Arquivo da categoría: igualdade

157| Kara Walker, coma quen escribe unha novela na parede

Emisión DIARIO CULTURAL 03/11/2008
Kara Walker retalla en negro, e ben negro, as súas revisións dos mitos da nación norteamericana volvendo ao século XIX. Cun pé na negra e brutal memoria da escravitude e mais da guerra civil norteamericana, e co outro pé nese xénero tan branco que é a novela romántica, a artista plástica emprega técnicas e enfoques aparentemente inocentes para recompoñer coas súas instalacións, feitas coma colaxes, unha mirada comprometida cun período fundamental da historia desa nación que seica ten como enxulla unha idea, a liberdade. Kara Walker reúne desde a máis naïf estética victoriana á caricatura contundente no negro sólido do recortábel. E faino desde a encrucillada identitaria que ocupa como muller, feminista e afroamericana. Os seus traballos máis coñecidos son esas figuras retalladas en papel negro con figuras, cousas e paisaxes que logo pega nunha galería coma quen escribe unha novela na parede. Precisamente o interese pola silueta, pola imaxe en negro, quere mostrar unha aposta decidida por situarse na historia negada, no contradiscurso da nación, a raza e o xénero nos Estados Unidos. O seu primeiro traballo feito coa técnica de recortábeis titulouno Foise co vento (Gone with the Wind), unha revisión das escravas e dos escravos negros amarrados nos tópicos estremos de parviños felices ou de ignorantes. En 2001 presentou Escenas de caza (Hunting Scene). Nel facía unha crítica sobre o concepto de civilización e barbarie desde o punto de vista da Modernidade. Verán. Dunha banda, nunha paisaxe africana, un home negro espeta nas varas os seus trofeos de caza: as cabezas das mulleres e homes brancos. Pola outra, sobre unha paisaxe americana, os civilizados homes brancos, cos seus rifles, celebran os seus trofeos, cabezas de escravas e escravos negros. Non son estas as súas únicas siluetas brutais e corrosivas. Un dos recortábeis da instalación Meu complemento, meu inimigo, meu opresor, meu amor (My Complement, my Enemy, my Oppresor, my Love) representa unha escena da violación practicada polo amo no tellado da casoupa da escrava. Outro, titulado Aproximación á emancipación (The Emancipation Approximation, 2000) fai referencia a dúas loitas que marcan o tránsito do XVIII ao XIX, a abolición da escravitude e mais a vindicación das mulleres (iso si, brancas e de clase media), así que case dous séculos despois, semella que Kara Walker repita coa súa arte aquela frase que fixo famosa a Sojouner Truth no XIX: “E logo, eu non son muller?”. En dasorixesdemarzo.wordpress.com póñolles os enlaces a páxina de Kara Walker en Art 21 e mais a unha videoentrevista na que se documenta o seu interese por outra técnica, a proxección animada de sombras, imitando os comezos do cinema.

Kara Walker relata o racismo na alborada da nación americana; a súa arte parte da historia, pero non é un relato do pasado, nin só dos Estados Unidos. Boa semana e boas lecturas.


145| Astronautas femininos

Emisión DIARIO CULTURAL 04/08/2008

Repasar xornais de hai anos leva sorpresa asegurada. A crónica diaria obriga a enfrontarse co pasado desde un presente saudoso, porque os desexos e os prognósticos de antano non contan xa coa vantaxe do futuro incerto. Lemos nesas páxinas sucumbindo á sedución do tempo abolido. Velaquí un retallo de xornal. É domingo 28 de decembro de 1975, o ano do pasamento de Josephine Baker, Pier Paolo Pasolini e Hannah Arendt. É tamén o Ano Internacional da Muller. Ese día en La Voz de Galicia, nunha sección titulada “A muller galega”, publícase un artigo a plana completa de Luz Pozo Garza titulado “Año Internacional de la Mujer y enseñantes femeninas en Galicia”, que se acompaña cun retrato da escritora e mais unha ficha do seu labor profesional, intelectual e literario.
Luz Pozo comeza cun percorrido pola vindicación. Cita a Felicité Keralio, unha daquelas revolucionarias francesas hoxe case esquecida nos manuais de historia do feminismo, prolífica escritora e fundadora do Journal d’État et du Citoyen. Tamén cita a Olympe de Gouges, Simone de Beauvoir e María de los Reyes Laffite, Condesa de Campo Alange, que baixo a bota de Franco e os xustillos da Sección Femenina publicou en 1948 La secreta guerra de los sexos. E logo, claro, dúas imprescindíbeis daquel momento, Lidia Falcón e Victoria Sau, a quen aínda se pode oír cada canto en Barcelona. A análise de Luz Pozo comeza no mesmo punto que o feminismo sufraxista: a defensa das mulleres e a súa equiparación aos varóns partillando os dereitos humanos. E a seguir debullaba o daquela espiñento problema das incompatibilidades profesionais recorrendo a un argumento clásico no feminismo: a sexuación das profesións como masculinas ou femininas en relación á súa capacidade para producir diñeiro e recoñecemento. Tradúzolles, do español:

“O exemplo das nacións supercivilizadas ou sen prexuízos de sexos, como a URSS vénnos demostrar que existen poucas profesións incompatíbeis coa muller. Hai astronautas femeninos, Capitáns de Barco, Xefes de Estación, Rectores de Universidade, Médicos, mulleres piloto…

Nas nosas latitudes o varón fuxe dos traballos domésticos, pero non ten inconveniente en desempeñar funcións consideradas coma femininas cando están ben retribuídas e son cómodas: cociñeiro, barman, camareiro, peluqueiro, alta costura, sastre, maîte de hotel…

O ensino vaise deixando en mans femininas, pero sobre todo nas súas primeiras etapas —parvulistas, mestras de EXB— pola súa incomodidade e baixa retribución”.

O artigo, un bo espello das esperanzas que abría a Transición, fala da desigualdade de xénero a nivel social e político e con ese “astronautas femininos”, que non era unha afirmación queer, pon en evidencia os muros de xénero cos que aínda batemos na linguaxe. Boa semana e boas lecturas.


133| Nin as mulleres nin a lingua galega son o problema

Emisión DIARIO CULTURAL 12/05/2008

Vaia unha se montou na rede coa restra de artigos sobre sexismo na lingua publicados en Vieiros nas últimas semanas. O caso é que Olga Castro, profesional da tradución, activista recoñecida a prol da igualdade e, o que é máis interesante para o caso, investigadora especializada na cuestión da linguaxe e o sexismo, asumiu o reto de abrir debate público. Meteuse no papel de Pandora e púxose a argumentar un deses temas que se foron incorporando ao politicamente correcto abrindo, iso si, acedos debates. Porque un dos temas abertos na opinión pública de hoxe radica nos cambios que producen as políticas de igualdade promovidas por un influínte feminismo institucional que apostou por tirar a cuestión das mulleres do gueto do asistencial para convertelo en cuestión trasversal. Rescatouno do privado para convertelo en asunto público.

Olga Castro, nos seus tres longos artigos titulados “O sexismo na lingua”, explica a importancia da linguaxe, sinala as diversas posicións sobre a cuestión, exemplifica a desigualdade, debulla as posíbeis estratexias para resolver esas prácticas e remata poñendo o dedo na encrucillada: na necesidade de que a planificación lingüística desenvolvida en Galicia incorpore entre os seus obxectivos a superación do sexismo. Por iso a súa derradeira entrega remata así: “a planificación lingüística pode ir perfectamente acompañada da planificación de xénero. Na encrucillada xénero e nación, eu escollo AS DÚAS!” (Vieiros, 09/05/2008). Non é a primeira vez que se establece onda nós un paralelismo entre a discriminación do idioma galego e a discriminación das mulleres (penso nos ensaios fundacionais do feminismo galego de María Xosé Queizán, por exemplo). A diferenza é que agora contamos coa posibilidade de desenvolver políticas correctoras desde as institucións a través de gabinetes especializados.

A socióloga Soledad Murillo, que foi unha das feministas de maior peso no anterior goberno do Estado español e unha das que contribuíu á feminización da axenda política, defendía nas súas intervencións públicas: “as mulleres non son o problema, sofren os problemas xerados pola sociedade”. Pois ben, aplicando o conto, as mulleres son as que sofren os problemas xerados por unha linguaxe sexista que, se ben é froito dunha tradición, tamén é certo que é un produto social que se pode e que se debe transformar. A resistencia a eses cambios radica nos límites. De maneira interesada confúndese visibilidade con igualdade, e parece que por usar dous femininos protocolarios ou por ter a rotulación dun local en galego as desigualdades estean superadas. Nin as mulleres nin a lingua galega son o problema, sofren os problemas dunha sociedade que non é quen de recoñecerse no espello.

En fin, ventureiras Letras Galegas con aquelas lecturas que máis lles presten.