancoradas nun mapa. Cada biografía debúllase en función dos lugares que percorreu a exiliada ou o exiliado, relatando en cada cidade os episodios máis relevantes en formato textual, audiovisual ou con enlaces a outras páxinas recomendadas, mesmo ao depósito de libros do Google. O concepto das topobiografías élles ben semellante a esoutra iniciativa que coñecemos ben, e desde hai tempo, onda nós: os álbumes biográficos do Consello da Cultura Galega, aínda que haxa bastante diferencia no entorno elixido e mesmo no tipo de información. Porque o álbum procura unha ficha biográfica integral redactada por persoas expertas e concédeselle moita importancia á información adicional. As TopobioGrafies, pola súa banda, con máis multimedia e menos información textual, ofrecen extractos da biográficos en relación aos lugares vividos e teñen as vantaxes e desavantaxes dos proxectos de creación de coñecemento de maneira colaborativa.

O marco das topobiografías sempre é a viaxe, para mellor entender o desarraigo. Deste xeito, aquelas vidas feridas ás que puxeramos corpo e relato coas fotografías e cos testemuños contados en primeira persoa, explícanse través do seu tránsito, a través da chave que permite entender o exilio non como viaxe senón como éxodo, como itinerancia transterritorial non desexada. Ao meu ver, o máis rechamante destas topobiografías non é tanto o entorno técnico senón en poder facer evidente o exilio como viaxe forzada, tan alonxada dos conceptos occidentais de viaxe, xa saben: camiño de perfección para o homo viator medieval, descuberta colonial e científica entre o Renacemento e o XIX, construcción da outredade como exotismo para a Modernidade, ou consumo depredador da diversidade para o turismo actual.

As topobiografías do exilio catalán permiten seguir co dedo no rato o paso de Mercè Rodoreda por Francia e Suíza, ou os cambios de continente dunha infatigable xornalista e escritora, Teresa Pàmies. Recuperen vostedes os libros de memorias e as biografías que teñan á man e reconstrúan co dedo no rato e o rato no mapa os lugares do exilio galego. Mágoa que as topobiografías non resolven como hai que marcar no mapa a estadía a bordo dos barcos do exilio (penso no Sinaia ou no Ipanema), porque eses barcos tamén foron un lugar. Boa semana e boas topobiolecturas.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: