Arquivo da categoría: corpo

187| Zofia Nałkowska no campo de Oświęcim

Emisión DIARIO CULTURAL 15/06/2009

O holocausto contado polas mulleres deixou textos ben coñecidos onda nós: o diario de Anne Frank, o relato de Liana Millu e mais o de Mercedes Núñez. En Polonia foi Zofia Nałkowska a muller que se fixo cargo de testemuñar a barbarie.

Zofia Nałkowska naceu en Varsovia en 1884 e finou alí mesmo en 1954. Foi a primeira escritora que ingresa na Academia Polaca de Literatura, empeñouse na emancipación da muller e descubriu a Gombrowicz e Bruno Schulz. En 1946 publicou unha presiña de relatos que quixo ser o libro de actas público do holocausto. Ela, que formou parte da Comisión de Investigación dos Crimes Alemáns en Polonia, ao tempo que descubría o horror decidiu escribilo con talento de narradora e honestidade de xornalista. Velaí a razón da súa escrita en cru. Este clásico da literatura polonesa, que en español se titula Medallones (Minúscula, 2009), atoparano nos andeis de novidades, moi ben traducido por Bożena Zaboklicka e Francesc Miravitlles. Cheguei a Nałkowska por unha estimulante exposición de Arantxa Calderón, da Universidade de Varsovia, que ousaba facer unha interpretación pouco ortodoxa. O libro, afirmou, denuncia as atrocidades do nazismo e mais o medo e o antisemitismo. Para a súa análise botou man dun relato tremendo, “Onda a vía do tren”, que estarrece e abre unha ferida tras outra, porque nel hai argumentos, si, para pensar o exterminio, e o antisemitismo e, se se dá zafado o contexto histórico, mesmo para concienciar sobre o dereito á morte digna. A escrita de Nałkowska ten vontade testemuñal, a mesma que move a esa narradora imprevista que é Mercedes Núñez, a quen, por certo, completa, cando trata a explotación das mulleres de Ravensbrück como escravas das fábricas de armamento.

O episodio que abre o libro sitúase nun instituto anatómico ateigado de corpos, coa cabeza no seu sitio se era dun maluco, e decapitado se era de dun purgado. Na parede hai unha receita para facer xabón. Diante de tanto horror alguén dá artellado unha explicación dentro da lóxica do exterminio e abafamos. O derradeiro episodio, moi breve, ten dous nenos por protagonistas. Non se trata de facer tenro o holocausto desde a mirada infantil, tan de moda agora polo pixama de John Boyne, nin tampouco de debullar a crúa constatación da morte que relata, e con moito acerto, Antón Fortes en Fume. No campo de Oświęcim (Auschwitz, en alemán) seica dous nenos se salvaran da cámara de gas. Andaban eles a remexer na area e pregúntalles un home:

―Nenos, que estades a facer aí?
A resposta foi:
―Xogamos a queimar xudeus.

A barbaridade incorporada a quen sobreviviron. Así pecha este libro necesario, que pide un tempiño cada canto para apañar aire. Boa semana e boas lecturas aínda que sexan tan crúas.

Advertisements

177| Connie Imboden, fotógrafa do corpo e a materia escura

Emisión DIARIO CULTURAL 06/04/2009

Esta é a semana na que o catolicismo explicita os corpos nus e sufrintes na súa iconografía hiperrealista por razón de fe. Corpos aferrollados pola dor, cravados, cubertos de feridas, sangue e bágoas. Aínda que hai fermosura nesa imaxinería, prefiro os corpos da fotógrafa Connie Imboden, unha esculca contemporánea e sorprendente a partir do corpo e a materia escura. Propóñolles, logo, unha mirada a esa carnalidade intervida das fotógrafas. Penso, por exemplo, nas fermosas e inquietantes esculturas vivas de Victoria Diehl, feitas da fusión de materiais: carne e materia biolóxica que viran en xeso ou arxila. Ou naquela primeira serie plenamente vixente de Andrea Costas, con corpos encaixados en botes de conserva ou retallados como marcador de libro. E aínda naquela mirada radiográfica de Benedetta Bonichi en To see in the dark, que evidencia os esqueletes da muller-polbo e da crucifixión.

Para facer as súas fotos, Connie Imboden, bota man do bañador, da cámara submarina e mergúllase na piscina do seu estudo. Aínda emprega a película e revela as fotos en branco e negro. Unha técnica tradicional para unha mirada sorprendente que procura desde dentro da auga ángulos inéditos nos corpos, no reflexo e no líquido tratado como materia escura. Porque ao facer as fotos desde dentro da auga a materia interrómpese, fai reflexos novos, simula formas que non son. Nunha das súas primeiras series, nas que traballaba coa auga como materia sólida, os corpos mudan as formas e dan sensacións inéditas. Un deles, titulado Dead Silence II (Morte silenciosa II, 1987), representa unha nova Ofelia. O corpo feminino deitado en horizontal sobre a auga, como quería Sylvia Plath nun dos seus máis coñecidos poemas, transformado ata converterse nunha raia, nunha especie de liña divisioria entre a vida e morte, ou, se o prefiren, nun guión longo que marca o tránsito. No horizonte, na horizontalidade, só sobresaen os dedos das mans e dos pés como querendo dicir: “aquí había vida”. O traballo de Connie Imboden escólmase nun catálogo recente titulado Reflections (2009). Reparen ben na imaxe da portada. Por máis surrealista que pareza a cabeza espichada nun pau sobre un reflexo de pólas outonizas, a foto non está retocada. Se queren saber como o fai, consulten o vídeo na web de Connie Imboden, onde se ve como se mergulla na auga e dispón os corpos na superficie.

Paga a pena descansar de tanto corpo sangrante mirando para estoutros corpos, menos resignados cós da imaxinería católica barroca desta semana. Por certo, como é que aínda non fomos quen de lle poñer outro nome a estes días? Contaba Basilio Losada que seica Baroja, para non ter que dicir “a Sagrada Familia”, botaba man dun eufemismo, “a Respectable Familia”. Non sei se eu dou resolto a cuestión, mais imos aló. Boa semana… de primavera e boas lecturas.


176| Ler de maneira híbrida. De Isabel Coixet a John Berger

Emisión DIARIO CULTURAL 30/03/2009

Hibridar é sinónimo de presente. A maternidade segundo Thomas Beatie ou Rubén Noé, o atletismo flex foot, a amizade facebook…, todo hibrida, mais as artes, como territorio especulativo da teoría e a forma, case sempre o fixeron antes. Por iso lles hai que prestar atención aos centros que producen experimentación, como o Centre d’Art Santa Mònica, que reabre esta semana.

Fronte á urxencia taxonómica da modernidade, a postmodernidade permitiu pensar alén das razas puras, as categorías estábeis, o sexo nun corpo delimitadiño e o xénero pechado nos seus roles. Moitas das novas que enchen agora as páxinas de sociedade pasaron antes polas de cultura en forma de literatura, cinema ou arte experimental porque as artes fan de simulador de realidades inexistentes, van máis alá e abren debate antes de que os xornais escriban titulares charramangueiros e resesos con supostas monstruosidades que non son máis que o resultado da hibridación, do presente. Penso, claro, no caso Rubén Noé.

Neste aspecto moito nos interesa o novo Centre d’Art Santa Mònica, un interrogante artístico ao final das Ramblas, ou, como di o seu lema: “arte, ciencia, pensamento, comunicación”. Coherente coa súa política reaparece nun novo corpo virtual hibridado que combina web, youtube, myspace, facebook, flickr, etc., porque as entidades corporativas do noso presente mutaron en polbo identitario con múltiples patas dixitais. Para a inauguración anúnciase un músico singular, Carles Santos, que se vai deixar caer Ramblas abaixo tocando o piano, e mais unha instalación de Alfredo Jaar que estra preguntas sobre a arte e a cultura como: “é necesaria a arte?, a cultura é crítica social?, que responsabilidades ten a cultura?”. Agora ben, a proposta máis rechamante desta reinauguración titúlase From I to J, en referencia ao From A to X de John Berger. A directora de cine Isabel Coixet, sempre interesada na literatura, que hai unhas semanas conversaba en Barcelona con Murakami, pensou unha instalación con deseño da arquitecta Benedetta Tagliabue a partir dese libro de Berger. En grupos pequerrechos poderanse escoitar as cartas que unha muller lle escribe a un preso que ten prohibido responder. Esa escrita sen retorno, ese falar na absoluta soidade, vaise debullando en cartas lidas por actrices como Isabelle Huppert, Leonor Watling, Carme Elias, Juliette Binoche, Maria de Medeiros ou Penélope Cruz. A soidade escrita contrasta coa lectura colectiva. Os textos escóitanse en grupo mais intervense na comunicación por medio da instalación e en certo xeito asúmese que o texto fai camiño ao longo dun labirinto de mediacións lectoras. Ler de maneira híbrida, co texto literario batendo contra a instalación artística nun museo, é unha maneira de incomodar a lectura fóra da páxina. Boa semana e boas lecturas híbridas.


163| Judith Butler: corporeizar o pensamento

Emisión DIARIO CULTURAL 15/12/2008

Judith Butler ocupa lugar nos andeis de novidades das librerías cos últimos readers publicados nos Estados Unidos e mais coas entrevistas que aparecen nas revistas de cultura e pensamento. Exit Book vén de publicar unha entrevista con ela, que se suma a outras anteriores nas revistas Metrópolis e Lectora, nas que Butler falou sen cancelas.

A entrevista é unha modalidade de eséxese que me resulta do máis interesante. A entrevista permite un achegamento dixerido aos discursos complexos, ou prolixamente elaborados, que se desenvolven en forma de artigo ou libro e engaden aínda a posibilidade de mostar as contradiccións e os puntos escuros que detecta quen entrevista. Por riba permiten, ademais, encarnar unha formulación intelectual nun corpo e nunha experiencia vital; a fin de contas toda teoría se sustenta tamén nunha biografía. Así se comproba nas últimas entrevistas que lle lin a Judith Butler nos dous últimos anos. Exit Book, especializada na arte e a cultura visuais, ofrece no seu número 9 (2008) un monográfico sobre feminismo e arte de xénero, consecuencia, sen dúbida daquelas grandes exposicións que tiveron lugar en Los Angeles, Bilbao e Compostela. Refírome, claro, a Wack!, Kiss kiss bang bang e mais A batalla dos xéneros. O monográfico ofrece unha posta ao día do debate feminista con artigos de Amelia Jones, Estrella de Diego ou Ana Martínez-Collado, unha interesante sección de libros, na que colaboran, entre outros Patricia Mayayo e Pedro de Llano, e, sobre todo, ofrece dúas entrevistas, unha con Rosi Braidotti e outra, máis gorentosa, con Judith Butler, feita por Juan Vicente Aliaga. Aliaga centra as súas preguntas nun aspecto central do pensamento de Butler, a categoría de xénero, e logo entra nun aspecto recorrente nas últimas entrevistas e intervencións da pensadora: a violencia bélica exercida polos Estados Unidos e Israel. Os temas non se afastan moito doutras entrevistas, interesantísimas, a Butler publicadas nos dous últimos anos. Refírome á que lle fixo Fina Birulés para o número 78 (2008) da revista barcelonesa Metrópolis, que lles recomendo vivamente porque son dúas filósofas interpelándose, fronte por fronte, e mais a publicada no número 13 (2007) de Lectora, feita por Patrícia Soley-Beltran e Beatriz Preciado.

Neste ano 2008 publicaronse varios readers como Judith Butler. Sexual politics, social change and the power of the performative (Routledge, 2008) editado por Jill Jagger, ou Judith Butler and political theory (Roudledge, 2008), editado por Terrell Carver e Samuel A. Chambers, así como unha conferencia pronunciada por Butler en Barcelona que se titulou Vulnerabilitat, supervivència (2008), que se glosou neste comentario de opinión. Hai moitos textos frescos de e sobre Butler mais eu nunca renunciaría a corporeizar o seu pensamento, que é o valor engadido que teñen as entrevistas. Boa semana e boas lecturas.