184| De Maggie Taylor a Rimbaud

Emisión DIARIO CULTURAL 24/05/2009

Maggie Taylor é unha boa sucesora do surrealismo de Remedios Varo, trocando, iso si, a ambientación medieval da catalá polos xeitos da iconografía victoriana, sempre inquedante, a miúdo paradoxal e por veces interrogativa. Porque Maggie Taylor abre a escena cara á nosa mirada e non se conforma co confort da imaxe resolta, non en van esta ilustradora norteamericana estudou filosofía en Yale e logo fotografía. Cheguei a Maggie Taylor por unha edición de Alicia no País das Marabillas publicada por Modernbook Editions en 2008. Nese álbum sintetiza dous dos trazos que caracterizan a súa pescuda visual, a paisaxe e o retrato surrealistas, e ofrécenos solucións visuais ben interesantes aos episodios chave da narración como aquel no que Alicia muda de tamaño, e se fai pequerrechiña. Na súa interpretación non se limita a constatar a transformación senón que subliña a convivencia de mundos e por iso superpón espazos e figuras. A continuidade entre o real e o fantástico márcaa unha fiestra: por detrás do vidro albíscase un labirinto vexetal, por diante aparece a Alicia reducida, e ocupando o lugar intermedio, case coma un espectro e translúcida, aparece a Alicia co seu tamaño orixinal.

Coñecer este e outros traballos da artista élles ben doado. Na súa web (www.maggietaylor.com), chea de sorpresas, hai unha boa mostra do que leva feito, por exemplo, as súas ilustracións para un libro de fábulas de Lola Haskins, onde batemos coa súa interpretación da Anémona: unha muller na súa casa, co cubo de auga e un peixe enorme debaixo do brazo. Sen dúbida esta ilustración responde a un tópico da literatura fantástica, o da muller e o peixe como continuidade, que onda nós relatou, por exemplo, Rosa Aneiros no seu Corazóns amolecidos en salitre (2002). A súa serie de mulleres resulta do máis interesante. Maggie Taylor transforma as saias abertas en construccións cónicas de pedras, en hedra ou en cuncha de vieira, ou ben fai un recollido co vestido por abaixo, converte á muller nun globo e déixaa flotando. Tamén é súa unha fermosa metáfora da lectura. Títúlase Poet’s house (A casa do poeta, 1999): unha casiña pequerrecha de conto, que por baixo bota raíces na terra e pola cheminea ceiba unha espiral de follas escritas. Aínda que ao meu ver unha das composicións máis interesantes e inquedantes é Mood lifter (2001), que en certo xeito parece unha homenaxe a Magritte. Hana recoñecer se lles cadrou algunha vez mirar a cabeceira da serie de televisión Ghost Whispered, traducida ao portugués con dous títulos, Em contacto e Entre vidas, e ao español como Entre fantasmas. Contra un fondo de prado e ceo en treboada, un torso ergue por riba a súa cabeza de rapaza, sen pescozo, sen ningunha continuación entre o corpo e a cabeza. Trátase dunha broma, dunha chiscadela á nosa mirada, por iso se debuxa un rostro sorrinte. Pero a rapaza ten aqueles ollos claros e desacougantes de Rimbaud. Boa semana e boas lecturas.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: