182| Xohana Torres, muller de gran intelixencia e rexa personalidade

Emisión DIARIO CULTURAL 11/05/2009

A traxectoria de Piñeiro é un convite a revisar desde a mirada masculina a traxectoria política e cultural da nación nunha parte importante do século XX. Mais, cal era o papel e a consideración das mulleres e das escritoras para o galeguismo nos longos anos do tardofranquismo?

Na correspondencia cruzada entre Piñeiro e Losada batemos cos estereotipos femininos operativos na época da dictadura. Dedúcese a muller de clase baixa, rural ou emigrante, que representaba a orixe e a esencia da nación, e que, segundo a tradición galeguista, xa na II República, estaría particularmente influída pola Igrexa, un prexuízo que cómpre ir matizando. Dedúcese tamén a reprodutora e anxo do fogar entregada á preservación da familia. E, finalmente, a muller ilustrada que participa na actividade galeguista, tratada esta con cordialidade en canto que asumía un compromiso coa causa. Non quero aquí abundar nesa misoxinia cordial de clube de señores que atravesa o galeguismo e o nacionalismo nos anos 60, senón sinalar aqueles datos que nestas cartas apuntan cara ao recoñecemento das mulleres. Verán, na crónica de Piñeiro e Losada seguimos a Pura Vázquez como autora da letra dunha canción en galego que concursaba no Festival da Canción Mediterránea, coñecemos os primeiros pasos da cantante Margariña ou o disco galego dunha catalá hoxe esquecida, Jacinta. Sabemos das mozas universitarias, como Teresa Otero Sande, a primeira con Ferrín en querer presentar a súa tese de doutoramento en galego na universidade de Compostela, aínda que realmente foi Camino Noia a primeira que chegou a defendela. E sabemos tamén de investigadoras estranxeiras interesadas nos estudos galegos, como Margot Sponer ou Maria Elvira Lacaci. E, por suposto, fálase das escritoras: Luz Pozo Garza, Pura Vázquez, María do Carme Kruckenberg, María Xosé Queizán, mesmo a controvertida Victoria Armesto e, en varias ocasións, Xohana Torres. En 1962 Piñeiro, ao valorar os máis firmes valores da nova narrativa galega (Mourullo, Ferrín, Camilo Gonsar), afirma:

E tamén teremos que lle prestar atención á poetisa Xohana Torres como prosista. Eu conózolle os primeiros capítulos dunha novela e parecéronme de grande fermosura literaria. Escribiu tamén unha obra de teatro, que eu aínda non conozo. […] É muller de gran intelixencia e rexa persoalidade. (pp. 107-108) 

Da novela nada sabemos, as obras de teatro logo levaron premio, e pouco despois había estrearse como autora e tradutora de literatura infantil. Así que o desexo de escrita de Xohana Torres, ambicioso, abundante e comprometido nuns anos fundamentais para a vertebración do galeguismo, foi un reto que Piñeiro e os colegas nacionalistas souberon recoñecer, case sempre.

Ventureiras Letras Galegas, boa manifestación e boas lecturas.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: