Arquivo da categoría: campos de concentración

187| Zofia Nałkowska no campo de Oświęcim

Emisión DIARIO CULTURAL 15/06/2009

O holocausto contado polas mulleres deixou textos ben coñecidos onda nós: o diario de Anne Frank, o relato de Liana Millu e mais o de Mercedes Núñez. En Polonia foi Zofia Nałkowska a muller que se fixo cargo de testemuñar a barbarie.

Zofia Nałkowska naceu en Varsovia en 1884 e finou alí mesmo en 1954. Foi a primeira escritora que ingresa na Academia Polaca de Literatura, empeñouse na emancipación da muller e descubriu a Gombrowicz e Bruno Schulz. En 1946 publicou unha presiña de relatos que quixo ser o libro de actas público do holocausto. Ela, que formou parte da Comisión de Investigación dos Crimes Alemáns en Polonia, ao tempo que descubría o horror decidiu escribilo con talento de narradora e honestidade de xornalista. Velaí a razón da súa escrita en cru. Este clásico da literatura polonesa, que en español se titula Medallones (Minúscula, 2009), atoparano nos andeis de novidades, moi ben traducido por Bożena Zaboklicka e Francesc Miravitlles. Cheguei a Nałkowska por unha estimulante exposición de Arantxa Calderón, da Universidade de Varsovia, que ousaba facer unha interpretación pouco ortodoxa. O libro, afirmou, denuncia as atrocidades do nazismo e mais o medo e o antisemitismo. Para a súa análise botou man dun relato tremendo, “Onda a vía do tren”, que estarrece e abre unha ferida tras outra, porque nel hai argumentos, si, para pensar o exterminio, e o antisemitismo e, se se dá zafado o contexto histórico, mesmo para concienciar sobre o dereito á morte digna. A escrita de Nałkowska ten vontade testemuñal, a mesma que move a esa narradora imprevista que é Mercedes Núñez, a quen, por certo, completa, cando trata a explotación das mulleres de Ravensbrück como escravas das fábricas de armamento.

O episodio que abre o libro sitúase nun instituto anatómico ateigado de corpos, coa cabeza no seu sitio se era dun maluco, e decapitado se era de dun purgado. Na parede hai unha receita para facer xabón. Diante de tanto horror alguén dá artellado unha explicación dentro da lóxica do exterminio e abafamos. O derradeiro episodio, moi breve, ten dous nenos por protagonistas. Non se trata de facer tenro o holocausto desde a mirada infantil, tan de moda agora polo pixama de John Boyne, nin tampouco de debullar a crúa constatación da morte que relata, e con moito acerto, Antón Fortes en Fume. No campo de Oświęcim (Auschwitz, en alemán) seica dous nenos se salvaran da cámara de gas. Andaban eles a remexer na area e pregúntalles un home:

―Nenos, que estades a facer aí?
A resposta foi:
―Xogamos a queimar xudeus.

A barbaridade incorporada a quen sobreviviron. Así pecha este libro necesario, que pide un tempiño cada canto para apañar aire. Boa semana e boas lecturas aínda que sexan tan crúas.


180| Silvia Mistral

Emisión DIARIO CULTURAL 27/04/2009

O barco Ipanema foi un lugar importante do exilio itinerante de Silvia Mistral, pseudónimo da anarquista Hortensia Blanch Pita, galega por parte de nai. E boa parte desa travesía cóntaa en Éxodo. Diario de una refugiada española (2009), un libro que vén de reeditar en Icaria o investigador galego na Universidade de Michigan, José F. Colmeiro.

Non é esta a primeira vez que Colmeiro se mergulla na memoria e nas itinerancias. Hai algúns anos publicou en Anthropos unha monografía, Memoria histórica e identidad cultural. De la postguerra a la postmodernidad (2005), que inclúe un capítulo sobre a reinvención contemporánea do camiño de Santiago e nel analiza o derradeiro filme de Chano Piñeiro, O camiño das estrelas. Mais agora reedita un libro que había tempo agardaba ser recuperado, e que vén confirmar que os barcos, os lugares do tránsito, son tan importantes como as cidades nas que se viviu o exilio. Os barcos que atravesaron o Atlántico, ateigadiños de exiliadas e exiliados da España republicana, eran densas cidades flotantes que por unhas semanas viñan ser verdadeiras comunidades. Por iso digo que os barcos foron tamén un lugar, un espazo do exilio que debían poder marcarse nas topobiografías dixitais, como se comproba neste libro, o máis coñecido, de Silvia Mistral. Éxodo. Diario de una refugiada española marca tamén o tránsito entre as dúas xeiras da vida da autora. Ela, que fora crítica de cinema na revista Umbral e traballaba como xefa de publicidade da Paramount en Barcelona antes de que a bota de Franco o esmagara todiño, logo, no exilio, cultivou a literatura de supervivencia escribindo literatura infantil e novela rosa en castelán, máis entre os dous períodos escribiu este diario. Nel pódense seguir os últimos días da guerra nunha Barcelona asediada pola fame, as bombas, a desmoralización, o paso polos campos de concentración do sur de Francia e, por fin, a travesía atlántica. A bibliografía galega adoita salientar un treito de Éxodo, aquel no que se relata a despedida dos galegos ao pasar diante da Costa da Morte, cando botan unha botella ao mar co seguinte texto (cito):

Á vista de Fisterre, recibe, pobo galego, o saúdo garimoso dos que niste intre dooroso van cara ao exilio. Non perdades esperanzas, mantede o esprito ergueito que non tardará en caír o treidor que perante tres anos encheu de mortos Galiza e de loito os seus fogares. VIVA GALIZA CEIBE. VIVA A REPÚBRICA. ABAIXO FRANCO (ed. 1940, p. 163).

Algúns anos máis tarde un mozote máis novo, agora profesor xubilado da Universidade de California Santa Barbara, Víctor Fuentes, relataba na súa autobiografía Morir en Isla Vista (1999) a súa propia travesía cara ao exilio americano. Ao pasar por última vez diante das costas de Galicia, outro grupo de galegos fai a despedida. A súa botella ao mar foi unha canción, A Rianxeira. Boa semana e boas lecturas.


178| O exilio enriba do mapa. As topobiografías

Emisión DIARIO CULTURAL 13/04/2009

O exilio é unha viaxe non querida por xeografías que, a forza de repetirse en testemuños e relatos, perderon as dimensións exactas da itinerancia. Por iso vén de crearse TopobioGrafies de l’exili català, un proxecto colaborativo para o coñecemento e difusión das biografías do exilio baseado na mestura de Google Maps e Youtube.

O proxecto permite ler as experiencias individuais do exilio en fichas biográficas ancoradas nun mapa. Cada biografía debúllase en función dos lugares que percorreu a exiliada ou o exiliado, relatando en cada cidade os episodios máis relevantes en formato textual, audiovisual ou con enlaces a outras páxinas recomendadas, mesmo ao depósito de libros do Google. O concepto das topobiografías élles ben semellante a esoutra iniciativa que coñecemos ben, e desde hai tempo, onda nós: os álbumes biográficos do Consello da Cultura Galega, aínda que haxa bastante diferencia no entorno elixido e mesmo no tipo de información. Porque o álbum procura unha ficha biográfica integral redactada por persoas expertas e concédeselle moita importancia á información adicional. As TopobioGrafies, pola súa banda, con máis multimedia e menos información textual, ofrecen extractos da biográficos en relación aos lugares vividos e teñen as vantaxes e desavantaxes dos proxectos de creación de coñecemento de maneira colaborativa.

O marco das topobiografías sempre é a viaxe, para mellor entender o desarraigo. Deste xeito, aquelas vidas feridas ás que puxeramos corpo e relato coas fotografías e cos testemuños contados en primeira persoa, explícanse través do seu tránsito, a través da chave que permite entender o exilio non como viaxe senón como éxodo, como itinerancia transterritorial non desexada. Ao meu ver, o máis rechamante destas topobiografías non é tanto o entorno técnico senón en poder facer evidente o exilio como viaxe forzada, tan alonxada dos conceptos occidentais de viaxe, xa saben: camiño de perfección para o homo viator medieval, descuberta colonial e científica entre o Renacemento e o XIX, construcción da outredade como exotismo para a Modernidade, ou consumo depredador da diversidade para o turismo actual.

As topobiografías do exilio catalán permiten seguir co dedo no rato o paso de Mercè Rodoreda por Francia e Suíza, ou os cambios de continente dunha infatigable xornalista e escritora, Teresa Pàmies. Recuperen vostedes os libros de memorias e as biografías que teñan á man e reconstrúan co dedo no rato e o rato no mapa os lugares do exilio galego. Mágoa que as topobiografías non resolven como hai que marcar no mapa a estadía a bordo dos barcos do exilio (penso no Sinaia ou no Ipanema), porque eses barcos tamén foron un lugar. Boa semana e boas topobiolecturas.


146| Margot Sponer

Emisión DIARIO CULTURAL 11/08/2008

Mentres a olimpiada de Beixín parece convidar ao lecer da épica deportiva, os xornais veñen cheos coa traxedia da represión e a guerra. Por un trae para acó ese territorio de interese estratéxico Rusia bombardea Xeorxia, que vén a ser algo así como unha Euskadi no Cáucaso, e o resultado son as imaxes de mortos e feridos da poboación civil xeorxiana. De sempre, mentres as corporacións e os Estados lidan polos seus intereses, os tempos de guerra están cheos de vidas fanadas.

Estoutro día, traballando coa miña colega María Xesús Lama, batemos cun nome: Margot Sponer. Interesábanos arrepañar máis datos sobre as súas investigacións relacionadas cos textos medievais e, mentres andabamos de Holmes polas bibliotecas adiante, batemos coa súa biografía, escrita por Annette Vogt, e cortounos o aire. Margot Sponer nacera en Silesia en 1898, cursou estudos en filoloxía e especializouse en textos medievais peninsulares en galego e catalán. Conseguiu un posto como profesora de español na Universidade de Berlín e alí defende en 1931 a súa tese de doutoramento sobre documentos galegos medievais. Iso era, precisamente, o que andabamos a procurar. Puxémonos a tirar do fío. Primeiro, os datos sobre esa tese, que polo seu interese recibiu financiamento para a súa publicación en Alemaña. Iso levounos aos seus contactos anteriores con Vicente Risco, durante a estadía do ourensán en Mitteleuropa, quen a convida a que publique na revista Nós un artiguiño sobre as súas investigacións. E logo, a publicación en 1934 da primeira parte dos seus resultados en español, un longo artigo titulado “Documentos antiguos de Galicia”, que apareceu nunha revista de investigación catalá, o Anuari de l’Oficina Romànica de Lingüística i Literatura. E nestas batemos na súa biografía coas botas dos fascismos e as atrocidades das guerras. A segunda parte deste artigo que ía saír en Cataluña non chegou a saír do prelo porque o alzamento de Franco supuxo a interrupción da publicación. Mais iso, só afecta aos textos. O realmente grave foi que poucos anos despois o réxime nazi obriga a deixar o seu posto na universidade a aquela filóloga políglota que publicara os seus traballos canda os máis reputados romanistas. Margot Sponer foi unha activista máis da resistencia deica o seu confinamento nun campo de concentración, acusada de axudar a xudeus. E en 1945 morre, asasinada pola Gestapo.

O seu vén a ser un nome máis nesa lista infinita de científicas que viron a súa vida e o seu labor fanado polas botas dos totalitarismos e da guerra, onte e hoxe. Nada vale a vida, nada vale o coñecemento, seica, diante da forza dos tanques e os canóns. Pero, non, algo ten que valer, tamén nestes tempos nosos, de invasións e negocios da guerra. Boa semana e boas lecturas para conxurar tantas mortes innecesarias.