Arquivo da categoría: desenvolvemento e mulleres

145| Astronautas femininos

Emisión DIARIO CULTURAL 04/08/2008

Repasar xornais de hai anos leva sorpresa asegurada. A crónica diaria obriga a enfrontarse co pasado desde un presente saudoso, porque os desexos e os prognósticos de antano non contan xa coa vantaxe do futuro incerto. Lemos nesas páxinas sucumbindo á sedución do tempo abolido. Velaquí un retallo de xornal. É domingo 28 de decembro de 1975, o ano do pasamento de Josephine Baker, Pier Paolo Pasolini e Hannah Arendt. É tamén o Ano Internacional da Muller. Ese día en La Voz de Galicia, nunha sección titulada “A muller galega”, publícase un artigo a plana completa de Luz Pozo Garza titulado “Año Internacional de la Mujer y enseñantes femeninas en Galicia”, que se acompaña cun retrato da escritora e mais unha ficha do seu labor profesional, intelectual e literario.
Luz Pozo comeza cun percorrido pola vindicación. Cita a Felicité Keralio, unha daquelas revolucionarias francesas hoxe case esquecida nos manuais de historia do feminismo, prolífica escritora e fundadora do Journal d’État et du Citoyen. Tamén cita a Olympe de Gouges, Simone de Beauvoir e María de los Reyes Laffite, Condesa de Campo Alange, que baixo a bota de Franco e os xustillos da Sección Femenina publicou en 1948 La secreta guerra de los sexos. E logo, claro, dúas imprescindíbeis daquel momento, Lidia Falcón e Victoria Sau, a quen aínda se pode oír cada canto en Barcelona. A análise de Luz Pozo comeza no mesmo punto que o feminismo sufraxista: a defensa das mulleres e a súa equiparación aos varóns partillando os dereitos humanos. E a seguir debullaba o daquela espiñento problema das incompatibilidades profesionais recorrendo a un argumento clásico no feminismo: a sexuación das profesións como masculinas ou femininas en relación á súa capacidade para producir diñeiro e recoñecemento. Tradúzolles, do español:

“O exemplo das nacións supercivilizadas ou sen prexuízos de sexos, como a URSS vénnos demostrar que existen poucas profesións incompatíbeis coa muller. Hai astronautas femeninos, Capitáns de Barco, Xefes de Estación, Rectores de Universidade, Médicos, mulleres piloto…

Nas nosas latitudes o varón fuxe dos traballos domésticos, pero non ten inconveniente en desempeñar funcións consideradas coma femininas cando están ben retribuídas e son cómodas: cociñeiro, barman, camareiro, peluqueiro, alta costura, sastre, maîte de hotel…

O ensino vaise deixando en mans femininas, pero sobre todo nas súas primeiras etapas —parvulistas, mestras de EXB— pola súa incomodidade e baixa retribución”.

O artigo, un bo espello das esperanzas que abría a Transición, fala da desigualdade de xénero a nivel social e político e con ese “astronautas femininos”, que non era unha afirmación queer, pon en evidencia os muros de xénero cos que aínda batemos na linguaxe. Boa semana e boas lecturas.

Advertisements

131| “A luta continua”

Emisión DIARIO CULTURAL 28/04/2008

O 23 de abril as Ramblas estaban a bordar de xente que mercaban rosas e libros. E seica foron as grandes maquinarias editoriais, as que fabrican premios e venden milleiros de exemplares, as que conseguiron as colas máis longas do día: en catalán a premiada Najat El Haschmi, en español, Ruiz Zafón. En calquera caso, un fervedoiro de xente a pasear, mercar libros e falar con todo tipo de escritoras e escritores. Porque en realidade, nun día coma o de Sant Jordi, o que menos interesa é a disputa inútil do “eu máis” (eu máis exemplares vendidos) ou do “a ver quen a ten máis grande” (a ver quen ten máis grande a ringleira de xente que agarda por unha sinatura).

Esa mesma mañá Graça Machel recibía o doutoramento honoris causa pola Universidade de Barcelona e era, para pasmo da nosa conciencia tan arrumbadiña, a primeira persoa africana que recibía tal distinción na nosa universidade. Graça Machel é unha das figuras máis salientables do Mozambique independente. Casada co primeiro presidente despois do período colonial, Samora Machel, ela mesma fíxose cargo do Ministerio de Educación e Cultura en 1975 e ao remate do seu mandato conseguira triplicar os índices de escolarización: en 1989 o 90% dos rapaces e o 75% das rapazas de Mozambique estaban alfabetizados. Logo, infatigable, continuou botando para adiante proxectos relacionados co desenvolvemento en África.

No seu discurso Graça Machel deu algúns datos contundentes: que no mundo aínda hai mil millóns de persoas que sobreviven con menos dun dólar ao día, menos do que vale un café onda nós; que máis de dez millóns de meniños morren antes dos cinco anos por doenzas que se poden prever; e que máis de mil millóns de persoas son analfabetas, e dous terzos delas son mulleres. Estes datos fannos pensar, en primeiro lugar, claro, nas distancias que existen entre o mundo do confort e o da supervivencia, pero tamén nos poñen, coido eu, diante do espello. E o espello fala do noso esquecemento doutros mundos, do imperio do mercado e da lixeireza con que nos situamos agora diante dos saberes. Como evidencian os titulares do 23 de abril as nosas sociedades, tan alfabetizadas e con acceso doado e gratuíto á cultura, están máis preocupadas polo consumo que polo saber, polo libro como best-seller que pola lectura.

Graça Machel rematou o seu discurso defendendo o papel dos países receptores na xestión de políticas e de recursos para o desenvolvemento, subliñou a importancia da formación de futuras mulleres líder que creen sociedades máis xustas, e lembrou que canto máis pobre se é menos saúde se ten e menos educación se recibe. Pechou a intervención dicindo que “a luta continua” para promover incansabelmente o espírito dos símbolos do 23 de abril, a rosa do amor e o libro do coñecemento. Boa semana e boas, boas lecturas.