185| Vida das mulleres de hai trescentos anos

Emisión DIARIO CULTURAL 01/06/2009

Se leron ou viron Unha primavera para Aldara, escrita por Teresa Moure e levada á escena por Teatro do Atlántico, xa saben que o convento foi nunha certa altura territorio de liberdade para as mulleres, que vivían nas comunidades relixiosas un modelo de vida alternativo ao férreo modelo familiar. O convento, aínda baixo o control da xerarquía eclesiástica e da estrutura piramidal das congregacións, mantíñaas a salvo de maridos comenenciudos e prepotentes, da fatigosa tarefa de parir fillos e máis fillos que puña en risco a súa propia vida e, no que a nós nos interesa, permitía un achegamento á cultura e mesmo á escrita ao que non tiñan dereito a maioría das mulleres que vivían fóra daqueles muros. Nun seminario que tivo lugar en Granada, organizado pola infatigable Alicia Ramos, a investigadora da Universidade de Varsovia Joanna Partyka fixo un estimulante achegamento á monxa portuguesa do século XVII Antónia Margarida de Castelo Branco (1652-1717). Chegara ao convento fuxindo da violencia que marcou o seu matrimonio de conveniencia e a decepción diante da vida social do seu momento. O convento é para ela lugar da espera e casa de acollida para a esposa maltratada mentres agarda pola senteza de divorcio. Logo decide profesar e o seu confesor imponlle unha práctica habitual no barroco, escribir a súa autobiografía, que se titula Fiel e Verdadeyra Relação que dá dos sucessos de sua vida a creatura mais ingrata a seu Creador. Escrita en 1685 e reescrita en 1703 constitúe un exercicio típico de reflexión e ao tempo de inequívoca humildade da monxa, mais o que nos interesa agora é que nese escrito testemuñal coñecemos mellor unhas circunstancias persoais marcadas pola violencia e a falta de consideración cara ás mulleres. A Imprensa Nacional-Casa da Moeda reeditou esta autobiografía en 1984 e iso deu pé a varias reescritas desde o cinema e a literatura. Relação Fiel e Verdadeira (1992) foi a primera incursión no cinema da directora portuguesa Margarida Gil, directora tamén de documentais, e que se ten interrogado en moitos dos seus filmes sobre a condición das mulleres da súa xeración a partir do testemuño e a experiencia delas. De feito ten colaborado con Maria Velho da Costa, unha daquelas tres marías que escribiron as Novas cartas portuguesas, e colaboraron xuntas nun filme recente, Adriana (2005). Tamén Nuno Júdice se interesou polo periplo vital desta monxa nunha novela que vén de aparecer como novidade editorial, Os passos da cruz, publicada por Dom Quixote con data de 2009. Júdice escribe (tradúzolles): “É verdade que a vida de alguén que viviu hai trescentos anos é asunto máis para ratos de biblioteca que para quen queira vivir no presente […]. Despois mudei de opinión”. Porque a vida das mulleres de hai trescentos anos fala de como mudou a sociedade, fala de mulleres que esperan e desexan. Boa semana e boas lecturas.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: