Arquivo da categoría: lingua e sexismo

2\ Formigón e sexismo lingüístico

Non che hai nada como morrer antes de tempo e deixar un ronsel de dúbidas. Alimentar o morbo e o mito, é cousa nosa, que por moito que impostemos aquilo de que non queremos unha cultura funeraria nin un día das letras mortas logo vai e resulta que niso somos coma os máis, que un cadáver morno e confuso aguilloa o interese, desde as enfermidades imprevistas ás solucións suicidas. Os seus corpos e os seus corpus lémolos como quen mira o CSI ou Bones: entramos no anatómico forense, recompoñemos as circunstancias da morte, os treitos de vida que nos conmoven, aquela parte da súa obra creativa que seica agoiraba o desenlace…

O difícil é deixar pegada cando a morte chega, digamos, case cando toca, e legar un corpo e un corpus que pode interesar na parroquia e pouco máis. Por esa razón me sorprendeu unha esquela recente, a dun investigador do CSIC que era doutor enxeñeiro en camiños, canais e portos e lingüista, unha combinación pouco habitual, sobre todo porque, segundo consta na esquela o tal investigador tivo importantes recoñecementos pola súa investigación no campo do Formigón Estrutural, escrito con maiúsculas. A necrolóxica é por defecto xénero encomiástico mais este non é un deses casos nos que a familia, levada polo amor e un respetiño, non fía ben o asunto, non. Aí os están os seus traballos sobre o formigón e fundamentos de construcción de calidade canda outros sobre os nomes comúns e abstractos e, atención, sobre o sexismo na linguaxe. A necrolóxica da familia publicada nun xornal estatal dicía así (abrevio e traduzo):

Ilustrísimo señor Don Álvaro García Meseguer Doutor Enxeñeiro de Camiños, Canais e Portos e Profesor de Investigación do CSIC. Encomenda con placa da Orde de Afonso X o Sabio. Medalla de ACHE por méritos á investigación no campo do Formigón Estrutural. […] Investigador en Lingüística, pioneiro no tratamento do Sexismo Lingüístico.

dom4

<\ Álvaro García Meseguer, ¿Es sexista la lengua española? Madrid: Paidós, 1994

 

Xa que logo, benqueridas Olga, Iolanda, Saleta e Kristal, ben o vedes, haber hai lingüistas que se atreven co sexismo na linguaxe e familias que teñen a gala honrar con ese mérito ao seu finadiño. Claro que Meseguer e mais a súa muller, Pilar Yzaguirre, foron os primeiriños en traer a Betty Friedan a España. De feito Pilar Yzaguirre, vinculada ao mundo do teatro e do feminismo, fíxose cargo en plena transición dunha subdirección xeral do goberno español con nome revirado mesmo para aqueles tempos, a da Condición Feminina, que naquela altura dependía do ministro de cultura, Pío Cabanillas o vello. Disimulade que non valore as investigacións de García Meseguer, nin sobre formigón nin sobre sexismo, que unha non deixa de ser de literatura…, mais o enxeñeiro-lingüista, que sabía de estrutras e fundamentos, deixou escrito (traduzo):

A linguaxe é machista porque a sociedade foi así, e a sociedade seguirá sendo machista mentres o sexa a linguaxe.


189| Galeguismo cordial. Comentario de texto

Emisión DIARIO CULTURAL 29/06/2009

Leo o discurso pronunciado polo Presidente Feijoo na entrega das Medallas Castelao 2009. Como o ton político nesta xeira é o da aberta cordialidade non se me terá a mal o comentario do discurso. Para empezar aconséllase ao gabinete presidencial un repasiño aos discursos institucionais para que se axusten ás normas oficiais do idioma, porque no das Medallas Castelao, publicado na web do goberno galego, hai unha boa presada de erros lingüísticos (emprego incorrecto de pronomes, verbos, acentos, castelanismos…) que cómpre evitar en calquera uso do idioma, sobre todo se é tan formal coma este. Agardo que a calidade de lingua do presidente ha mellorar no futuro porque a estas alturas aínda queda entre o persoal de San Caetano unha boa presada de funcionarias e funcionarios que pasaron a proba de lingua galega e, daquela, poden darlle un repasiño aos textos presidenciais. E de camiño que se revisa a morfoloxía e a sintaxe ben podían eliminar os restos de sexismo lingüístico; son poucos, pero algún quedou. Confío en que a calidade de lingua da primeira institución galega ha mellorar porque peor o tiña o Presidente da Generalitat, Montilla, que nin era catalán-falante nin tiña moi claro o do sexismo lingüístico e agora fala e publica os discursos cunha corrección á altura do cargo que desempeña.

No discurso cítase a Gandhi, a Luther King e a Mandela como modelos de superación de conflito, e non sei se acertou coa hipérbole, porque se lle hai que poñer cara a un hipotético ku klux clan do galego… Logo dáse unha reviravolta para evitar as espiñas de Castelao. Agora que se conseguira evitar pronunciar en público Premios Nacionais, resulta que vai e bate co de Sempre en Galiza. E como fai para non lle entrar ao rego ao de Rianxo?, pois citando a Fernández Flórez cando afirmou que Castelao era o Gandhi galego. Iso si, colleuse a cita con pinzas para zafar o resto do episodio, que remata coa defensa explícita por parte de Castelao da lingua galega.

Como ben saben, nese discurso o Presidente Feijoo defendeu o galeguismo cordial, explicado como sinónimo de galeguismo harmónico, e digo eu se non sería un lapsus, porque aténdose á descrición dos feitos, máis ben habería que falar de españolismo cordial. A verdade é que esta tempada ándolles tan perdida que me cómpre con urxencia un novo dicionario, porque xa non sei o que se quere dicir cando se di liberdade, bilingüismo amable, galeguismo cordial ou patriotismo (o de patriotismo empregouno Feijoo no seu discurso, e non lles sei dicir se o empregaba seguindo a Rosalía na “Estranxeira na súa patria” ou como eufemismo conservador do termo nación).

A fotógrafa portuguesa Joana Pimentel titulou un dos seus traballos O que se lê, ela não lê. Pois iso me debe pasar, que o que leo nos discursos e nas novas dos xornais eu non o leo, quero dicir, eu non o entendo. Boa semana e boas lecturas.


188| Señorita Capmany, por favor! Non volva dicir nosoutras

Emisión DIARIO CULTURAL 22/06/2009

A voltas co sexismo na linguaxe por unha conversa cunha colega, matinaba nas e nos especialistas de lingüística. Para a maioría soa a arroutada incontrolada de ministra. Se cadra a resistencia aos cambios leva a asumir certezas científicas sobre a falta de correspondencia entre a gramática e a representación do mundo. Eu, na última, zafei: “Mira, meu, sonche de literatura e de galego, e se algo sei é que as normativas non che son especies ventureiras”. Logo remitín ao artigo de Olga Castro na Festa da Palabra Silenciada, e se me encirran aínda lles había dar a url da tradución ao español que está en Mujeres en red. Olga Castro non é a primeira en enfrontarse á cuestión, mais a ela lle debemos as análises máis rigorosas onda nós. Do asunto ocupouse, con menos ciencia e máis retranca, Maria-Aurèlia Capmany. Quen non vivimos a intensa vida cultural dos 60 só sabemos dela os restos: os retratos desafiantes co cigarro, que foi escritora prolífica e, sobre todo, a súa actividade teatral poñendo en escena Espriu. Desa proveitosa relación queda unha nota crítica para La pell de brau recollida en Ediciós do Castro. E sabemos agora que foi unha das catalás que en 1966 se adheriu á homenaxe a Celso Emilio Ferreiro, respondendo a un pedimento de Ferrín no que mediaron Costa Clavell e Basilio Losada. Pouco máis. Para poñerse ao día dunha vida tan intensa paga a pena ler un libro moi recomendable e recente, porque Montserrat Palau, a súa editora, amiga e estudosa, vén de publicar Maria-Aurèlia Capmany. Escriure la vida en femení (Arola Editors, 2009). Capmany foi das primeiriñas en ler e importar as propostas de Simone de Beauvoir e Betty Friedan e por iso teimou en definir unha vez e mais outra o que era a muller dentro dos parámetros da segunda onda feminista en títulos como La dona catalana (1968), Feliçment, jo sóc una dona (1969) ou El feminisme a Catalunya (1973). Ogallá que as coleccións que viñan traducindo as clásicas do feminismo ao galego reparen nela. (Atención, administracións: velaquí unha oportunidade para demostrar diálogo co presente: xénero, lingua, tradución e… subvención). Porque, si, paga a pena recuperar esta escritora ceiba que nos 60 traduciu… ao catalán O barón rampante de Calvino!

Como lles dicía, en 1973, Maria-Aurèlia Capmany, sobrada de retranca, exemplificou o sexismo na linguaxe en Carta abierta al macho ibérico. Tradúzolles un anaco á brava:

Lembro o barullo que se armou na clase de filosofía cando, para demostrar as formas a priori da sensibilidade de Kant, eu dixen: “Nosoutras percibimos…”. O doutor Font i Puig, moi amable, interrompeu o meu discurso e díxome: “Señorita Capmany, por favor! Non volva dicir nosoutras. O feminino non ten carta de natureza no templo da sabedoría. Diga vostede nós, a súa magnífica intelixencia masculina dálle dereito a empregar o nós.”

Boa semana e boas lecturas.


133| Nin as mulleres nin a lingua galega son o problema

Emisión DIARIO CULTURAL 12/05/2008

Vaia unha se montou na rede coa restra de artigos sobre sexismo na lingua publicados en Vieiros nas últimas semanas. O caso é que Olga Castro, profesional da tradución, activista recoñecida a prol da igualdade e, o que é máis interesante para o caso, investigadora especializada na cuestión da linguaxe e o sexismo, asumiu o reto de abrir debate público. Meteuse no papel de Pandora e púxose a argumentar un deses temas que se foron incorporando ao politicamente correcto abrindo, iso si, acedos debates. Porque un dos temas abertos na opinión pública de hoxe radica nos cambios que producen as políticas de igualdade promovidas por un influínte feminismo institucional que apostou por tirar a cuestión das mulleres do gueto do asistencial para convertelo en cuestión trasversal. Rescatouno do privado para convertelo en asunto público.

Olga Castro, nos seus tres longos artigos titulados “O sexismo na lingua”, explica a importancia da linguaxe, sinala as diversas posicións sobre a cuestión, exemplifica a desigualdade, debulla as posíbeis estratexias para resolver esas prácticas e remata poñendo o dedo na encrucillada: na necesidade de que a planificación lingüística desenvolvida en Galicia incorpore entre os seus obxectivos a superación do sexismo. Por iso a súa derradeira entrega remata así: “a planificación lingüística pode ir perfectamente acompañada da planificación de xénero. Na encrucillada xénero e nación, eu escollo AS DÚAS!” (Vieiros, 09/05/2008). Non é a primeira vez que se establece onda nós un paralelismo entre a discriminación do idioma galego e a discriminación das mulleres (penso nos ensaios fundacionais do feminismo galego de María Xosé Queizán, por exemplo). A diferenza é que agora contamos coa posibilidade de desenvolver políticas correctoras desde as institucións a través de gabinetes especializados.

A socióloga Soledad Murillo, que foi unha das feministas de maior peso no anterior goberno do Estado español e unha das que contribuíu á feminización da axenda política, defendía nas súas intervencións públicas: “as mulleres non son o problema, sofren os problemas xerados pola sociedade”. Pois ben, aplicando o conto, as mulleres son as que sofren os problemas xerados por unha linguaxe sexista que, se ben é froito dunha tradición, tamén é certo que é un produto social que se pode e que se debe transformar. A resistencia a eses cambios radica nos límites. De maneira interesada confúndese visibilidade con igualdade, e parece que por usar dous femininos protocolarios ou por ter a rotulación dun local en galego as desigualdades estean superadas. Nin as mulleres nin a lingua galega son o problema, sofren os problemas dunha sociedade que non é quen de recoñecerse no espello.

En fin, ventureiras Letras Galegas con aquelas lecturas que máis lles presten.